Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

4 JUNIO, 2016

A cita:

“Escoitei unha persoa agonizar coa fame mentres outros moitos rían” (A Hard Rain’s a-Gonna Fall)

freewheelin

A ficha:

Publicado o 27 de maio de 1963

Gravado en Nova York o 24 e 25 de abril, 9 de xullo, 26 de outubro, 1 e 15 de novembro e 6 de decembro de 1962; e o 24 de abril de 1963

Produtores: John Hammond, Tom Wilson

Selo: Columbia

 

Os músicos:

Bob Dylan: voz, guitarra acústica, órgano e harmónica

Howie Collins (guitarra); Bruce Langhorne (guitarra); Leonard Gaskin (baixo); Herb Lovelle (batería); Dick Wellstood (piano)

 

As cancións:

  1. Blowin’ in the Wind *****
  2. Girl from the North Country *****
  3. Masters of War ****
  4. Down the Highway ****
  5. Bob Dylan’s Blues ***
  6. A Hard Rain’s a-Gonna Fall *****
  7. Don’t Think Twice, It’s All Right *****
  8. Bob Dylan’s Dream ****
  9. Oxford Town ***
  10. Talking World War III Blues  ***
  11. Corrina, Corrina ****
  12. Honey, Just Allow Me One More Chance ***
  13. I Shall Be Free ***

 

As vendas:

Chegou ao número 1 nas listas británicas e non pasou do 22 nas norteamericanas.

 

A reseña:

Dylan regresa ao estudio apenas un mes despois de publicarse o seu primeiro elepé. Desta volta levaralle moito máis tempo finalizar o traballo: un ano, nada menos. Un ano intenso e accidentado, cheo de acontecementos (individuais e colectivos), que afectarán o seu proceso creativo e acabarán de perfilar o personaxe de Dylan nesta primeira etapa da súa carreira, a de folksinger-songwriter.

The Freewheelin’ Bob Dylan contén as primeiras grandes mostras do xenio do autor e tamén os seus primeiros himnos imperecedeiros. Malia estar facturado coa austeridade propia do xénero, asociado (moi ao pesar de Dylan, como non tardariamos en descubrir) cunha actitude de rexeitamento da música de consumo masivo, o álbum é unha obra mestra tan só ao alcance dun talento superlativo, que se revela ademais como un experto coñecedor da tradición musical anglosaxona. Con este disco, o artista demostrou que John Hammond levaba razón cando apostou por el, convenceu os executivos máis reticentes de Columbia e empezou a abrirse camiño cara ao estrelato, exhibindo unha progresión absolutamente pasmosa.

the-freewheelin-bob-dylan4

Foto: Don Hunstein

Estamos na primavera de 1962 cando Bob Dylan decide volver a gravar. O noso home leva xa un par de meses instalado nun apartamento da rúa West 4th de Nova York, que comparte co primeiro gran amor da súa vida, Suze Rotolo. De ascendencia italiana e dous anos máis nova que el, Rotolo era unha activista convencida que marcou a carreira do seu mozo durante os tres anos que aproximadamente foron parella. Presentounos Carla, a irmá maior de Suze (á que Dylan culpou directamente da súa ruptura nunha canción da que falaremos máis adiante), en xullo de 1961. E foi a partir de entón cando o noso home pasou a interesarse polas reivindicacións da esquerda progresista da época. Ou, cando menos, cando as incorporou de xeito máis ou menos explícito ás súas composicións. A súa facilidade innata para converter en cancións as noticias de trasfondo social que lía nos periódicos disparou a fama de Bobby, tanto dentro do Village, onde todos os artistas se coñecían, como alén das fronteiras invisibles do barrio. El non tardou en rexeitar calquera etiqueta de voceiro de ninguén ao proclamar que aquelas cancións xa existían e tan só “agardaban por alguén que as escribira”. Son palabras pronunciadas en xuño de 1962 na emisora de radio WBAI, onde tamén responde con evasivas aos eloxios do seu amigo Pete Seeger, que asegura que“Dylan é o cantautor máis prolñifico que existe”. “Podo estar dúas semanas sen escribir, aínda que é certo que escribo moito. Onte á noite escribín cinco cancións dunha tacada, pero esquecín todos os papeis nun garito chamado The Bitter End”. Zimmerman está cada vez máis cómodo na pel do seu personaxe, aínda que non ha tardar demasiado en mudar o seu disfraz.

Pero, por riba de todo, a relación entre Suze Rotolo e Bob Dylan estivo marcada, tal e como demostran algunhas das máis fermosas cancións sentimentais que escribiu o artista, pola paixón: “Desde o momento en que a vin, xa non puiden apartar os ollos dela. Era a cousa máis erótica que vira na miña vida”, escribiría Dylan sobre Suze moitos anos despois na súa autobiografía, “tiña un sorriso capaz de iluminar unha rúa ateigada de xente, era vital e voluptuosa, como unha escultura de Rodin que cobrase vida”. Aí queda iso. E aí queda tamén, para a Historia, a imaxe da cuberta de The Freewheelin’, unha das máis icónicas do rock, con Rotolo camiñando do brazo de Dylan pola rúa na que vivían, que aparece cuberta pola neve. Ataviado cunha lixeira chaqueta de ante, el semella encollido polo frío e vai mirando para o chan. Moito máis abrigada e segura, ela sorrí e mira directamente á cámara. O que atopamos ao outro lado desa fotografía é igual de bo.

the-freewheelin-bob-dylan61

Foto: Don Hunstein

As sesións no Estudio A que Columbia ten no 799 da Sétima Avenida comezan o 24 de abril de 1962. Dylan grava sete cancións nesa xornada: catró súas, dúas tradicionais e unha versión de Hank Williams. Nada dese material aparecerá no disco un ano máis tarde. Algún tema está moi preto de facelo pero a concatenación de circunstancias que veremos de contado impídeno en última instancia. A mesma sorte corren as oito gravacións realizadas ao día seguinte, 25 de abril, entre as que hai de novo material propio e alleo.

Dylan non volve polo estudio ata o 9 de xullo, día en que rexistra, por fin, as catro primeiras cancións que acabarán en The Freewheelin’: Blowin’ In The Wind, Bob Dylan’s Blues (que era tamén o título provisional do elepé), Down The Highway e Honey, Just Allow Me One More Chance. A primeira non necesita presentación. Canción global, universal, himno sobre o inexorable paso do tempo e as miserias cíclicas da condición humana, Blowin’ In The Wind foi escrita en probablemente non moito máis de cinco minutos. A liña melódica é case idéntica á de No More Auction Block, un canto negro tradicional de denuncia da escravitude, que Dylan aprendera había pouco (e do que existe cando menos unha versión súa que aparecería anos máis tarde no primeiro volume das Bootleg Series). Os primeiros en facer un gran éxito de Blowin’… foron Peter, Paul & Mary, cuxa versión foi publicada entre o lanzamento do álbum e o da canción como primeiro single do mesmo, en agosto de 1963. Sam Cooke (en 1964) e Stevie Wonder (en 1966) tamén lle fixeron xustiza coas súas versións ao que segue a ser un dos maiores clásicos de Bob Dylan. Estreada en directo no Gerde’s Folk City o 16 de abril daquel mesmo ano, Blowin’ In The Wind nunca saiu do seu repertorio e acumula máis de 1.300 interpretacións ao vivo con arranxos moi variados. Entre elas están as que aparecen nos álbumes Before The Flood e At Budokan, nos volumes 5 e 7 das Bootleg Series, ou no Concert For Bangladesh organizado por George Harrison. As respostas no ouvear do vento soan distintas en cada unha delas (esperanzadas, furibundas, resignadas) malia que as preguntas son sempre as mesmas.

Bob Dylan’s Blues, que lle ía dar título ao disco nun primeiro momento, é o polo oposto: xamais estreada en concerto e unha das cancións menos relevantes de The Freewheelin’. Resulta moi reveladora a introducción, na que escoitamos a Dylan laiarse do monopolio de Tin Pan Alley, a gran factoría de cancións mainstream que dominou o mercado americano desde finais do século XIX. Situado algo máis ao norte, na rúa West 28th entre Broadway e a Sexta Avenida, era a antítese do ambiente bohemio e xenuíno de Greenwich Village. Dylan recoñece con amargura que de alí arriba proceden a meirande parte das pezas folk do momento e, como sacando peito, asegura que o que vai canta escribiuse nalgún outro lugar dos Estados Unidos. O que segue é unha peza case improvisada na que Dylan imposta a voz quizais en exceso, exhibe boas maneiras coa harmónica e tira de humor negro: “O vento zoa aló por onde vou. Levo o sombreiro na man e as botas nos pés, así que mira por onde vas e procura non pisarme”. Unha versión demo grabada case un ano despois aparecerá no volume 9 das Bootleg Series con máis de catro décadas de retraso.

Nas notas do álbum (ai, que fantástico costume hoxe xa case desaparecido!), Dylan revela que Down The Highway supón unha homenaxe aos grandes intérpretes do blues, aqueles que “falaban dos problemas reais que tiñan e ao mesmo tempo eran quen de facelo desde unha certa distancia”. Estamos ante un blues de 12 compases, inédito en directo, no que o autor se amosa moito máis sofisticado xa que nas pezas polo estilo do seu primeiro álbum. É unha pequena delicia, e contén ademais a primeira alusión á súa relación con Suze Rotolo: en concreto, á desazón que lle produciu a viaxe de estudos que ela realizou ese ano a Europa: “O océano arrebatoume a miña moza. E ela rouboume o corazón. Meteuno todo nunha maleta e marchou para Italia”.

O outro tema inmortalizado aquel 9 xullo do 62 é Honey Just Allow Me One More Chance, que malia a súa aparente intrascendencia agacha algúns dos máis divertidos do disco. Interpretada de xeito dinámico, parte da canción tradicional case homónima de finais do século XIX Honey, Won’t You Allow Me One More Chance, gravada en 1928 por Henry Thomas. Hai versos en común pero tamén suficientes mostras do sarcasmo de Dylan para consideralo un tema propio: “Busquei por todas parte unha moza coma ti, non atopei ningunha, así que es a miña última esperanza. Só che pido un favor, nena, concédeme outra oportunidade”.

the-freewheelin-bob-dylan2

Foto: Don Hunstein

Demandado en escenarios cada vez máis prestixiosos (o 22 setembro actúa por primeira vez no mítico Carnegie Hall), Dylan non volve ao estudio ata o mes de outubro. Para entón xa hai outra persoa na súa vida que acabará resultando fundamental: o seu mánager, Albert Grossman, sobre o que se podería escribir outro libro aparte. Quedemos polo menos con dúas ideas: a primeira, que Grossman nunca se levou ben con John Hammond, o descubridor de Dylan e artífice da súa fichaxe por Columbia. E a segunda, que tiña fama de ser moito máis agresivo comercialmente e lucrativo para os seus clientes que os representantes do Village, caracterizados polo seu amateurismo. Grossman era un home de negocios feito a si mesmo, o que decote se denomina un tiburón das finanzas, un tipo ambicioso que gañou moitos cartos grazas a Dylan e que tamén llos fixo gañar a este.

O 26 de outubro prodúcese outro feito relevante: Bob Dylan grava por primeira vez cunha banda de acompañamento disposta por Hammond para a ocasión: os guitarristas Bruce Langhorne (veciño do Village e colaborador, entre outros, de Joan Baez, The Clancy Brothers & Tommy Maken ou Richie Havens) e Howard Collins (membro da orquestra de Benny Goodman); o baixista Leonard Gaskin (veterano da escena be-bop e jazz de Nova York, que tocara con Dizzy Gillespie, Miles Davis e Billie Holyday); o batería Herb Lovelle (curtido como músico residente do Savoy Ballroom desde os anos 50); e o pianista Dick Wellstood (con máis de vinte anos de experiencia tamén en clubes como o Metropole). A pesar de contar con instrumentistas tan solventes, a sesión só produce un froito de cara ao álbum: Corrina, Corrina. A medio camiño entre unha apacible versión do blues tradicional Corrine, Corrina e unha creación propia resultante dun pastiche de distintos versos de Robert Johnson, colárase seis meses atrás no repertorio de Dylan por primeira e última vez. Sobria e elegante, supón ademais a mellor interpretación vocal de Dylan ata ese momento. A diferenza do que sucedeu coa rockeira Mixed Up Confusion (da que ese día se descartaron ata sete tomas e que acabaría sendo editada como single), aqueles eran os músicos perfectos para acometer Corrina, Corrina, e de aí a brillantez do resultado:“Corrina, Corrina, lévote no meu pensamento, non podo deixar de pensar en ti nin deixar de chorar”.

Tras lograr, con algún retoque na banda, a toma definitiva de Mixed Up Confusion (que con todo non foi incluída no elepé), o 14 de novembro Dylan grava en solitario outro dos cumios indiscutibles de The Freewheelin’: Don’t Think Twice, It’s Alright. Estamos ante unha desas cancións que, medio século despois, o artista seguirá interpretando nos seus recitais. Unha oda cáustica ao desamor escrita durante os meses en que Suze permaneceu en Italia, probablemente nas horas máis baixas de Dylan. A melodía está baseada na de Who’s Gonna Buy Your Chickens When I’m Gone (para variar, unha peza tradicional). Pola súa banda, a letra está cargada a partes iguais de melancolía  e incisivos reproches (“Unha vez estiven namorado dunha muller, pero resultou ser só unha nena; entregueille o meu corazón, mais ela pretendía a miña alma. Así que non lle deas máis voltas, está ben asi”). O autor faise o duro e aparenta ser el quen deixa atrás esa relación insatisfactoria. Non esquezamos que Dylan tiña daquela 21 anos aínda…Nas notas do álbum, Dylan aclara que a canción está escrita como unha sorte de mensaxe de autoaxuda e está dirixida a un mesmo. A toma incluída en The Freewheelin’ ten o valor engadido da notable interpretación do autor á guitarra, empregando a técnica denominada fingerpicking (sen empregar púa). Ao igual que Blowin’ In The Wind, Don’t Think Twice…  publicouse con ropaxes moi diferentes ao longo dos anos en discos ao vivo como Before The Flood ou At Budokan, os volumes 6, 7 e 9 das Bootleg Series e Live At Gaslight 1962, na que se considera a primeira interpretación coñecida. Figuras como Dolly Parton, Waylon Jennings, Joan Baez, Bryan Ferry, Johnny Cash, The Allman Bros ou John Mayer sucumbiron á tentación de inmortalizar tamén a súa propia recreación.

the-freewheelin-bob-dylan8

Fotos: Don Hunstein

Calquera outra composición da que falemos a continuación hai que considerala menor dentro de The Freewheelin’. É o caso de Oxford Town, que conta cunha sinxela e fermosa melodía, case infantil, e emerxe na parte final do álbum como unha canción protesta de catálogo. Bob Dylan escribiuna a instancias da revista Broadside, que lles pediu aos seus cantautores de confianza algunha reflexión sonora sobre unha das noticias máis polémicas daquel ano: a da tortuosa matriculación dun mozo negro, James Meredith, na Universidade de Oxford, Misisipí. A diferenza do que, por exemplo, fixo Phil Ochs enBallad Of Oxford, Mississippi, o noso home apenas profundiza nos detalles da historia e non chega nin a citar o nome do seu protagonista. Nunha manobra de extrema efectividade, limítase a resumir os disturbios enumerando os elementos máis visuais do (armas, paos, portas que se pechan, cabezas baixas, bombas de gas lacrimóxeno…). Dylan interpretou esta canción unha única vez na súa vida: o 25 de outubro de 1990… en Oxford, Misispí. Hai ademais unha versión demo oficializada no noveno volume dasBootleg Series, e outra de Richie Havens que destaca entre as alleas.

En canto a I Shall Be Free, trátase dunha sorte de reescritura do We Shall Be Free de Leadbelly, que Dylan non chegou a interpretar nunca ao vivo. Na estrofa máis delirante desta nova descarga de humor negro, Dylan recibe a chamada do daquela aínda presidente Kennedy, que lle pregunta como pode facer crecer o país. Dylan suxírelle que meta na mesma habitación ás sex symbols da época Sophia Loren, Anita Ekberg e Brigitte Bardot, co tamén actor Ernest Borgnine, que non tiña precisamente á apariencia clásica dun seductor.

A xestación de The Freewheelin’ verase seriamente alterada a partir deste momento. A mediados de decembro, Bob Dylan viaxa a Europa por primeira vez para participar nun drama da BBC titulado Madhouse On Castle Street. A súa interpretación (que se pode rastrexar na rede con facilidade) limítase ao estritamente musical. Dylan sumérxese de cheo no ambiente folk de Londres, en particular o do club The Trobadour. Alí entabla amizade co cantautor Martin Carthy, que lle aprende algunhas cancións tradicionais inglesas das que acabará tirando proveito. Da capital británica Dylan voa a finais de ano rumbo a Italia, onde o seu mánager está de xira con Odetta, outra das súas representadas. En realidade, a quen pretende ver o noso home é a Suze Rotolo, da que non ten noticias desde hai meses. Para o seu infinito disgusto, ela está xa de volta en Nova York.

O 16 de xaneiro de 1963 Bob Dylan pisa de novo chan estadounidense. Nas semanas seguintes logra reconquistar o corazón de Suze, que se reinstala no apartamento que ambos compartiran meses atrás. Mentres os dous tortolitos recuperan o tempo perdido, Albert Grossman decláralle a guerra a John Hammond e consegue apartalo da derradeira sesión de gravación de The Freewheelin’, que se realiza o 24 de abril. Dúas persoas de procedencia moi distinta intentando guiar a carreira dun artista incipiente de dúas maneiras opostas. Hammond, apostando pola pureza, por un Dylan cinguido ao xénero do folk, sen présa por medrar. E Grossman, como bo xudeu  e home de negocios feito a si mesmo, antepoñendo o éxito comercial (e polo tanto, os cartos) a calquera outro beneficio intanxible. O lugar de Hammond nesa sesión definitiva ocúpao outro produtor na nómina de Columbia, Tom Wilson, afroamericano vencellado aos artistas jazz do selo, que tiña serios prexuízos sobre sobre os intérpretes folk, aos que consideraba carentes de estilo e talento. En canto escoitou cantar Dylan, Wilson entendeu o seu potencial e cambiou de opinión. Naquela xornada graváronse as últimas catro cancións que acabrían formando parte do disco: Masters Of War, Talkin’ World War III Blues, Bob Dylan’s Dream e Girl From The North Country.

Antes de nos deter brevemente en cada unha delas, cómpre mencionar o episodio que acabou de condicionar o listado final de cancións do állbum. Tralo seu exitoso paso pola televisión pública británica e ante o interese e demanda crecente dos seus concertos, Bob Dylan foi convidado a participar o 12 de maio no célebre programa de Ed Sullivan. Para poñer os feitos en perspectiva, cómpre precisar que o que segue sucedeu oito meses antes da primeira aparición dos Beatles no mesmo plató, considerada o detonante da British Invasion en Norteamérica. Na proba de son, Dylan interpreta un controvertido blues falado no que se mofa da John Birch Society, unha organización  anticomunista con orixes no período da caza de bruxas macarthista: “Agora todos estamos de acordo con Hitler, malia que matou seis millóns de xudeus e era un fascista. Polo menos non era comunista! É como curar o catarro coa malaria”. Os responsables de contido da CBS (que catro anos despois no mesmo programa persuadirían a todo un Mick Jagger para que suavizase a letra do Let’s Spend The Night Together dos Rolling Stones) vetan o tema e pídenlle a Dylan que interprete outro. Con The Freewheelin’ a piques de chegar ás tendas, e nunha decisión cuxo verdadeiro impacto nunca chegaremos a coñecer, o noso home marcha dos estudios visiblemente enoxado. The Ed Sullivan Show emítese aquel domingo co mesmo éxito de audiencia de sempre a escala nacional, uns trece millóns de espectadores (e  potenciais compradores de discos). Sen a actuación de Bob Dylan.

Bob Dylan On The Ed Sullivan Show

Copyright CBS Broadcasting, Inc., All Rights Reserved, Credit: CBS Photo Archive

Como consecuencia do incidente, Columbia ordena destruír as primeiras copias do álbum, xa impresas, e eliminar Talkin’ John Birch Paranoid Blues da edición definitiva. Como adoita acontecer en casos polo estilo, algunhas desas copias sobrevivirán ao incendio para acabar distribuíndose a prezos desorbitados. Disgustado nun primeiro momento coa censura da súa propia compañía, Dylan reacciona con axilidade felina e aproveita para suxerir tres cambios máis no listado final de cancións, que Columbia accede a realizar. Así, ademais de John Birch, desaparecen Rocks And Gravel, Let Me Die In My Footsteps e Rambling, Gambling Willie. No seu lugar colócanse os catro temas antes citados, procedentes da sesión do 24 de abril. A crítica é unánime ao respecto: os trocos introducidos melloran sustancialmente a puntuación global de The Freewheelin’.Bob Dylan da un paso máis na construción do seu propio mito.

Girl From The North Country toma como punto de partida Scarborough Fair, unha das baladas tradicionais que Dylan descobre en Londres da man de Martin Carthy. Simon & Garfunkel convertirían a orixinal nun éxito poucos anos despois, pero o de Dylan ten bastante máis mérito, ao transformala nunha das mellores cancións de amor xamais escritas. Aínda hoxe mantense a incógnita de en cal das súas ex mozas está inspirada: Hai quen sostén ese “país do norte” ao que se refire o título é a súa Minnesota natal, polo que habería que pensar en Echo Helstrom ou en  Bonnie Beecher, os seus dous amores tardoadolescentes. Pero non podemos esquecer que Dylan a compuxo durante a súa separación de Suze Rotolo, quizais mesmo nos días nos que seguiu, sen éxito, a súa pista por Italia ata averiguar que regresara a Norteamérica. Á marxe da destinatariareal, a delicadeza da interpretación e o evocador da linguaxe convértena noutro dos grandes momentos do disco: “Se viaxas á feira do País do norte, onde os ventos azoutan con forza, xa preto da fronteira, dalle recordos meus a unha que vive alí. Houbo un tempo no que a amei de verdade”.

Sen chegar ao mesmo nivel de perfección, o caso de Bob Dylan’s Dream é moi semellante. Tamén se inspira noutro dos temas que lle aprendeu Carthy, desta volta unha peza mariñeira de mediados do século XIX titulada Lady Franklin’s Lament. A partir da súa fermosa melodía, Dylan artella outra balada tremendamente evocadora sobre a súa infancia en Hibbing. Interpretouna con moita frecuencia nos meses posteriores (aparece nas Witmark Demos ás está dedicada  a entrega número 9 das Bootleg Series, e tamén no directo In Concert – Brandeis University 1963), pero logo foi esquecida. O artista recuperouna por última vez a finais de 1991 nunha actuación en Pensilvania. Peter, Paul & Mary, Judy Collins e Bryan Ferry figuran entre os que a gravaron pola súa conta.

O máis improvisado dos temas que saíron da derradeira sesión de The Freewheelin’ foiTalkin’ World War III Blues, que Dylan compuxo sobre a marcha no propio estudio. Como o seu propio nome indica, é outro blues falado na estela (entón xa un tanto remota) de Woody Guthrie. O xénero permítelle ao autor achegarse con humor e ironía, a un tema tan delicado como unha hipotética Terceira Guerra Mundial en clave nuclear: “Sentíame so e desamparado, necesitaba falar con alguén. Así que chamei á liña de información horaria para polo menos escoitar outra voz. Cando escoite o pitido serán as tres en punto. Estivo maís dunha hora dicindo o mesmo, así que acabei colgando”.

Deixei para o final outro peso pesado, malia que na secuencia do disco soa en terceiro lugar, xusto despois de Girl From The North Country. Nada que ver con ela. Tampouco con Talkin’ World War, malia falar como esta de conflitos armados. A diferenza é que enMasters Of War non hai nin unha pinga de humor. Nun adianto do que será o seu próximo traballo, Bob Dylan ponse extremadamente serio e lanza unha furiosa descarga contra os señores da guerra, “os que se agachan tralos muros e os despachos, os que fabrican as grandes bombas e os avións da morte”. A súa ira que é tal, que acaba asegurando que nin Xesús Cristo podería perdoar os pecados destes criminais aos que desexa ver mortos canto antes. Glups…Dylan intenta xustificarse nas notas da contraportada, onde asegura que nunca escribira nada semellante e que neste caso é o resultado da impotencia que sente ante a tolemia belicista dos dous bloques en que está dividido o mundo civilizado da época. Por enésima vez, toma prestados acordes alleos, os que Jean Ritchie usara na súa versión do tema medieval inglés Nottamun Boy. Incorporada de inmediato ao seu set de directo, Masters Of War acabará por se converter noutro dos clásicos da primeira etapa de Dylan, revisitado ao longo da súa carreira a través de infinidade de arranxos tanto acústicos como eléctricos

Jim-Marshall-_-Bob-Dylan-Kicking-Tire-1963

Foto: Jim Marshall

Unha boa parte dos máis de vinte temas descartados da versión definitiva de The Freewheelin’ acabaron sendo recuperados nas tres primeiras entregas das Bootleg Series(editadas ao mesmo tempo como un único volume en 1991). Entre elas, Let Me Die In My Footsteps e Rambling, Gambling Willie, dúas das eliminadas por Dylan a última hora. Tamén unha versión en directo de 1963 de Talkin’ John Birch Paranoid Blues, moi celebrada polo público do Carnegie Hall. Xunto a elas nese valioso recompilatorio sobre o que volveremos no seu momento, outras catro pezas orixinais e dúas máis tradicionais rexistradas no mesmo período. De moitas delas e doutras coetáneas publicáronse posteriormente as versións caseiras (ou demos) gravadas para Leeds e Witmark, as primeiras editoriais que traballaron con Dylan na promoción do seu catálogo de cancións. Foi no noveno volume das Bootleg, publicado en 2010.

A Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos incorporou en 2002 The Freewheelin’ ao Rexistro Nacional como un dos primeiros 50 traballos de capital importancia para entender a cultura daquel país. Non fai falla engadir moito máis. Obviamente, vendeu moitas máis copias que o seu antecesor pero poucas a tenor da súa relevancia histórica. The Freewheelin’ supuxo o primeiro dos moitos pasos de xigante na carreira de Bob Dylan. A finais do mes de xullo daquel 1963, apenas dous anos despois de deixar Minnesota para probar sorte nos cafés de Greenwich Village, acodía por primeira vez ao emblemático Festival de Newport, onde goza do mesmo estatus de estrela que aRaíña do folk, Joan Baez. A relación entre ambos dará moito que falar. O 28 de agosto, nun lugar tan emblemático como o Monumento ao presidente Abraham Lincoln, Dylan canta ante 250.000 persoas na Marcha Sobre Washington, a mesma na que Martin Luther King pronunciou o seu máis célebre discurso. O mundo cambiou moito no ano que Dylan empregou en producir The Freewheelin, e el tampouco volveu ser o mesmo. Atrás quedaban as imitacións e os referentes. Agora o referente era el. Imparable, solitario, único. Dono do seu propio destino.