Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, lembrou que o partido estará acompañando este domingo ao presidente nacional, Mariano Rajoy, no tradicional acto de apertura curso político. Como xa acontecera o ano pasado, este evento celebrarase na Carballeira de San Xusto, no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade. Sobre isto, Tellado subliñou que é unha honra acoller un ano máis ao líder popular na súa propia casa.

O número dous do PPdeG quixo lembrar que a situación política mudou desde hai un ano. “En 2016 afrontabamos aquel acto coa incertidume sobre a formación do goberno central, e a poucos días de comezar unha campaña autonómica que máis tarde se revelaría crucial”, apuntou, para valorar que “o 25 de setembro, Galicia falou. E falou para dicir alto e claro que apostaba pola estabilidade e polo rigor. Aquel resultado tamén contribuíu a aclarar o panorama nacional”.

Tellado subliñou que “neste último tramo de 2017, co horizonte político moito máis despexado, desde o Partido Popular afrontamos o vindeiro curso político con máis ganas de traballar polos galegos ca nunca”. Así, quixo valorar que “temos máis motivos ca nunca para facelo”, dada a renovada confianza dos cidadáns, os bos indicadores económicos e a batería de iniciativas que prepara o Goberno para consolidar o crecemento dos nosos sectores fundamentais.

Neste contexto, insistiu en que “o PPdeG tampouco se detén, e seguirá traballando arreo para construír proxectos que ilusionen aos veciños de cada recuncho de Galicia”. Deste xeito, opinou que para conseguir este obxectivo “é fundamental estar a pé de rúa, como estivo o presidente Feijóo durante o verán percorrendo Galicia”; así como continuar co proceso de renovación e a celebración dos congresos, comezando polo de Novas Xeracións, previsto para o 22 e 23 de setembro.

UNHA OPOSICIÓN CENTRADA EN SI MESMA

O secretario xeral comparou a situación do PPdeG, que “afronta os próximos meses con ilusión, con motivación, e cunha vontade de servir a Galicia que hoxe por hoxe non se pode ver en ningunha outra formación da nosa terra”, coa dos principais partidos da oposición, aos que ve “co reloxo parado desde o 25 de setembro” e “centrados nas súas batallas internas”.

En canto ao PSdeG, Tellado explicou que “hai tres candidatos sanchistas cuxo único programa electoral é ver quen representa mellor a política do ‘No es no’”. “Mentres tanto, non teñen ningunha dúbida en acusarse de xogo sucio e de denunciarse publicamente”, incidiu.

Por outra parte, lembrou que as Mareas de Podemos seguirán lideradas por Luís Villares, do que dixo que “todos menos el saben que é un zombi político”, e criticou que os tres alcaldes urbanos do seu partido seguirán máis centrados en derrocalo, despois de ser eles os que o nomearon, ca de gobernar os seus concellos.

Así, o secretario xeral concluíu que “hai un ano, os nosos rivais eran os partidos da oposición, que ameazaban con intentar unirse para desbancar a quen gañase as eleccións. Hoxe, para o PPdeG, os únicos inimigos son o paro, a inestabilidade e os problemas aos que se enfrontan no seu día a día todos os galegos”.

(Foto Miguel Tellado cortesía de http://www.ppdegalicia.com)