• Músicas Esquecidas
  • Contacto

Login form protected by Login LockDown.


Abrín todas as fiestras,
mandei quitar as portas,
e o ar fixo-se o dono
de cantas folhas soltas
sementaban o outono
de incógnitas funestas!
Deixei-lho aberto todo,
quixo tamén as telhas
do meu humilde teito,
e achei-me así exposta
ó xuizo das estrelas.
Deixei-lho todo aberto,
voaron as esquelas,
n’este ar que desnorta,
en cada umha un verso
que nunca ninguén lera,
ca súa palabra morta!
E así chegou a noite,
e a choiva veu con ela,
no asubiar do vento,
sen lúa nen candea,
fuxir do sentimento
e da dor que conleva….
Marchar, ergueita a testa,
deixar, ás costas, todo
e ires sempre a fronte,
sabendo que non medra
tras do teu paso a verba,
e vas secando as fontes,
das que manan os sonhos,
mais, ti nen te decatas,
avanzas sen canseira,
e os teus pasos removen,
todas as folhas mortas,
cheas dos versos cegos,
que ren saben de olhos,
de ouvidos ou de beizos,
e van-se descompondo
no decorrer dun tempo
onde ninguén se importa
se a tinta deses versos
era o teu sangue morno…
Sofía Carril Calvo