Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

A proposta da chamada Comisión de Expertos, da que formei parte –daquela, era presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH)–, o pleno municipal da Coruña aprobaba o 7 de setembro 2009 a eliminación de 52 símbolos franquistas. Sen dúbida foi un día histórico. Estes símbolos foron aprobados por unanimidade nesa Comisión, pero aínda quedaron moitos sen aprobar, que presentei nun Voto Particular e que non tivo o apoio dos restantes membros desa Comisión.

Hoxe temos na Coruña unha Comisión Municipal da Memoria Democrática, que proximamente abordará o tema da eliminación da simboloxía franquista, que aínda queda por retirar

Hoxe temos na Coruña unha Comisión Municipal da Memoria Democrática, que proximamente abordará o tema da eliminación da simboloxía franquista, que aínda queda por retirar. Pode haber quen pense que hai que esperar o resultado dos traballos desa Comisión e, mentres tanto, non facer nada. Non comparto esa opinión porque non ten nada que ver coa traxectoria e actuación da CRMH desde a súa fundación en 2004. Así, en apoio das súas reivindicacións, a CRMH promoveu en 2009 o manifesto “Os tempos son chegados. Pola retirada da simboloxía franquista da Coruña e as distincións honoríficas a Franco e a todos os ministros da ditadura”. A CRMH deixaba claro que unha cousa son as iniciativas ou traballos institucionais, e outra a responsabilidade que temos de dotármonos dunha folla de ruta propia e desenvolver actividades para conseguir as nosas reivindicacións. Unha entidade condicionada nas súas actuacións pola folla de ruta institucional –aínda que sexa dun “goberno amigo”– perde independencia e corre o perigo de converterse nun grupo de apoio ou de traballo do goberno de turno.

Entre as persoas asinantes dese manifesto había investigadoras e investigadores da memoria histórica como Dionisio Pereira, Eliseo Fernández, Carlos Francisco Velasco Souto, Carmen Blanco, Víctor M. Santidrián, José Gómez Alén, Gonzalo Amoedo López, Guadalupe Martínez, Aurora Marco, Xesús Torres, Xoán Carlos Garrido, Bernardo Máiz. E numerosas entidades: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, Fundación 10 de Marzo, Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, Asemblea Republicana de Vigo Amig@s da República, Colectivo Republicano de Redondela, Comisión Irmáns Suárez Picallo, Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo de Lugo, Foro pola Memoria de Galicia, A Oliveira de Teo, A.C. Memoria Histórica 28 de Agosto de Cangas, Asociación Ateos e Republicanos, Club Unesco da Coruña, A.C. Bieito Fandiño de Mesía, A.C. Eira Vella de Betanzos, CIG, CNT, Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Seminario Galego de Educación para a Paz, Fundación Galiza Sempre, Fundación Alexandre Bóveda, Grupo musical A Quenlla, Asociación Agra Humanista, Xornal Dixital Augas Ceives, Digital Pensa Galiza A.C. Alexandre Bóveda, A.C. O Facho.

Falaba o manifesto de retirar a Manuel Fraga, ministro de Franco, a distinción de Fillo Adoptivo da Coruña; de retirar a rúa e distincións que aínda ten Calvo Sotelo na Coruña; de retirar as rúas e distincións que conservan hoxe catro alcaldes franquistas

Ese manifesto chamaba a participar e incidir no debate público sobre a eliminación da simboloxía franquista: “Ante o debate aberto na Coruña sobre este tema, consideramos que non debe quedar reducido a uns ´expertos´, nin sequera á corporación municipal, senón que interesa a toda a sociedade galega e, como membros da mesma, queremos dar a nosa opinión”. Falaba o manifesto de retirar a Manuel Fraga, ministro de Franco, a distinción de Fillo Adoptivo da Coruña, concedida o 24 de decembro de 1968; de retirar a rúa e distincións que aínda ten Calvo Sotelo na Coruña; de retirar as rúas e distincións que conservan hoxe catro alcaldes franquistas, e por iso dicía ese manifesto: “Non merecen ningún recoñecemento público aos alcaldes da ditadura, Eduardo Ozores Arraiz, Sergio Peñamaría de Llano, José Pérez-Ardá e Eduardo Sanjurjo de Carricarte, ben porque xogaron un importante papel, como militares, na sublevación fascista de 1936 contra a República, participaron na represión ou asinaron penas de morte como fiscais militares”.

A CRMH continuou o seu traballo e en xaneiro de 2015, na véspera das eleccións municipais, presentaba a todas as forzas políticas unha ampla relación de simboloxía franquista que quedaban por retirar. O goberno bipartito (PSOE-BNG) iniciaba a retirada dos citados 52 símbolos franquistas aprobados en 2009, traballo que concluíu o goberno da Marea Atlántica. No pleno municipal de setembro de 2016, e a través do escano cidadán, lembrei que aínda quedaban 37 símbolos franquistas na Coruña.

A propia historia ensina que non hai que fiar todo ao traballo institucional, a informes de especialistas ou grupos de expertos. Todo iso é necesario, pero cómpre tamén levar adiante un traballo de información, sensibilización e mobilización social. Se queremos, por exemplo, retirar a Fraga a distinción de Fillo Adoptivo, non basta con facer un chamamento a un suposto consenso institucional co PSOE e PP; necesitamos que a cidadanía coñeza as activades de Fraga como ministro da ditadura e a súa participación na represión, e que amplas capas da sociedade consideren unha vergoña para A Coruña esa distinción concedida en 1968 polos seus servizos a unha ditadura criminal. Centrar todo na consecución dun posíbel consenso responde a unha visión política conservadora e moi pouco rupturista, así de claro.

Continuando co traballo de divulgación que historicamente fixo a CRMH, esta é unha información sobre a simboloxía franquista que queda por retirar na Coruña, que seguramente poderá ser completada con outra moito máis documentada de historiadoras e historiadores de Galiza. Comezo cos “méritos” dun alcalde franquista como Sergio Peñamaría de Llano.

Peñamaría de Llano foi un dos oficiais ao mando do I Terzo da III Bandeira da Lexión, responsábel da represión dos fuxidos na zona do Barco de Valdeorras. Foi alcalde da Coruña desde o 23 de abril de 1959 ao 4 de xullo de 1963

Durante a chamada Guerra Civil, un xenocidio en Galiza, Peñamaría de Llano foi un dos oficiais ao mando do I Terzo da III Bandeira da Lexión, responsábel da represión dos fuxidos na zona do Barco de Valdeorras. Posteriormente integrouse no corpo xurídico militar, chegando a Coronel. Foi alcalde da Coruña desde o 23 de abril de 1959 ao 4 de xullo de 1963 e procurador nas Cortes franquistas. Xurídico militar de carreira, participou como fiscal militar en Consellos de Guerra Sumarísimos. Así, actúa como fiscal militar no celebrado o 31 de xullo de 1947, solicitando penas de morte a dirixentes do PCE. Como recolle Luis Lamela García no libro Aspectos deconocidos de la guerrilla del Llano, os detidos foron sometidos a horríbeis torturas e o fiscal Peñamaría de Llano “solicitaría para los procesados, acusados de rebelión militar, tres penas de muerte para los integrantes del Comité Provincial, Alejandro Gama Casalderrey, Ramón Seoane Suárez y Rogelio González Suárez, y penas de 1 a 30 años para 47 procesados y la libre absolución para otros cinco”.

A participación de Peñamaría na represión está documentada na testemuña de Consuelo Rodríguez López Chelo (recollida por Aurora Marco no seu traballo Mulleres na guerrilla antifranquista, publicado en outono de 2006 en Andaina, Revista Galega de Pensamento Feminista; e por Ana Acuña no seu traballo Letras nómades-Experiencias da mobilidade feminina na literatura galega).

Chelo naceu en Soulecín, parroquia de Santigoso (Barco de Valdeorras, Ourense) o 19 de outubro de 1919, no seno dunha familia humilde. Despois dos horrores da guerra  e da represión que houbo na posguerra, dos nove membros da familia só sobreviviron tres, o irmán maior e as dúas irmás, Consuelo e Antonia. Os seus irmáns Rogelio, Sebastián, Alfonso e Domingo incorporáronse á guerrilla e morreron en combate contra as forzas franquistas entre 1941 e 1949.

A traxedia acontecida a mañá do 18 de outubro de 1939 deixou unha ferida aberta na guerrilleira de Soulecín. Este é a súa impresionante testemuña:

Eu era sempre a primeira en erguerme. Estaba lavándome cando abro a porta e vexo todo rodeado pola Lexión, co seu capitán á fronte, Sergio Peñamaría de Llano. Entrou cun pau na man e preguntou:
Onde están teus pais?
Na cama.
Entrou, foi ao cuarto dos meus pais e comezou a mallar neles co pau:
Puta, coño. Onde están os teus fillos?, dicíalle a miña nai.

Despois de máis de corenta anos de democracia, como unha persoa co currículo de Sergio Peñamaría de Llano pode ter unha rúa na Coruña e un retrato no palacio municipal de María Pita?

A Antonia, a Domingo e a min metéronos na corte coas ovellas. Mandaron reunir a toda a xente da aldea na eira que está diante da casa para que visen o que ían facer con nós e collesen medo, porque tamén a eles lles preguntaban se sabían o paradoiro dos meus irmáns. Ven buscarme un soldado e díxome: “Ven, vas ver a túa nai”. Subín á casa e mudeille a roupa: “Mamá, pon esta roupa limpa que vas ir ao cárcere”. Deille unha tableta de chocolate, que lle gustaba moito e díxenlle a meu pai que collese cartos.

Leváronme a xunto dos meus irmáns á corte. Penso que tamén me querían matar porque volveron por min unha segunda vez. Vin baixar a miña nai polas escaleiras, abrazoume e díxome: “Non me soltes, miña filla, non me soltes”. Pero devolvéronme á corte. Vin marchar os meus pais polo camiño de atrás. Ao pouco tempo sentín os disparos e xa non lembro como saímos de alí; miña irmá díxome máis tarde que nos abrira un soldado. Saín e atopei unha muller que me espetou: “Ficaches sen pais”. Caín redonda. Leváronme para a casa dos veciños –a de José Moral e a súa muller Venancia, que estaban ao tanto de todo– e xa me confirmaron que acababan de enterrar a meus pais na beira dun camiño [na paraxe de Sampaio] que hai perto da casa. Cando me acheguei, o único que vin foi un regueiro de sangue. Sei que morreron abrazados.

Despois de máis de corenta anos de democracia, como unha persoa co currículo de Sergio Peñamaría de Llano pode ter unha rúa na Coruña e un retrato no palacio municipal de María Pita? Continuará.

FOTO PORTADA CORTESÍA DE: http://recordos.rcdeportivo.es/es/photo/AGgLma2Z?j=eyJ0eXBlIjoicHJvamVjdCIsImlkIjoxfQ==