Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

San Casen

Sentenza do Xulgado do Social nº 3 de A Coruña condea a empresa El Corte Inglés, S.A. por consentir o acoso sexual e moral a unha dependenta no centro de oportunidades de Altamira
O despacho de avogacía A SENSU CONTRARIO de Santiago de Compostela en colaboración co SINDICATO CIG, acaban de conseguir unha sentenza pioneira na Galiza en defensa dos dereitos fundamentais das mulleres traballadoras vítimas de acoso sexual e laboral.
A sentenza de 27 de xaneiro de 2017 do Xulgado do Social nº 3 de A Coruña, en Autos 950/2016 en materia de DEREITOS FUNDAMENTAIS, co informe favorable do Ministerio Fiscal, condea á un xefe de tenda e á empresa EL CORTE INGLÉS, S.A. por vulnerar os dereitos fundamentais dunha traballadora de altamira en A Coruña por acoso sexual e laboral, e condea igualmente á empresa e ao xefe de tenda a indemnizar á traballadora solidariamente na contía de 30.000 euros”
Consta acreditado na sentenza que a mercantil El Corte Inglés S.A., a pesar de existir probas evidentes do acoso que sufría a traballadora, que incluso chegou a activar o protocolo de tratamento que existe na empresa para afrontar estas situacións, non tomou nengunha medida preventiva, deixándoa na máis absoluta indefensión.
A actuación de El Corte Inglés en todo momento foi a de negar a existencia do acoso e isto aínda teño pleno coñecemento de que a traballadora se atopaba de baixa laboral por síndrome de estres post-traumático con causa no acoso laboral. Denegóuselle á vítima o traslado de centro que solicitara para protexerse da conducta denunciada sin máis motivo que minar as suas forzas.
Os feitos remóntanse a finais de 2013, cando a traballadora é destinada a un novo centro de traballo: o centro de oportunidades de Altamira. O que nun principio parecía un trato amigábel por parte do xerente, converteuse pronto nunha manifesta actitude de acoso sexual. Ante o rechazo da traballadora ás insinuacións e tocamentos, o xerente comezou unha persecución laboral contra dela, na que tamén involucrou a outros encargados do centro.
Empezaron entón os insultos, as humillacións diante de compañeiros/as e clientes/as, as chamadas de atención continuadas, denegacións de permisos, ameazas de despedimento, difusión de rumores falsos sobre a vítima, vexacións, etc. Esta persecución constante deteriorou a saúde da traballadora, que sufriu varias crises nerviosas e finalmente diagnostícaselle un cadro ansioso-depresivo derivado desta situación de acoso, tendo que recibir terapia psicolóxica por estres post-traumático.
En outubro de 2015, ao non poder aturar máis esta situación, a traballadora solicita a activación do Protocolo contra o acoso ante a Comisión Instrutora de tratamento de situacións de Acoso do Corte Inglés (CITSA). Nese momento, volve pedir un cambio de centro de traballo (xa o solicitara sen éxito en maio dese ano) para que se garanta o seu dereito “a unha contorna libre de condutas e comportamentos hostís ou intimidatorios, garantindo así o dereito á dignidade e á integridade física e moral”.
Pese a que a empresa El Corte Inglés, S.A. conta cunha COMISIÓN INSTRUCTORA DO TRAMENTO DE SITUACIÓNS DE ACOSO, e pese a que o citado órgao investigador aplicou a incoación dun protocolo preventivo no caso de acoso que nos ocupa, este foi INOPERATIVO e INEFICAZ, o que deixa en tela de xuizo a existencia destes mecanismos preventivos creados polas propias empresas, cuia función, ten carácter meramente propagandístico, coa única función de proxectar a imaxe dunha empresa solvente e garante dos dereitos das traballadoras.

El Corte Inglés negou sempre a existencia do acoso e impedíu sequer a medida de protección de traslado de centro de traballo. Esta resolución, carente de todo fundamentoe que só se pode entender como un castigo, deixou en total desamparo e indefensión á traballadora, que, ante a inacción e insensibilidade da empresa decide presentar denuncia dos feitos ante a Inspección de Traballo (que motivou un requerimento á empresa que non abarcaba a gravidade dos feitos denunciados e contra o que se puxo a correspondente reclamación) e, o 15 de decembro de 2015 a traballadora, ante a inacción da empresa e institucións, interpón denuncia ante o Cuartel da Garda Civil de Culleredo que deu lugar ás Dilixencias Previas 24/2016 no Xulgado de Instrucción nº 5 de A Coruña actualmente, en fase de instrucción por si, a gravidade denunciada e constatada nesta sentenza, puidera revestir os caracteres de delito. Xa por último, interpúxose pola traballadora a demanda de protección de dereitos fundamentais na xurisdicción social que deu lugar a esta sentenza que, paradóxicamente, é a primeira en resolver a cuestión.
A Sensu Contrario é un despacho alternativo que se adica, desde fai máis dunha década á defensa dos dereitos fundamentais das persoas en todos os ámbitos, cun enfoque crítico da lexislación vixente, unha metodoloxía colaborativa e unha actuación multidisciplinar o cal permite que en casos como este, as sentenzas non só supoñan unha restitución do dano causado, senón que, ademáis, teña efectos para os miles de mulleres que se atopan coa lacra do acoso sexual. Este é o segundo pronunciamento favorable que este despacho conqueríu contra a mercantil El Corte Inglés por acoso laboral, o cal indica que non falamos dunha conducta aillada senón dunha actitude empresarial.
Sandra Garrido Fernández, letrada da equipa xurídica de A Sensu Contrario, en colaboración coa avogada Lidia Vázquez Méndez, da asesoría xurídica da CIG, dirixiron técnicamente este procedemento, de gran complexidade dados os contínuos obstáculos que a empresa empregaba para ocultar os acosos denunciados.

A sentenza ten un grande impacto tanto en Galiza como a nivel estatal posto que supón outro antecedente máis da perversa actuación das grandes corporacións neste problema de orde público que é o acoso laboral e, sobre todo, o sexual. Esta sentenza é unha vitoria tanto xurídica como sindical en defensa dos dereitos das traballadoras, particularmente das mulleres que se ven indefensas ante as situacións de acoso sexual que se producen na privacidade dos despachos e por parte de quen ten total autoridade na empresa. Son sentenzas coma esta as que sentan precedente cara ao fin da impunidade empresarial ante o acoso sexual e moral.

Para máis información:
info@asensucontrario.info