A cita:
“A única cousa que podía facer era ser eu mesmo, coller aquel tren e largarme. Cando todo se foi ao inferno, eu xa estaba moi ao sur. Non sabía se o mundo era plano ou redondo” (Tangled Up In Blue)
A ficha:
Publicado o 29 de novembro de 1984
Gravado ao vivo en Londres e o castelo de Slane, Irlanda, os días 5, 7 e 8 de xullo de 1984
Produtor: Glyn Johns
Selo: Columbia
Os músicos:
Bob Dylan: voz, guitarra, órgano e harmónica
Mick Taylor (guitarra); Carlos Santana (guitarra); Gregg Sutton (baixo); Collin Allen (batería); Ian Mclagan (órgano e piano)
As cancións:
- Highway 61 Revisited ***
- Maggie’s Farm ***
- I and I ***
- License to Kill ***
- It Ain’t Me, Babe ****
- Tangled Up in Blue ****
- Masters of War ***
- Ballad of a Thin Man ***
- Girl from the North Country ****
- Tombstone Blues ****
A reseña:
Entre finais de maio e principios de xullo de 1984, o promotor Bill Graham (pope de dous dos auditorios con máis pedigrí da historia do rock, o Fillmore e o Winterland, ambos os dous en San Francisco) organizou unha xira conxunta por Europa de tres lendas americanas: Bob Dylan, Joan Baez e Carlos Santana. Aínda que ningún deles gozaba dun momento de especial popularide a ningunha das dúas beiras do Atlántico, o cartel presentouse nalgúns dos máis grandes escenarios do vello continente: estadios de fútbol do calibre do Olímpico de Múnic (con capacidade para case setenta mil persoas), o de St James Park en Newcastle (para máis de cincuenta mil), San Siro en Milán (daquela apto para albergar noventa mil) ou o vello Wembley en Londres (onde cabían máis de oitenta mil); e tamén outros espazos como o castelo de Slane, en Irlanda (cun auditorio ao aire libre con capacidade para oitenta mil espectadores) ou a Area de Verona (que pode albergar trinta mil). Nas cidades nas que se escolleron recintos máis pequenos, a demanda satifaceuse ofrecendo máis dun concerto. Así, a xira instalouse durante tres días consecutivos no Pazo dos Deportes de Roma (no que cabían máis de dez mil persoas) e dous no Ahoy de Rotterdam (que pode albergar arredor de quince mil). España foi a a excepción. Pero formou parte da ruta dylaniana por primeira vez: Dylan actuou no noso país o 26 de xuño en Madrid… no Campo de Fútbol de Vallecas. E dous días máis tarde en Barcelona… no Mini Estadi. Non se tratou de ningún desprezo; é obvio que non tiñamos o pouso rockeiro doutros lugares. Na xa consolidada Movida había oco para propostas fabulosas e tamén para outras demenciais (e non fai falla dar nomes) precisamente porque antes non existira prácticamente nada. A expectación por ver artistas que moitos mozos da época aínda estaban empezando a coñecer era, xa que logo, relativa. De feito, en Madrid quedaron bastantes entradas por vender. Sumémoslle ao anterior o feito de que o prezo dos billetes non estaba ao alcance da maioría…
Quen estivo nalgún deses dous concertos, en todo caso históricos, garda bos recordos. En particular do de Barcelona, cuxa gravación pirata non é excesivamente complicada de conseguir. TV3, a televisión autonómica catalana, gravou parte da actuación de Dylan, polo que tamén circulan algunhas imaxes dunha demoledora versión de Blowin’ In The Wind en clave rockeira, co público coreando o retrouso ata o punto de sacarlle un gran sorriso ao artista e facer que o sing-along se prolongue como unha sorte de mantra ao final do tema.
Real Live ofrece poucos momentos así de bos. Coñecendo as dimensións do repertorio que manexou Dylan ao longo dos vintesete concertos, o disco faise curto. Rácano incluso. Na liña apuntada por Vicente Escudero, pódese entender case como un complemento de Hard Rain (tamén excesivamente breve). Aquel era o directo americano, con temas, tempos e arranxos moi de alá. Este é un disco ao vivo inconfundiblemente europeo, e non só na súa xénese senon tamén na posta en escea, na súa proposta en si mesma: o que oito anos antes fora unha xira hippie e desaliñada mutara agora nun evento serio e profesional, se cadra en exceso. No tempo que transcorrido entre Hard Rain e Real Live, Dylan non parece mellorar en absoluto as súas prestacións en directo. E iso que o álbum que nos ocupa recolle gravacións das tres derradeiras actuacións do tour, co set list xa rodado, e unha audiencia, a británica, entregado unha vez máis ao mito. Ademais, Dylan volve estar arroupado por unha banda (esencialmente europea, por certo) que ofrece todas as garantías: o exguitarrista dos Stones, Mick Taylor; o ex teclista dos Faces de Rod Stewart, Ian MacLagan; Colin Allen, veterano batería da escena blues británica con experiencia ao lado de mitos como John Lee Hooker, Sonny Boy Williamson ou John Mayall, entre outros moitos; e o baixista Greg Sutton, o único estadounidense, curtido con xente da talla de Tom Jones, Eric Burdon ou Percy Sledge.
Que impide entón que esteamos ante un directo redondo, á marxe da súa duración? Pode que o punto de partida, a propia idea de embarcar a Bob Dylan nunha xira devellas glorias, que resultou un tanto irregular, e da que Baez se apeou en marcha (contan que frustrada ao non se cumpriren as súas expectativas de compartir protagonismo -e escenario- co seu vello camarada, que por suposto era o cabeza de cartel). A maiores, por moi bos que fosen os músicos que o acompañaban, Dylan non chegou a conectar con eles. Sobra oficio nas versións ofrecidas, pero bótase en falla algo máis de química. Tanto é así que os mellores cortes do disco son os acústicos, nos que Dylan canta co único apoio da súa guitarra. A emocionante lectura de It Ain’t Me, Babe, co público de Wembley facéndolle os coros no retrouso, pon os pelos de punta e é digna de calquera antoloxía. O enésimo arranxo de Tangled Up In Blue (con algúns cambios na letra, que devolve o protagonismo á terceira persoa da primeira versión do tema, a gravada en Nova York e descartada na versión definitiva de Blood On The Tracks) é o outro gran achado do elepé. E tamén Girl From The North Country ten esa maxia que se bota en falla nos temas eléctricos. Sobre todo nas versións tediosas e machaconas, de Masters Of War e Maggie’s Farm, carentes de matices ata no fraseo. Máis afortunadas resultanHighway 61 Revisited (que Mick Taylor achega por momentos ao Johnny B. Goode de Chuck Berry); Ballad Of A Thin Man, que soa musculosa e punzante; e Tombstone Blues, que vai na mesma liña e conta coa colaboración adicional de Carlos Santana. Hai ademais dúas cancións do que entón era o último traballo de Dylan, Infidels. TantoLicense To Kill como I And I perden parte da súa delicadeza orixinal e con ela tamén parte do seu respectivo encanto.
Estamos, en suma, ante un live album destinado sobre todo aos incondicionais, que o han valorar moi positivamente na medida en que a selección de temas complementa o publicado en directos anteriores. O disco non altera en maior medida a visión que cadaquén terá do seu autor, pero si merece unha escoita de cando en vez. Bob Dylan levaba tres anos sen pisar os escenarios (desde a súa derradeira xira cristiá, cunha banda completamente diferente) e non volveu facelo ata dous anos despois (cando se asociou con Tom Petty & The Heartbreakers). Así que, unha vez máis, podemos dicir iso de que nunca antes soara dese xeito e nunca máis volvería facelo.