Formulario de acceso protexido por Login Lockdown
Política Lingüística despréndese dun millón de euros que van parar á Secretaría Xeral de Medios para as axudas á difusión do galego, das que, non obstante, exclúese ao único diario impreso redactado nesa lingua, o diario Nós, denuncia o BNG.
O 10% do mínimo exixido en galego permite que medios como ABC, Libertad Digital ou La Voz de Galicia poidan acceder ás axudas.

O Tio Marcos d’A Portela, a primeira publicación periódica integramente en lingua galega, nada en 1876 da man de Valentín Lamas Carvajal en Ourense, “seguramente tampouco recibiría axudas deste Goberno, esta é a conclusión que tiramos”, subliñou onte a deputada do Bloque Nacionalista Galego, Mercedes Queixas, na Comisión de Educación e Cultura do Parlamento.

Criticando a exclusión de Nós Diario das axudas a empresas xornalísticas que editan xornais impresos para o ano 2021, a parlamentaria cuestionou que precisamente quede sen axuda “o único medio diario que esta redactado en galego”. Algo que non acontece nin en Catalunya nin en Euskal Herria.

Pola súa parte, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, limitouse a sinalar que “sempre hai medios de comunicación que quedan excluídos por algunha circunstancia”, nun proceso que se atopa nas mans da Xustiza.

Na sesión, Queixas inquiriu ao secretario xeral pola transferencia de crédito de 950.000 euros do seu departamento cara á Secretaría Xeral de Medios, preguntando amais de polos motivos, polo impacto que supón a carencia deste importe na política lingüística da Xunta.

Porén, García non abordou en ningún intre o efecto nos proxectos do seu departamento, defendendo que “é unha transferencia que se realiza todos os anos e con anteriores gobernos”, así como que a pesar da perda de fondos en Política Lingüística, eses cartos “están facendo o seu labor e promovendo o uso do galego nos medios de comunicación”.

Asemade, explicou que esta transferencia está dirixida ás dúas liñas de axudas para medios, unha para publicacións íntegras en galego para a que achegan 160.000 euros dos 200.000 da convocatoria, e outra para empresas que usan -como mínimo- parcialmente a lingua, na que achegan 790.000 euros dos case dous millóns en axudas.

Aínda recoñecendo que “todos quixéramos que os medios de comunicación empregasen máis o galego”, gabouse do aumento hai dous exercicios do 8% ao 10% do mínimo exixido en galego, o que permite que medios como ABCLibertad Digital ou La Voz de Galicia poidan acceder ás axudas.

“Xa sabemos a irrelevancia que iso significa na presenza do galego no día a día nos medios de comunicación”, incidiu Queixas, que salientou, baseada na exclusión de Nós Diario desas axudas, que “igual é que se penaliza superar ese 10% en galego”, ao tempo que amosou a súa sorpresa por mor de que unha transferencia dese tipo que se produce todos os anos non se vexa reflectida nuns Orzamentos que definiu como “de copiar e pegar” por parte do Partido Popular.

(FOTO CABECEIRA POR NÓS DIARIO. Mercedes Queixas no Parlamento Galego)