Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

O sábado asistín ás 13:30 na Casa das Crechas de Santiago de Compostela á presentación da Revista de poesía Ligeia, un acto organizado pola Libraría Chan da Pólvora no seu ciclo Vermut en Verso. O evento tivo lugar na terraza. Tomaron a palabra os poetas e coordinadores da revista Tamara Andrés e Marcus Daniel Cabada e o tamén poeta e xornalista Lois Alcayde Dans. Foi precisamente cando tomou a palabra este último, que aconteceu o incidente que quero referir a continuación e que procuro narrar tal e como o presenciei para evitar inexactitudes ou imprecisións que acerca do sucedido teño lido nas últimas horas.

Foi precisamente cando tomou a palabra este último, que aconteceu o incidente que quero referir a continuación e que procuro narrar tal e como o presenciei para evitar inexactitudes ou imprecisións que acerca do sucedido teño lido nas últimas horas

Ao coller o micrófono, Lois Alcayde Dans fixo, non recordo a conto de que, unha acendida glosa das urnas, algo así (falo de memoria) como que votar nunha urna é o acto máis revolucionario que existe, que debería haber monumentos ás urnas nas prazas principais das vilas e cidades do país e que resultaba cando menos curioso ver de que xeito algo aparentemente inocente como unha urna parecía alterar os ánimos de certas persoas nos últimos tempos… Nese momento, precisamente, foi interrompido por unha persoa na mesa do lado. Esta mesa estaba ocupada por dúas parellas con aspecto de turistas e con dous cans aos seus pés, un deles amarrado por unha corrente coas cores da bandeira de España. Esta persoa, volvo ao rego do relato, reprochoulle a Lois Alcayde que dera a chapa con ese discurso político, que el só estaba a tomar unha cervexa nunha terraza e non tiña por que escoitar discursos políticos (insisitiu no termo) semellantes. Tras uns segundos de perplexidade, Lois respondeu que estaba no seu dereito a dicir o que lle viñese en gana, a fin de contas estaba nun acto público e nun estado dereito en que supostamente pode ser expresada calquera opinión ou idea. Houbo uns aplausos que pretenderon poñerlle fin á impertinencia do señor, pero este inda retrucou co coñecido retrouso: “yo te he hablado en castellano, creo que por educación deberías contestarme en castellano”. 

A tal frase produciu unha vaga de indignación entre os asistentes. Varios deles achegámonos ao señor e lle explicamos que non tiña dereito a interromper un acto público para decidir os temas dos que se podían falar ou non e moito menos o idioma en que había que facelo. Convidámolo a marchar se estaba a desgusto, pois de ningunha maneira se ía cancelar un acto público previamente programado porque a el lle amargara a cervexa escoitar falar de urnas ou do que fose. O home, un chisco acurralado pola indignación ao seu redor, intentou defenderse con frases do tipo: “Deberíais hablar castellano, a fin de cuentas el Patrón de España está enterrado a dos calles de aquí”, ou “Qué vergüenza, ya parecéis catalanes”. 

En ningún caso malia a impertinencia manifesta da súa actitude e a agresión implícita no feito de alterar un acto cultural do xeito antes referido, o home se comportou con violencia ou proferiu ameazas

En ningún caso, porén, malia a impertinencia manifesta da súa actitude e a agresión implícita no feito de alterar un acto cultural do xeito antes referido, o home se comportou con violencia ou proferiu ameazas. Do mesmo xeito, constato que os seus acompañantes observaron a escena cun xesto de resignación que desvelaba dalgún xeito, certo fastío pola incontinencia do personaxe.

Tras uns minutos de discusión, o grupo marchou e a presentación puido rematar normalmente.