Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

MANUEL MONGE 08 Abril 2017 09:25 h.

feijoo Rajoy e Feijóo, nunha das súas cimeiras no Palacio da Moncloa.  Foto: A Moncloa

Xa coñecemos os Orzamentos Xerais do Estado. Chama a atención o descenso na partidas sociais e de infraestruturas e o espectacular aumento (un 32%) do gasto en Defensa, provocado pola compra de armas.

A inclusión dos 4.432 millóns de euros dos Programas Especiais de Armamento (PEAS) no orzamento do Ministerio de Defensa fai que este chegue até 7.635 millóns de euros. Se contabilizamos o gasto das misión das Forzas Armadas no exterior (preto de 800 millóns o anos pasado) o gasto militar total pode chegar a case 9.000 millóns. Rajoy e o PP cumpren así as recomendacións da Administración Trump para que España incremente o seu gasto militar, que hoxe se sitúa en 0,9% do PIB, pero isto non queda aquí porque o goberno español xa se comprometeu no cumio da OTAN de 2014 en Gales a incrementar esa porcentaxe até 2% nunha década. Non hai tal soberanía nacional, como difunde a propaganda oficial, senón unha supeditación de España aos ditados de EEUU, a OTAN e a Troika.

Comezou xa o debate sobre eses Orzamentos Xerais do Estado (OXE) e os distintos partidos políticos poñen enriba da mesa as súas peticións. O prezo de cada deputado ou deputada cotízase á alza porque Mariano Rajoy non ten maioría absoluta e necesita o apoio de, no mínimo, outros tres partidos, a maiores de Ciudadanos.

Os cinco deputados do PNV son decisivos e o PP leva meses traballando o seu voto. O Goberno aprobaba o pasado 31 de marzo o decreto de Oferta de Emprego Público, que atribuía ao Goberno Vasco a capacidade de fixar o cadro de persoal da policía vasca. Isto permitiría desbloquear a situación das dúas últimas promocións da Ertzaintza, con máis de 500 axentes, que farán un total de 8.000. Ademais, o Goberno Vasco reclama 1.600 millóns de euros da discrepancia do cupo que paga Euscadi. Tamén reclama que as obras que faltan do tren da alta velocidade sexan executadas polo Goberno Vasco e descontadas despois da súa aportación ao cupo.

Se contabilizamos o gasto das misión das Forzas Armadas no exterior (preto de 800 millóns o anos pasado) o gasto militar total pode chegar a case 9.000 millóns de euros

Foro de Asturias (partido creado por Francisco Álvarez Cascos, integrado no grupo Popular porque se presentou en coalición co PP en Asturias) tamén quere quedar ben ante o seu electorado e reclama un AVE “de primeira” e que as vías de ancho Renfe (ibérico) sexan substituídas por vías de ancho UIC (internacional) e que se poñan en marcha os dous túneles da variante de Paxares.

Nueva Canarias, adscrita no grupo socialista (presentouse en coalición co PSOE), tamén espera vender caro o seu único deputado. Non se conforman cos 1.300 millóns de euros conseguidos por Coalición Canaria até 2019 e presentarán unha emenda á totalidade. Xa anunciaron que nas negociacións con Montoro esixirán, polo menos, 700 millóns de euros máis: 480 procederían da saída do Réxime Fiscal Canario do financiamento autonómico ordinario e outros 230 millóns de euros de investimentos.

Presionan tamén Catalunya, Valencia, Murcia e Andalucía para que o tren de alta velocidade complete o chamado corredor do Mediterráneo até Almería. Na comunidade Valenciana o seu Parlamento reclama por unanimidade (tamén do PP) maiores investimentos.

Nueva Canarias, adscrita no grupo socialista (presentouse en coalición co PSOE), tamén espera vender caro o seu único deputado

E Galiza? Aquí Núñez Feijóo está encantado, a pesar de que os investimentos na nosa nación descenderon 440 millóns de euros (máis de 32% respecto aos 1.364 millóns de 2016), quedando en 924 millóns, cando o BNG conseguía 2.000 para Galiza nas negociacións co Goberno de Zapatero.

Feijóo non se comporta como o presidente de Galiza, senón como un Delegado do Goberno central, que executa submisamente as ordes de Madrid. Por centrarnos na infraestrutura ferroviaria, onde están as garantías para o remate do tren de alta velocidade de Zamora a Ourense e de Ourense a Vigo? Cantos anos deberemos esperar para que o tren de proximidade da Coruña a Ferrol supere os 47 quilómetros por hora de velocidade? Por que se deixa morrer a liña pola costa de Ferrol a Ribadeo? Cando estarán rematadas unhas conexións ferroviarias dignas A Coruña- Lugo, Lugo-Ourense, Monforte-Ponferrada? Para cando as conexións cos portos de Ferrol e A Coruña? Que hai do noso, Presidente Rajoy?

 

Publicación de Manuel Monge en http://www.sermosgaliza.gal

o autor desexa a máxima difusión do seu artigo.

(Foto Manuel Monge cortesía de http://www.diariodeferrol.com)