Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

O portavoz de Sanidade do grupo socialista, Julio Torrado, vén de rexistrar unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamar a retirada do anteproxecto de lei publicado o pasado 2 de agosto co que a Xunta quere modificar de xeito unilateral a Lei de Saúde e o mapa sanitario de Galicia. Torrado solicita ademais a conformación dun grupo de traballo con representantes dos partidos, Fegamp, sindicatos, asociacións e colectivos sanitarios para consensuar as posibles melloras normativas e as necesidades de modifiación da lexislación. Os socialistas veñen de pedir ademais a reunión da deputación permanente para celebrar un pleno extraordinario no que compareza o conselleiro de Sanidade.

 

Torrado apunta que no goberno galego hai “un problema grave en canto ás formas”, por ter presentado un anteproxecto deste calado “de forma oscurantista” de xeito que o plazo de 15 días para a participación cidadá coincida na primeira quincena de agosto, e tamén en canto á forma, xa que tanto a participación cidadá como a composición dos Consellos de Saúde quedará definida desde agora “por decreto” do Consello da Xunta. Ademais, o anteproxecto reformula a ordenación actual das áreas sanitarias, que xa está fortemente cuestionada, “cara un modelo máis concentrado e que perde atención ás comarcas e áreas sanitarias rurais e semiurbanas”.

 

Hospitais “de segunda” no Salnés, Mariña, Monforte e Valdeorras

“Ao fío desta nova delimitación do mapa sanitario quedan no aire as áreas sanitarias do Salnés, Mariña Lucense, Monforte e Valdeorras, por ser áreas comarcais nas que se abre a porta á perda de servizos en favor das concentracións de servizos nos centros hospitalarios das grandes urbes”, advirte Torrado. “Segundo a normativa que se pretende impor existiría a posibilidade de que un decreto deixara sen servizos sanitarios mínimos dun hospital aos centros das áreas sanitarias comarcais”, explica. O socialista critica que a Xunta queira “impoñer un modelo de hospitais de segunda” que “se convertirían en grandes ambulatorios pero non terían a capacidade sanitaria que precisan”.

 

 

“A gravidade das propostas de modificación na participación e definición do mapa sanitario, así como noutras áreas como a inspección ou a investigación, fai necesario abrir un debate profundo na busca do acordo sobre as modificacións deste nivel nunha lei de tal relevancia e que se modifique o camiño iniciado o 2 de agosto”, conclúe Torrado.