Profesora en Cabo Verde: a entrevista de traballo
Malia ser noite pecha, podíase adiviñar o océano tras a terminal en obras.
Sonia cruzou o portelo do avión. Asaltouna decontado unha bafarada de ar quente que lle lembrou a calor caldosa e insolente das entradas dos centros comerciais. Era o bochorno do Trópico, que se lle ofrecía coma servizal acompañante para a súa estadía en Cabo Verde. Aceptou o seu ofrecemento cun sorriso; quitou o xersei e baixou a modo as escaleiras.
Mentres atravesaba a pista, decatouse dunha sensación agridoce que lle impedía desfrutar como desexaría dos seus primeiros minutos en territorio africano: non conseguía afastar da súa cabeza a arrepiante imaxe dun país arrasado polo lume durante o traxecto da véspera ata ao Porto.
Déralle tempo o día anterior de acudir á manifestación de repulsa en Compostela, onde aproveitara para se despedir dos amigos e coñecidos que ignoraban aínda a noticia da súa nova vida. Dificilmente podían saber nada; os sucesos precipitáranse cunha rapidez inusitada. Dende a Fundación avisárana do billete con apenas sete días de antelación, o tempo xusto para arrombar a equipaxe ás présas e deixar máis ou menos resoltas as encargas de traballo pendentes.
‘Todo isto é moi tolo!’, pensou daquela ao se ver soa cunha maleta de vinte e catro quilos, sen contrato de traballo e un visado de turista, a piques de traspasar a porta de chegadas do aeroporto Nelson Mandela. Non lle quixo dar moitas máis voltas ao asunto: a fin de contas, ía traballar no que lle gustaba, dando aulas de ilustración na Universidade nun proxecto de cooperación que pretendía dotar de autonomía as mulleres, e inda por riba nun país polo que sentía unha fascinación especial…
Avisárana con apenas sete días de antelación, o tempo xusto para arrombar a equipaxe e voar de Galicia a Cabo Verde, onde ía dar aulas de ilustración na Universidade dentro dun proxecto para dotar de autonomía as mulleres do sector da costura neste país africano
Unha morea de homes ofreceuse a lle levar a equipaxe a cambio de diñeiro. Escapuliuse como puido e procurou coa vista a María M., a coordinadora do curso, unha muller duns sesenta anos, elegante e de pelo crecho, cunha expresión esaxeradamente plácida e singular. Non a atopou no primeiro varrido. Agardou un anaco máis a carón da porta, por se tivera que ir ao baño ou simplemente viña con demora, mais non parecía ser o caso.
Cando volveu mirar a hora no panel de chegadas, comprobou asustada que xa deran a 01:30. Osmou coma un sabuxo en cada recanto do aeroporto. María teimaba en non aparecer por ningures. Pediulle prestado o móbil a un señor que esperaba por alguén noutro extremo da terminal. Chamouna ata tres veces por whatsapp, sen resposta… Era estraño… María prometera ila recoller. Confirmárallo por teléfono e por escrito en máis dunha ocasión.
Sentou na procura de acougo. Precisaba cavilar acerca da súa situación. Cando conseguiu pechar os ollos cinco segundos, os recordos acudiron á súa cabeza.
A entrevista
Todo comezara cunha chamada da súa amiga Lara. Unha coñecida, Aroa, contáralle do proxecto de María M., quen andaba na procura de profesoras para un curso de moda en Cabo Verde. A ela, que fixera prácticas na súa empresa anos atrás, ofrecéralle dar aulas de patronaxe, mais preguntara por algunha outra persoa acaida para dar o módulo de ilustración…
-Eu non podo ir!- lamentáraselle Lara-. Pensei que a ti che faría ilusión. Doulle o teu número a Aroa?
-Por suposto!
Para sorpresa de Sonia, María era un mito da moda galega; os seus deseños de punto tricot foran obxecto da devoción dos gurús da movida madrileña dos oitenta
E Aroa chamouna decontado. Ao primeiro, explicoulle quen era María. Para sorpresa de Sonia, tratábase dun mito da Moda Galega. Os seus deseños de punto tricot foran obxecto da devoción dos gurús da movida madrileña dos oitenta; lucíranos personaxes coma Pepi, Luci, Bom y otras chicas del montón; e sobre todo, a inesquecible Carmen Maura de Mujeres al borde de un ataque de Nervios, de Almodóvar. Alén diso, María fora unha das impulsoras da Pasarela Cibeles, o grande evento da moda en España. Que o seu nome non resoase hoxe nos ouvidos do público coa forza dun Adolfo Domínguez ou dunha Pili Carrera, explicábase só a partir dunha serie de motivos persoais que a obrigaran a retornar a Galiza anos máis tarde e afastarse da luz dos focos. A partir dese momento e co prestixio intacto, dedicárase dende o seu retiro de Gondomar a preparar coleccións exclusivas para unha carteira de clientes máis reducida e escolleita.
O último episodio da súa biografía estaba marcado polo diagnostico dunha enfermidade crónica nos ósos e pola súa mudanza, na procura dun clima máis benigno, á illa de Mindelo, en Cabo Verde, onde levaba dende había un par de anos unha vida tranquila e repousada. Malia todo, non abandonara a profesión. O verán anterior dera un curso para mulleres costureiras de Mindelo e o desfile final chamara de tal xeito a atención da sociedade caboverdiana que unha Fundación española, a Feel Global Solidarity Foundation, propuxéralle incorporalo á programación dunha Universidade da capital... Nesas andaban naquela altura: con vistas a crear unha licenciatura en Moda (primeira escola de Artes do país), a Universidade e mais a Fundación estaban a traballar para lles achegar ás alumnas dende o primeiro ano unha titulación equivalente a un ciclo medio con validez en calquera país europeo. E precisaban profesorado coa formación axeitada.
-Envíalle o teu portfolio a María e se lle gusta, chamarache para unha entrevista- animouna Aroa.
-Ok! Pero… Feel Global Solidarity Foundation?
-Si. Chámase así…
A resposta non demorou. María mostrou grande entusiasmo polo seu traballo, malia reprocharlle o estraño formato en que lle enviaba o portfolio. ‘Estraño o PDF?’, pensou Sonia un bocado perplexa, pero non lle concedeu maior importancia.
María convocouna para a entrevista ao día seguinte na súa casa. Era un día cálido de finais do verán. Daba gusto conducir. Habíase que desviar por unha pequena pista pouco antes de Gondomar. Logo recoñeceu a vivenda de bloques verdes que se alzaba sobre un fermoso regato que remansaba precisamente naquel lugar.
María recibiuna cun sorriso e convidouna a pasar á terraza. De costas á porta, un home traxado bebía café e fumaba un espléndido habano mentres contemplaba a paisaxe sobre o río. Ao sentir a chegada de Sonia, pousou o puro no cinseiro e se ergueu para cumprimentala.
-Este é José S. -presentou María. – O delegado da Fundación Feel para África.
Era un home de mediana idade, de boa aparencia, portugués que se esmendrellaba por remexerse nun singular castelán luso-cubano; vestía elegante por non dicir impecable, un pouco excesivo mesmo para a formalidade do encontro; poderíase pensar que cada detalle da súa vestimenta agochaba un significado que Sonia non era quen de descifrar. A conversa fluía, en todo caso, cunha naturalidade admirable. Era evidente que José posuía o don da oratoria. Sen deixar de mostrar o seu encantador sorriso, convidaba a Sonia con xentileza a expoñer polo miúdo as súas propostas para botar a andar dende cero un curso de moda nun país coma Cabo Verde… Ela respondía coa confianza de quen se sente escoitado con atención.
Interrompeunos Aroa, que chegou ao cabo dun tempo. José detivo o interrogatorio para saudala, pois se coñecían dunha primeira entrevista na mesma casa na que tamén estivera presente Raquel, a secretaria en Madrid da Fundación Feel.
-Comezamos a entrevista?- propuxo María.
Alumnado de moda en Cabo Verde / CC BY-SA Sonia García
Aroa sentou a carón de Sonia. José, en fronte das dúas, comezou a debullar as condicións laborais: tres meses, catro horas ao día, primeiro iría a profe de ilustración e despois a de patronaxe, inda que chegarían a cadrar nalgún momento da súa estancia, vivenda paga que compartirían coa coordinadora do curso -María-, e unha comida ao día a conta da Universidade, soldo de seiscentos euros… Aroa e Sonia cruzaron a mirada. José reaccionou decontado. Recoñeceu que era un soldo cativo; pero que había que entendelo dentro das limitacións propias dun proxecto de cooperación nun país como Cabo Verde; a prioridade da Fundación, dada a exigüidade do orzamento, era sobre todo sufragar as taxas das alumnas… Alén diso, explicaba que seiscentos euros en África daban para máis do que parecía… e que a precariedade da docencia universitaria era un mal existente tamén nos países do primeiro mundo. En España abondaban os doutores que non chegaban sequera a eses seiscentos euros mensuais…
José xesticulaba moito ao falar, pero nunca tanto que as mangas do seu Armani ocultasen os xemelgos de ouro e o rólex do seu pulso. Sonia nunca tería reparado nesa caste de detalles; bisboullos Aroa despois de que unha nova persoa interrompera a entrevista: Lola D., directora da Escola Superior de Deseño de Moda de Galicia, vella amiga de María, que pasara para mostrar o seu interese polo proxecto e comentar con José posibles convenios de cara ao futuro.
Unha vez Lola marchou, José espetoulles que estaban contratadas sempre que elas estivesen de acordo. Sonia ficou pampa. Aquela resposta inmediata colléraa de sorpresa. Contaba cando menos ir á casa de volta e agardar uns días de deliberación, que entrevistasen outros candidatos para comparar os perfís, ou simplemente que tomasen o seu tempo para considerar se o seu perfil era en efecto o axeitado… pero non… sei que xa estaba feito.
-Por certo, Sonia -interrompeu José. – Vexo que estudaches maxisterio musical… Nós temos unha escola de primaria asociada. Gustaríache darlles aulas de música ás crianzas polas mañás? Unha vez que estás alí…
Sonia tomara demasiado café aquela tarde pero tivo reflexos abondos para controlar a euforia e cavilar un anaco a súa resposta…
-Non sei… -tatexou. -En principio, vou ao que falamos, e se despois alí vexo que tal…
-De acordo. Como queiras- aceptou comprensivo José. -Pénsao ben e alí decides. Fica así, entón…
José e María acompañáronas á porta entre risas. Comentaban as marabillas do país e advertían cómplices do perigo dos homes caboverdianos…
Fixérase noite e refrescara abondo á beira do río…
María despediuse cariñosa.
-Vémonos en Praia!
Antes de marchar de volta para Santiago, Sonia pregoulle a Aroa que a acompañase a un bar. Necesitaba falar de todo aquilo.
Estaban contentas e alucinadas ao mesmo tempo. Resultara todo moi fácil, demasiado fácil de feito; a medida que reflexionaban acerca do acontecido, adiviñaban algo estraño que non eran capaces de nomear. Ninguén lles amosara nada: nin un papel explicativo, nin un programa docente… Sonia chegaría a primeira en canto a informasen da data do seu billete, pero o contrato asinaríao só unha vez chegase a Cabo Verde. Entrementres, non habería nada concreto, ningún papel, ningún documento… só o compromiso informal de José S.
-Para min, a palabra é o mais importante! -repetira seguido, e Sonia asentira coa cabeza.
-En fin, debe ser verdade iso de que as cousas en África son doutra maneira… Nada a ver con Europa… Tampouco nos van pagar o avión para nada, non che parece?… En fin, non sei… xa che contarei. Teño que ir indo, Aroa. Encantado de coñecerte.
-Encantada, Sonia! Infórmame de todo.
Unha traballadora nun posto de alimentos / CC BY-SA Sonia García
Virgílio
Un operario de limpeza que pasaba a fregona tirou a Sonia dos seus pensamentos. Estaban a piques de dar as dúas da madrugada. Ollou ao seu redor. A terminal ficara baleira. O máis prudente sería durmir un pouco máis no aeroporto e agardar o abrente para baixar á cidade. Daquela contrataría unha tarxeta para dispoñer de internet no móbil. Se por calquera motivo María seguía sen aparecer, sempre podía dar conta da súa chegada na Universidade.
Aproximouse á saída do aeroporto. Facía máis calor fóra que dentro. Adiviñábase a cidade ao lonxe.
-Sonia?
Sorprendeuno un home magro, de pel pálida e ollos vivos baixo uns óculos de pasta. Tiña aspecto de xubilado portugués nas suas férias.
-Si, eu son!
-Boa noite, Desculpa a demora. Eu sonVirgílio, vicerreitor da Universidade, e esta é a miña muller.
Saudou a unha rapaza caboverdiana de pouco máis de vinte anos que sorría ao seu lado.
O home colleu a maleta -que case pesaba tanto coma el- e dirixiuse apurado cara ao aparcadoiro.
-E María?- preguntou Sonia estrañada mentres corría para non perder o home de vista.
-A María está a agardar no apartamento. Veña! Acompáñanos, que é tarde!
O coche detívose diante dun bloque de apartamentos. Virgílio acudiu servizal recoller a equipaxe no maleteiro, pousouna na beirarrúa e abriulle a porta. En canto Sonia recolleu a maleta, o home volveuse meter no coche.
-É tarde. Vémonos mañá na Universidade! Encantado de coñecerte, Sónia! Até!- berrou dende o coche en marcha.
-Que tal a viaxe, Sonia? Sube! – María sorría apoiada á varanda do primeiro andar. Sonia cargou a maleta e entrou no edificio procurando non facer ruído,
-Que horror o dos incendios en Galicia, non che parece? Sei que ardeu Gondomar enteiro! E o que está a pasar en Cataluña? Que me dis? -Recibiuna cun sorriso de orella a orella. Sen deixar de barullar, amosoulle a casa, un apartamento inmenso pero sen alma. Non mostraba demasiado interese en escusar a súa ausencia no aeroporto aquela noite. Certo que a tal hora, a Sonia tampouco lle acordaba preguntar, desexaba só tirarse na cama e descansar;
-Poderías pasarme, iso si, a programación do curso, para botarlle inda que sexa unha ollada antes de me deitar -pregou Sonia unha vez sentou na cociña- Gustaríame ter unha referencia de cara a clase de mañá.
–Esquece iso, muller! Acabas de chegar a Cabo Verde. Mañá teremos tempo de empezar. Agora brindemos! Ten!
-Tamén é verdade, -pensou Sonia, e agradeceu de corazón a cervexa fría que María lle poñía nas mans.
-Por Cabo Verde!
-Por Cabo Verde!
Cousas que se falaron en Gondomar. Cousas que atopei en Cabo Verde
-Acorda, Sonia. Acorda. Veña, en pé!!! Non fiques durmida!!! É o teu primeiro día!!!
O bochorno tropical non lle permitiu durmir demasiado. É aínda moi cedo cando os ollos se lle abren de par en par.
Dende o balcón, observa as vendedoras de froita dispoñeren os seus postos na rúa. É a súa unha avenida coa calzada de adoquín a discorrer entre bloques de apartamentos sen carácter. Estarrícase. Inda non se recuperou de todo do jet lag.
Vai á cociña preparar un pequeno almorzo, pero a louza amontóase no vertedeiro. Mentres fai un café arromba a cacharrada e pasa unha fregona.
María aparece tarde, contra as once, con cara de poucos amigos. Cústalle espreguizarse pero ao ver a cociña ordenada e o almorzo sobre a mesa recupera o humor devagar.
Sonia, que está impaciente por saber cousas do curso, logo lle pregunta pola Universidade, polas alumnas, pola metodoloxía que están a desenvolver… pero María responde vaguidades mentres mastiga as galletas.
-E a programación?
-Grumpf! A que…?
-A programación!
-A programación de que?
-Do curso!
-¡Ay, por dios, qué ansia!
María acáballe rogando que non sexa tan impaciente. Unha vez á tarde na aula, dille, seralle máis doado apreciar o funcionamento do curso. Sonia, que é especialmente metódica co traballo, non queda tranquila coa resposta, pero acepta a suxestión.
-En todo caso, perdoa que che interrompa outra vez… hoxe era bo ir un pouco antes para asinar o contrato, non che parece? Ti xa o tes asinado?
-Aínda non, -confésalle María con certo fastío, pero tranquilízaa dicindo que iso é algo que teñen que resolver con Virgílio en canto cheguen á Universidade…
Un día procurara información coa súa amiga Noa e apenas atoparan referencias: unha páxina no facebook e algunha noticia solta na prensa caboverdiana, nin sequera unha web cun mínimo de información. Nada que ver, dende logo, cos dous grandes centros universitarios do país
O edificio da UNICA atópase ao remate da Avenida do Palmarejo. É un bloque relativamente pequeno de dous pisos cunha fachada colorida de bandas diagonais irregulares vermellas, amarelas, verdes e azuis. A Sonia parécelle un edificio ben cativo para albergar unha universidade, pero tampouco lle sorprende, afíxose á ladaíña de que as cousas en África non son como en Europa que lle repite María cada vez que mostra curiosidade por algo. Agora que o pensa, xa a Universidade aparentaba pouca cousa por internet. Un día procurara información coa súa amiga Noa e apenas atoparan referencias: unha páxina no facebook e algunha noticia solta na prensa caboverdiana, nin sequera unha web cun mínimo de información. Nada que ver, dende logo, cos dous grandes centros universitarios do país: a Jean Piaget e a Universidade de Cabo Verde..
A perplexidade aumenta ao cruzar a porta principal e comprobar na recepción que o edificio non só acolle a Universidade, senón que é sede dalgunha outra empresa. A famosa Universidade mingua ante os seus ollos ata atinxir o tamaño dunha simple academia de oposicións. Suspira e observa a María, que avanza tan pancha polos corredores, e non sabe se iso lle dá tranquilidade ou se aumenta o seu desconcerto. O caso é que cando se dá de conta, vese metida na aula. Non se cruzou nin con Virgílio nin con ninguén que lle puidese ofrecer algunha información acerca do seu contrato.
As alumnas chegan aos poucos, moi espazadamente, unha cada vinte minutos. Tense que presentar ata media ducia de veces. ‘Isto é normal?’, pregúntalle desesperada a María. E esta respóndelle cun xesto de ombros: ‘As cousas en África non son como en Europa’…
Ao cabo dunha hora parece que por fin se xuntou a aula toda. Sonia preséntase por última vez e prégalles as alumnas que procuren ser puntuais a partir do día seguinte.
Axiña simpatiza con elas. O seu nivel de coñecementos é notable, mais cando lles pregunta que estiveron a facer no último mes, constata que a dinámica das aulas estivo a ser bastante precaria. María non facía máis que amosarlles un debuxo tras outro para que as alumnas copiasen, sempre o mesmo proceso: cubrir fichas para encher o caderno, metodoloxía de había corenta anos…
Propón daquela un novo exercicio, orixinal e suxestivo, que é acollido con entusiasmo polo grupo, ou mellor dito, por case todo o grupo pois catro alumnas non parecen prestar atención e seguen a coser rendas maquinalmente. Sonia, sorprendida, pregúntalles se hai algún problema. Mírana sen comprender e ao cabo duns segundos volven coser.
Empeza a pensar entón se o problema terá que ver co seu portugués de Ribeira. Repite a pregunta forzando o sotaque e as mulleres vólvense mirar confundidas…
Unha delas acaba dando unha explicación: a diferencia das compañeiras, elas non están alí polo curso. A súa única función é preparar as rendas das prendas do desfile final…
-Pero o curso é igual para todas! -protesta Sonia perplexa. -Non pode ser que unhas fagades unha cousa, e outras fagades outra cousa diferente se ao final ides ter a mesma titulación… Non é xusto! Non ten sentido!
As mulleres confundidas buscan apoio en María, que sorrí sen dicir nada, apenas un movemento de ombros, polo que se incorporan atordadas á dinámica do resto da clase.
*
No taxi de volta para o apartamento, María enche a Sonia de cumpridos.
Sonia ten a cabeza coma un bombo. As catro horas coas alumnas abstraérona un chisco da súa incredulidade, pero agora percibe con insólita crueza que a experiencia está a resultar estraña de máis
-Que gran profesora es, Sonia! Que ben dás clase! E non te cansas! Encantoume como tratas as alumnas, como lles prestas atención unha por unha! A mellor profesora que vin na miña vida!!!
Sonia ten a cabeza coma un bombo. As catro horas coas alumnas abstraérona un chisco da súa incredulidade, desfrutou do trato con elas, do seu interese e boa disposición, pero agora ollando pola xanela o buligar de xentes na rúa e sentindo na orella as gabanzas de María, percibe con insólita crueza que a experiencia está a resultar estraña de máis. É venres, ata o luns non volverá pola Universidade. Acaba de dar a súa primeira clase e aínda non arranxou nada referente ao contrato ou ao visado. A Universidade ten unha pinta rara e algo estraño cheira igualmente na dinámica das aulas.
-Ao final non vimos a Virgílio!- espétalle a María ao cruzaren a porta do apartamento.
-¡Bueno, mujer… Otro día será! Fas a cea?
-Si, pero antes quero facer outra cousa…
Sonia encérrase no seu cuarto. Necesita ver plasmado nun papel que é o que non cadra. Divide o folio en dúas partes. A columna da esquerda titúlaa: Cousas que me dixeron na entrevista en Gondomar. A da dereita: Cousas que estou a ver en Cabo Verde.
De volta a cociña, María segue a falar marabillas das aulas da tarde. Sonia colle no frigorífico unha pota de lentellas que fixo á mañá e pona a quentar ao lume. Mentres serve un par de cervexas non pode evitar preguntar por enésima vez:
-E a programación?
-Pero que programación? -A María incomódalle especialmente esa palabra…
-Que programación vai ser? Un curso destas características ten que ter unha programación que sirva de referencia aos profesores que imos impartir as materias, e tamén para que os alumnos saiban que van aprender!
-Isto é Cabo Verde, Sonia. Non podes pensar que as cousas en África…
-Xa está ben con iso, María, eu necesito coñecer a programación e ti es a persoa responsable: a coordinadora! Dá igual que isto sexa Europa, África ou a Cochinchina!
-Eu non son coordinadora de nada!
-Como non?!
-Eu non son profesora, Sonia. Eu son deseñadora de moda!
-Pero na entrevista na túa casa en Gondomar quedou bastante claro que ti eras a coordinadora!
-Eu son deseñadora de moda. Se estou aquí é só para axudar as mulleres!
-Entón quen se encarga da programación?
-Iso é cousa de Virgílio, imaxino!
-Virgílio? Pero ese home sabe algo de moda?
-Non creo!
-Entón?
-¡Ay, yo que sé! A veces parece que desconfías de todo…
Sonia decidiu acougar. Non lle apetecía discutir no seu primeiro día. Puxo as lentellas na mesa e deixou que María volvese chufar as súas aulas da tarde.
Comeu en silencio. Agradecía a chegada da fin de semana. Non lle podía sentar mal enchouparse do ambiente de Cabo Verde durante un par de días, saír á rúa e gozar do aire libre, do sol, do mar, do vento, dos ruídos, dos cheiros, das cores, da vida… esquecer inda que só fose un par de días as lideiras que se estaban a apoderar de xeito preocupante da súa cabeza.
A programación
O sábado volveu acordar coa desagradable sensación de non ter enlazado sequera un par de horas de sono. A calor abafante e a estrañeza impedíanlle durmir a vontade.
Almorzou tranquilamente na cociña. A súa amiga Noa preguntáballe por whastapp que tal a súa chegada a Cabo Verde. ‘Xa lle responderei máis tarde’ pensou Sonia. ‘A ver se despois de hoxe, podo contarlle algo que non sexa demasiado deprimente’… O seu mozo Álvaro avisábaa igualmente de que xa tiña billete de avión para ila visitar en menos dun mes.
Estaba a preparar unha ensalada coas lentellas que sobraran o día anterior cando María apareceu con cara de poucos amigos. Traía uns folios na man. Guindounos na mesa, encheu a cunca e rosmou:
-Aí a tes! Para que logo non desconfíes…
Sonia botou unha ollada na primeira páxina.
-Pero isto que é, María?
-A programación.
Sonia botouse a ela incrédula. Comezou a ler…
-Pero… non entendo, María… Quen é a tal Sahida que asina o proxecto? E por que fala de Miguel, ese non é o profesor de patronaxe co que fixeches o curso en Mindelo?
-Claro que o é.
Sonia logo entendeu que papeis eran aqueles. Non se trataba dunha programación
Sonia logo entendeu que papeis eran aqueles. Non se trataba dunha programación, senón da proposta didáctica do curso de Mindelo que María lle encargara a unha rapaza, a tal Sahida, para presentar no Museu do Artesanato. Daquela, María estaba acompañada por Miguel, un profesor madrileño de patronaxe que comezara tamén o curso en Praia pero logo tivera que volver a España por mor da enfermidade da súa nai. A proposta de Sahida estaba moi ben redactada e era bastante completa pero en absoluto se axustaba á programación dun ciclo artístico.
-Isto non é exactamente unha programación, María…
-Pero non se podería tirar algo de aí? Ti tes experiencia nestas cousas, por que non pos o teu nome en vez do de Miguel e o adaptas un pouquiño para que poida servir de programación para o noso curso?
-Pero, María… -Sonia tardou en reaccionar. Non daba creto. Aquela muller que unhas veces lle parecía unha persoa intelixente e cariñosa, aos cinco segundos dicía cousas sen sentido… Gustaríalle razoarlle que o que estaba a propoñer era unha loucura, como todo canto rodeaba o curso, pero antes de espetarllo pareceulle prudente retirarse ao baño e reflexionar un chisco en soidade.
Para a súa sorpresa, chegou á conclusión de que o mellor sería acceder a facer o que María lle pedía. Non era un proceder serio, máis ben unha chafallada, pero se quería que as cousas se conducisen ao dereito, tería que ser ela mesma quen tomase a iniciativa. De María non podía esperar nada, era visto… Con todo, comprendeuna, e ao comprendela desculpouna. Mesmo se compadeceu dela. Era unha persoa maior e un bocado enferma que malia ter sido unha eminencia no mundo da moda, non entendía unha palabra de docencia. A súa maneira torpe e confusa de proceder agochaba simplemente a súa incompetencia como profesora, e o seu afán por derivar cara a Sonia o traballo máis complexo.
Non era un proceder serio, máis ben unha chafallada, pero se quería que as cousas se conducisen ao dereito, tería que ser ela mesma quen tomase a iniciativa
Seguiríalle a corrente, xa que logo. Volveu á cociña e recolleu os folios.
O sábado pasouno encerrada na casa loitando en refacer o documento. Escoitaba de fondo os ladridos dos cans, os berros en crioulo dos homes e das mulleres que discutían o prezo da froita, algunha canción ao lonxe nunha radio, un coche que pasaba coa música a todo volume, o rumor do mar de fondo… África tería que ficar un día máis á espera.
-Por que non dás unha voltiña por aí, Sonia? -preguntáballe seguido o bochorno que non a deixaba tranquila un minuto.
-Eu que sei! Xa me gustaría a min!
E o domingo outra vez coa programación ás voltas, para deixala rematada canto antes e poder comezar a facer as cousas cun mínimo de xeito por fin…
-Está xenial! Que ben traballas, Sonia! Que contenta estou! -Durante a cea. María volveuna encher de cumpridos. Sonia viña de entregarlle a programación practicamente rematada.
Aquela noite antes de se deitar, apoiouse na varanda para tomar o aire. Necesitaba respirar tranquila, en silencio. Apenas pasaba algún can ceibo pola rúa. Era o primeiro momento de paz na fin de semana.
“Isto é todo moi raro”, escribiulle por chat a Noa. Contoulle polo miúdo as historias que non cadraban, o aspecto cativo da Universidade, os problemas co contrato e co visado, a estraña actitude de María…
‘Soniña, vai canto antes á Embaixada dar conta da túa chegada e da túa situación. Isto non ten boa pinta. E non deixes de contarmo todo o que che pase, de acordo? Todo!’.
‘Fareino. De todos modos, parece ser que mañá temos unha reunión con José. Supoño que con el poderei resolvelo todo. Xa che contarei. Bjs!’
https://www.facebook.com/carlos.meixide?lst=1253241583%3A100000607116824%3A1534616094