Oleiros, 16/12/2017.- Unha vez coñecida onte a publicación no BOE da saída a exposición pública do proxecto de reordenación do tránsito na zona do cruzamento do antigo Sol y Mar, en Perillo, o BNG de Oleiros estuda xa os detalles do proxecto dado a coñecer polo Ministerio de Fomento con vistas a presentar alegacións propias, se fose o caso, ou apoiar aquelas que puidesen chegar a promover veciñanza ou colectivos sociais.
Nunha primeira valoración de urxencia, o BNG-Asembleas Abertas de Oleiros comparte a cautela con que acolleu este proxecto o goberno municipal ou a veciñanza da zona máis directamente afectada, organizada desde hai varias semanas na Plataforma pola Humanización da Avenida das Mariñas. De feito, como parte integrante de dita plataforma veciñal o BNG estará ao que esta decida colectivamente na asemblea convocada para este vindeiro luns.
É de sobra coñecido que o soterramento do groso do tránsito rodado que soporta diariamente a Avenida das Mariñas ao seu paso por Perillo (AC-12) é, xunto coa reordenación do tránsito en superficie, tanto das vías que dan servizo ás vivendas das zonas da Xesteira, Agramar, Beiramar ou Os Álamos como no problemático “xiro á esquerda” cara a Perillo, Montrove, Oleiros ou Santa Cruz, é unha longa demanda veciñal. Á presión social, institucional e mediática exercida con firmeza durante estes anos para a execución destas actuacións é que se debe o anunciado no BOE. Noutras palabras: o BNG ten a convicción de que se non tivese existido nestes anos dita presión, a actuación continuaría sen executarse.
Ao mesmo tempo, é de sobra coñecida a existencia dun proxecto anterior, presentado hai case unha década, que finalmente nunca chegou a executarse. Se algo sobraron nestes anos en relación coa Avenida das Mariñas foron anuncios, promesas e boas intencións; e se algo faltou foi interese real da administración competente nesta vía, o Ministerio de Fomento, por cumprir coas súas responsabilidades. Para o BNG isto é unha consecuencia máis de que mesmo decisións básicas sobre mobilidade ou seguridade viaria as tomen nun despacho de Madrid persoas que, seguramente, nin sequera saberían situar Perillo nun mapa. Por iso é que seguiremos a defender que se transfiran as competencias sobre a vía ao Concello ou a un futuro ente metropolitano, no momento en que se constituír.
O BNG considera, non obstante, que o proxecto de soterramento do tránsito nun punto tan concreto como o do Sol y Mar pode resolver un problema moi concreto, mais a Avenida das Mariñas (é dicir, todo o tramo da N-VI que discorre por Oleiros) do que precisa é dunha estratexia global de mobilidade que parta, no inicio, da súa consideración como vía urbana e sempre desde unha visión metropolitana. As distintas actuacións desenvolvidas historicamente por Fomento na vía, todas elas tardías e froito dunha longa presión veciñal, fannos pensar, lamentabelmente, que o Ministerio carece desa estratexia. Que esta exista é e seguirá a ser sempre un obxectivo fundamental.
—
Visita a nosa páxina web:
http://gl-es.facebook.com/bng.oleiros
BNG de Oleiros no Twitter:
https://twitter.com/BNGOleiros