Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

Santiago,  29 de agosto  de 2017.- O voceiro popular Pedro Puy indicou hoxe que o Pazo de Meirás, propiedade dos herdeiros do ditador “ten un vicio orixinario de adquisición e por esta orixe simbólica comprendemos que é ofensivo para as vítimas do franquismo e o razoable sería voltalo ao público pero de forma legal, e o primeiro sistema sería que a propia familia se decate de que teñen que devolver algo que lle foi regalado coma xefe do Estado”.

Pedro Puy insistiu na súa na súa intervención durante a Deputación Permanente do Parlamento de Galicia que a Xunta está a cumprir a lei no marco das súas competencias e non tolerará que se incumpra a lei do Patrimonio ou que se faga apoloxía do franquismo nas visitas “e no  momento que se puidera producir habería unha denuncia ante a Fiscalía”.
“Nós rexeitamos calquera ditadura e tamén calquera forma de dexeneración da democracia en rexímenes autoritarios, se produzan en Polonia, Venezuela ou Cataluña” indicou o voceiro popular e “non compartimos as ideas, nin os principios, nin o ideario, nin o proceder da Fundación Francisco Franco nin da familia do ditador e pensamos que a situación actual non debe manterse moito tempo pola convivencia democrática”.
ANTEPROXECTO LEI SAÚDE
Noutro dos temas obxecto de debate na Deputación Permanente de hoxe, o anteproxecto de modificación da Lei de Saúde, o voceiro parlamentario  sinalou que ten por obxetivo  “unha importante mellora na prestación dos servizos sanitarios  e que está na fase máis inicial de alegacións co cal, o Goberno galego aínda ten que redactar o proxecto, entrar no Parlamento, recibir a súa vez alegacións públicas e debater emendas” polo que non considerou urxente convocar un pleno para debatela. Pedro Puy indicou que o obxectivo fundamental da modificación da lei é mellorar o servizo sanitario acercándoo aos pacientes, así indicou que “consolida nas áreas sanitarias o modelo EOXI que evitou nos últimos tempos 200.000 desprazamentos aos grandes hospitais para intervencións cirúrxicas, coordinando a xestión con estos  hospitais para que os especialistas se despracen aos comarcais e facilitar a asistencia aos usuarios”.
AP-9 E TEMAS DEPUTACIÓN PERMANENTE
No debate sobre a transferencia da AP-9 o voceiro popular indicou que “non pasou nada novo desde o último debate de xullo nesta Cámara, a non ser o convenio co Ministerio polo que Galicia aforra 7 millóns de euros ao ano nas  peaxes de Rande e a Barcala”. “Nós seguimos mantendo o noso compromiso coa transferencia e non imos tirar a toalla e esperamos manter a unidade nesta Cámara” indicou Pedro Puy.
Así o voceiro popular sinalou na súa intervención que “non consideramos os temas plantexados urxentes ou perentorios para convocar un pleno extraordinario” e sinalou que a oposición o que pretende coa celebración da Deputación Permanente é “a súa propia publicidade” e engadiu que os mesmos temas poden debaterse nos próximos días no inicio do período de sesións e terán  oportunidade de presentalos en forma de iniciativa “tendo en conta que o 80% das iniciativas que se debaten no Parlamento son a iniciativa dos partidos da oposición”