• Músicas Esquecidas
  • Contacto

Login form protected by Login LockDown.


Poetarras é un colectivo arterrorístico formado por Manuel Gago, Pablo Lamosa, Rubén Lino e Daniel Vilaverde.

Naceu en 2013 logo dunha noite de esmorga a base de licor café e Galicolas. Os 4 mozos decidiron facerlle a competencia a Resistencia Galega e converterse no referente da loita armada do pobo galego, aínda que tiveran que renunciar ao traballo e á parella que non tiñan. As súas armas serían sketches e cancións, humor e música, retranca e melodías, e para a súa misión contarían co apoio de arterroristas autónomos.
O obxectivo? Ofender a alguén nalgún lugar por algún motivo… ou non.
En realidade o obxectivo dos Poetarras é facer o que lles peta sen preocuparse das molestias que causen polo camiño (porque SEMPRE haberá alguén molesto co que fagan) e que o único filtro do seu traballo sexa o do que consideran gracioso.
No fondo son moi riquiños e non buscan pelexa… pero se hai que dar un par de hostias, danse.

Poetarras – Hasta la diglosia siempre

Poetarras – Chove en Galiza.

Letra:

Galiza, onde a choiva é arte

onde os que teñen paraugas se poñen a cuberto pra que ti teñas que mollarte

Sabes que en galego temos máis de cen palabras pra denominar a choiva?

É que ese día o vocabulario estaba de oferta

 

Outro día cheo de melancolía

de risco de acabar con pulmonía

vaste mollar

Non sabías onde carallo vivías?

Pensabas que isto era Andalucía?

Só te sabes queixar

 

Chove en Galiza

e nalgún sitio máis

é a noticia que abre os telexornais

Chove en Galicia

e nalgún sitio máis

vou dar a brasa polas redes sociais

 

Tiñas plans pra ir de finde divertida

pero unha cicloxénese explosiva

vaino estragar

Marcha a luz na aldea e como alternativa

só che queda subir á vila

e buscar algún enchufe ao que te poidas conectar

 

Chove en Galiza

e nalgún sitio máis

é a noticia que abre os telexornais

Chove en Galicia

e nalgún sitio máis

vou dar a brasa polas redes sociais

 

Boa noite, traio o parte, que non enteiro

cóntolles a predición marítima primeiro

mar de fondo do noroeste con ondas de cinco a sete metros

vento do nordés forza sete a sete e medio

Alerta laranxa no litoral

refachos que ata cen quilómetros por hora poden acadar

cota de neve por debaixo dos mil metros

pra que Feijóo non teña que ir moi lonxe a esnifar

Ceos nubosos dende primeira hora da mañá

con precipitacións intensas

teñan paciencia porque por uns días seguiremos baixo a influencia

dunha borrasca tropical

Temperaturas moderadas

se collen o coche teñan coidado nas estradas

esta información meteorolóxica foi patrocinada

por Unión Fenosa, boa noite, deica mañá

 

Chove en Galiza

e nalgún sitio máis

é a noticia que abre os telexornais

Chove en Galicia

e nalgún sitio máis

vou dar a brasa polas redes sociais

 

Galiza Ceive

Poder Popular

é o que din tódalas cancións de ska

 

Chove, chove, chove

Chove, chove, chove

Chove, chove n’O Grove

 

Chove, chove, chove

Chove, chove, chove

Chove na casa do probe

 

Cuando los ángeles lloran

cuando los ángeles lloran

chove na Galiza

Cuando los ángeles lloran

cuando los ángeles lloran

Santiago Pemán

CANLE YOU TUBE
UN 10 DE XUÑO DE 2013 PUBLICABAMOS O NOSO PRIMEIRO VÍDEO.
4 ANOS DESPOIS DESPEDÍMONOS ATA NOVO AVISO.
Hoxe queremos comunicar algo que aínda que non é ningún segredo tampouco chegamos a anunciar publicamente: este proxecto está parado de maneira provisional.
Dicimos que non é un segredo porque é unha información que xa coñece todo aquel que contactou con nós pero sentiamos que quizais faltaba facer esta especie de comunicado e despois de tanta demora aproveitamos pra facelo coincidir co noso “aniversario”.
A finais do ano pasado puxemos en espera toda actividade ou proposta relacionada con Poetarras e a decisión que finalmente tomamos a comezos deste ano foi a de parar a actividade do proxecto (tanto musical como audiovisual) de maneira temporal. Aínda así dámoslle as grazas a todos aqueles que nos foron facendo chegar propostas ou estaban interesados en saber de próximas actuacións.
A partir de aquí o futuro non o sabemos. Seguiremos mantendo con vida as nosas redes sociais (aínda que con moita menos actividade, loxicamente) e cando haxa novidades respecto á situación actual tamén o comunicaremos. Mentres tanto queremos dar grazas unha vez máis a toda a xente que colaborou co proxecto, a vós por seguilo e sobre todo á nosa xente máis cercana (familiares, amigos, etc) porque sen o seu apoio (de todo tipo) isto sería imposible. Quizais por iso aproveitaremos esta parada pra dedicarlles moito máis tempo 🙂
Ata a próxima cita!

Poetarras – Cita