Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

Boa tarde!
Dende a PLATAFORMA SHOSTALERÍA A CORUÑA queremos transmitirvos o noso profundo malestar e o noso absoluto desacordo coas medidas adoptadas recentemente pola Xunta de Galicia con respecto ó noso sector.
A obrigatoriedade de presentar un certificado de vacinación, unha PCR ou un test de antíxenos para poder acceder ós locais de ocio nocturno parécenos, ademais de que atenta contra a intimidade das persoas, unha medida arbitraria, xa que se comete outra vez unha demonización da noite.
Non é nin medianamente lóxico que nos locais de ocio nocturno se obrigue a unhas medidas de control que se escapan, ó noso entender, das posibilidades dos hostaleiros. Non podemos traballar esixindo a presentación de informes ou probas ós nosos clientes.
Esto provoca realmente un peche encuberto, xa que non hai forma de certificar un test de antíxenos e, por outra banda, o feito de estar vacinado non garante que non se sexa portador e transmisor do COVID.
Os centros comerciais non están obrigados a tomar este tipo de medidas, as cadeas de tendas tampouco, pero a hostalería (sen estar demostrado) volve ser sinalada.
Dende a nosa plataforma condeamos estas medidas arbitrarias adoptadas pola Xunta de Galicia, que nos abocan a uns ingresos míseros obrigándonos a cumprir unhas medidas inasumibles.
Por que non prohíben a venda de alcol en supermercados a partir de certas horas?
Non é tan doado ir a polos grandes, pero ollo… os pequenos ás veces golpean mellor.
Non imos calar, non nos van tapar nin ocultar.
Pelexaremos polo noso dereito a traballar.
E a poboación debe ser consciente de que somos os grandes perdedores e perxudicados, ten que pensar que se non se coida por ela mesma, debe facelo polos demais, polos postos de traballo e familias dos que dependemos da hostalería e da hostelería da noite, que levamos case ano e medio pechados coas neveiras baleiras e coa cabeza demasiado chea…
Non se nos pode negar o dereito a traballar, menos aínda cambiando as regras segundo o sector.
Non van conseguir romper a profunda unión do noso sector, que se preocupen dos botellóns e das festas sen control…
Os hostaleiros somos os primeiros en cumprir as normas, e os máis perxudicados.

Plataforma Shostalería A Coruña