Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

BILL BRUFORD
Feels good to me (1977)
Quintesencia do rock progresivo, iste disco inscribese dos máis altos niveis do xénero. Bill Bruford, batería de King Crimson, xunto co inclasificable guitarrista Allan Holdsworth e o teclista Dave Stewart, do grupo Egg, deron a luz a ista marabilla que o mesmisimo Frank Zappa reverenciaría con admiración. A iles únense Jeff Berlin ao baixo e Kenny Wheeler ao fliscorno. Algunhas cancións son cantadas pola gran Annette Peacock, que tamén é a autora das letras.
As matemáticas máis fermosas explicadas coa poesía da música.

ZAK HOBBS

Falling on deaf ears (2019)
Álbum debut dun  guitarrista mozo, cantante e compositor inglés. Folk de altos voos no ronsel da Convención de Fairport. Guitarras acústicas, mandolina, harmonio, autoarpa e percusións. Acompáñao Joe Harvey-Whyte no dobro. É un mini-LP sinxelo mais cheo de fermosas melodías e arranxos exquisitos. Os álbums de antoloxía seguramente seguirán, se esta maldita guerra o permite.

 

 

 

DAVID HOLLAND QUARTET

Conference of the birds (1972)

Dave Holland é o baixista que acompañou a Miles Davis cando decidiu “electrificar” a súa música, dando orixe ao jazz-rock. A súa ampla discografía, que vai dende 1971 ata a actualidade, istá chea de exitosas colaboracións cos máis grandes do xénero.Neste LP acompáñanlle Sam Rivers e Anthony Braxton tocando frautas, saxos e outros instrumentos de palleta. Barry Altschul istá na marimba e percusións.
“A conferencia dos paxaros” é un disco moi vivo mais con momentos de meditación moi propios de Holland, algo que sempre istará presente nas súas obras. Aínda que hai cancións que teñen a estrutura clásica do jazz, as fases de desenvolvemento encaixan no free-jazz máis salvaxe. Tampouco falta a experimentación arrítmica e inharmónica, mais chea de delicadeza. É necesario abrir a mente pra entrar na súa natureza; quen non, só escoitará unha cacofonía. O tema que dá nome ao disco é dunha beleza sublime.
Un exercicio de liberdade que foi revolucionario naquel momento.

 

ELLIOTT SMITH
Either/or (1997)
XO (1998)
Istos son o terceiro e carto disco da carreira en solitario do músico estadounidense, que comezou en 1993 co grupo Heatmiser. Foi comparado, creo que de forma moi certeira, con Paul Simon e Nick Drake. Pura tristura. Depresión, desamore, alcoholismo, drogodependencia; un cóctel que apresurou a súa morte aos 34 anos de idade.

Harmonías vocais cristalinas, guitarras acústicas cun timbre delicado. Melodías coa letra ideal. Un puto xenio.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

ARETHA FRANKLIN
¡Ahora! (1968)
O soul ten un ingrediente máxico: a non ser que sexas unha pedra, estremecerá a túa ialma, tanto pra enternecerte coma pra d ar ledicia no día máis neobado. O feitizo endexamáis falla.
A voz e a forma de cantar de Aretha Franklin non son normais. Se algún estudoso se referise á proporción áurea, non me estrañaría nada. Da súa extensa discografía destacaría iste disco, cuxo título orixinal é “Aretha now”. O da foto é a súa edición española, que contén dúas cancións máis. Todas as cancións son acollonantes.
Por que diaños son tan bos istes discos?
PHIL MANZANERA
Diamond head (1975)
Mainstream (1975)
801 Live (1976)
Listen now! (1977)
K-Scope (1978)
Primitive guitars (1982)
Guitarrista e produtor británico de orixe colombiana, Phil Manzanera comezou a súa carreira discográfico con Roxy Music. Os seus discos en solitario van dende rock progresivo ata cancións accesibles, case pop. Sempre rodeado do mellor da escena inglesa (Brian Eno, Robert Wyatt, Bill MacCormick, Simon Ainley, Jonh Wetton, Andy Mackay, etc.) toda a súa obra pode ser revisitada sen que o tempo o deteriore. As súas obras carecen de estridencia ou de vanagloria; non busques neles un heroe da guitarra.
Phil Manzanera segue sacando bos discos. Produciu moitos artistas españois coma Heroes del Silencio, Gabinete Caligari, Antonio Vega, Bunbury, etc.
SIGUR RÓS
Ágætis Byrjun (1999)
[Untitled] (2002)
Takk (2005)
Með Suð í Eyrum Við Spilum Endalaust (2008)
Sigur Rós (Rosa da Vitoria) é un grupo islandés. Istes discos pertencen á súa primeira época e son os que máis me gustan. Despois desta serie, en 2011 estrean outra en directo: “Inni”, tamén imprescindibel pra entender o que son.
E cales son? Buff… difícil de encasillalos. Sigur Rós toca instrumentos acústicos e eléctricos; todo comeza cunha sinxela melodía que, unha vez desenvolvida a través dun crescendo imperceptible, lévanos ao paroxismo. Tamén son primitivistas; ás veces usan instrumentos de xoguete. Jonsi, o seu cantante cunha brillante carreira discográfica aparte, arrástranos á estratosfera co seu falsete.
Hai que escoitar os seus discos do tirón e, se é posibel, con chándal e deportivas: se nos inoculan o seu veleno, as emocións serán catárticas. Un crítico dixo que a súa música era “coma Deus chorando bágoas de ouro no ceo”. Non se podía explicar mellor.
10/10
(Tradución ceive ao galego por Rubém Novo).