• Músicas Esquecidas
  • Contacto

Login form protected by Login LockDown.


Artigo: Pedro Barrié e a depuración do persoal do banco Pastor, que axunto.
Sabiamos que Pedro Barrié de la Maza era un signficado franquista, empresario, banqueiro, peza fundamental no roubo do pazo de Meirás e a Casa Cornide, sempre ao servizo da familia Franco. Pero é pouco coñecida a súa participación na depuración do persoal do banco Pastor, despois da sublevación militar e fascista de 1936.
Con todos estes “méritos” e grazas a unha biografía branqueada, como outras moitas, dá nome a unha das principais avenidas da Coruña, é Fillo Predilecto, Medalla de Ouro, etc. Acabemos xa con esta vergoña!
(VERBAS DE MANUEL MONGE)
UNHA ENTREVISTA POR ERIK DOBAÑO

ENTREVISTA | Manuel Monge, activista da Memoria Histórica

“É difícil baixar Barrié e Alfonso Molina dos altares da Coruña”

 

“O proceso de retirada da simboloxía franquista non vai rematar nos próximos meses, por moi ben que vaian as cousas porque os poderes fácticos da cidade están xa a exercer, o mesmo que hai dez anos, unha presión sobre o goberno municipal para que se retire o menos posíbel”, di Manuel Monge, ex concelleiro do BNG, ex presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMHC), activista na defensa do común e, sobre todas, da memoria dos que morreron e sufriron por reclamar liberdade e esixir xustiza. Nesas anda, e seguirá. Porque quen o coñecen ben din que non abandona nunca unha loita necesaria. Manuel Monge acaba de publicar en Laiovento Os restos do franquismo en Galiza, xusto despois de rematar unha tarefa que emprendeu hai décadas: sacar aos Franco de Meirás. Poucos dubidan de que conseguirá que se cumpra a lei e tanto o Concello da Coruña como a Deputación eliminen simboloxía fascistas e retiren honras a quen contribuíu no xenocidio. A lista coruñesa é longa, mais non para de aumentar, a finais de 2018 eran 106 [ver aquí:], no libro aparecen 142, e despois de que se publicou, a lista volveu crecer.

 

No caso concreto da Coruña, o primeiro que chama a atención do que contas en Os restos do franquismo en Galiza a respecto da simboloxía franquista é o número. Por que tantos? Por que quedan tantos símbolos por retirar?

 

Efectivamente, son números de récord (105 no concello da Coruña e 37 na Deputación da Coruña). En primeiros lugar, hai que lembrar que durante 23 anos o goberno do PSOE, presidido por Francisco Vázquez, negou a existencia de simboloxía franquista e dicía que era simboloxía histórica que había que conservar. O goberno PSOE-BNG (2007-2011) aprobou o 7 de setembro de 2009 a eliminación de 52 símbolos franquistas, a proposta dunha chamada Comisión de Expertos, da que formei parte, pero non acabou ese traballo porque quedaron 20, que foron retirados polo goberno da Marea Atlántica. A CRMHC presentou unha proposta en xaneiro de 2015 a todos os grupos municipais para retirar, ademais, outros moitos símbolos franquistas que aínda non foran aprobados pola corporación municipal. Mais a Marea Atlántica non aprobou en pleno a retirada de ningunha simboloxía franquista nos catro anos do seu mandato.  Outro aspecto fundamental é que a eliminación da simboloxía franquista sempre foi rexeitada polo PP, e o PSOE non ten moi interese en acelerar o proceso porque é un tema que non dá votos. Por outra parte, os partidos políticos non actúan con moita coherencia e coordinación, falan de acabar cos restos do franquismo, pero despois de trece anos da aprobación da Lei de Memoria Histórica aínda quedan en Galiza máis de 600 símbolos franquistas en 90 concellos. Isto é un fracaso colectivo e unha vergoña como país, así de claro.

 

O libro editouse en 2020, mais ao pouco de saír xa estabas recibindo información sobre símbolos que non aparecen no libro. Cales son?

 

Hoxe teño inventariada moita máis simboloxía franquista que hai dez anos porque teño máis datos da Coruña, do resto de Galiza e do Estado. Porque recibo continuamente información de persoas que, despois de ler o libro, indícanme cousas que faltan. Non figuran no libro as rúas da Coruña de Benito Blanco Rajoy Espada, un avogado que participou na depuración como Decano do Colexio de Avogados; a de Ambrosio Feijoo Pardiñas [ver fotografía máis abaixo], que participou como xeneral en consellos de guerra contra militares que non apoiaron a sublevación de 1936; Rafael del Río, membro de Caballeros de La Coruña, participante na represión. Tamén, unha sinal de tráfico na Casa do Mar, coa referencia “Complexo Hospitalario Juan Canalejo”. Hai poucos días descubrín dúas placas do INV con símbolos franquistas en dúas vivendas da rúa Coronel Cerviño Núñez en Monte Alto…

 

Ao fío disto, como é o teu método de traballo? Cantos anos levas investigando, en que fontes e canto tempo lle dedicas a documentar cada símbolo?

 

Non teño un único método de traballo. Levo anos recollendo información, pero dedicando máis tempo desde que en febreiro de 2019 a Dirección Xeral para a Memoria Histórica, dependente do Ministerio de Xustiza, presentou un informe no que sinalaba que había sobre 30 restos de simboloxía franquista en 15 concellos galegos. A partir de aí fixen unha recollida de información máis sistemática e partín de pouco máis de 300 símbolos franquistas. Foime útil o libro Hijos Predilectos y Adoptivos de Galicia, editado polo Grupo Correo Gallego en 2004. Despois, un seguimento das noticias que van aparecendo nos medios e moitas horas diante do ordenador porque Internet é unha fonte inagotable de información. Sobre José Fariña Ferreño, por exemplo, que ten unha rúa no Castrillón e numerosas distincións, só sabía que tiña a Medalla de Prata da Coruña. Fun consultar as actas do plenos municipais e só aparecía a referencia como Director Xeral do Banco de Crédito Local. Despois de moita horas atopei o seu nome nun libro do xefe provincial da Falanxe de Cádiz (Datos para la historia de la Falange Gaditana, 1934-1939) e alí estaba o que buscaba. Fariña Ferreño actuou como enlace entre os golpistas que estaban en Lisboa e os militares que preparaban a sublevación en Andalucía. Fascista e golpista, participou na represión.

 

Sobre Manuel Fraga Iribarne, está pendente que o Concello da Coruña avalíe un acordo plenario para lle retirar a honra de fillo adoptivo. Contas no libro como se chegou ese mesmo acordo en Ferrol. Imaxino que alí estará executado. Pero, como se impulsou ese acordo na Coruña nos meses previos ás municipais de 2019?

 

En Ferrol aprobouse retirar a distinción de Fillo Adoptivo a Manuel Fraga o 25 de abril de 2019 cos votos a favor de Ferrol en Común, PSOE e BNG. Na Coruña o pleno aprobou o 6 de maio de 2019 iniciar o expediente para retirar a Manuel Fraga a distinción de Fillo Adoptivo, pero non por vontade política da Marea Atlántica, senón por iniciativa dun colectivo de presas e presos políticos de Galiza na ditadura. Espero que finalmente Fraga perda esa distinción, que foi concedida o 24 de decembro de 1968 cando era ministro da ditadura. Hai un dato importante: Gonzalo Caballero, secretario xeral dos socialistas galegos, apoiaba as decisión tomadas en Ferrol, A Coruña e Cedeira e declarou que esas distincións concedidas a Fraga na ditadura ”teñen todo o rexeitamento do PSdG-PSOE”.

 

Malia o manifesto “Non queremos o Camarada Fraga como Fillo Adoptivo”, a campaña de divulgación e o acordo plenario, a cara B de Fraga segue ben agochada, desde as súas simpatías nazis até o seu papel como propagandista da ditadura franquista. Se tiveses que resumir a figura de Fraga a estudantes de secundaria de hoxe, que lles contarías?

 

En primeiro lugar, que a historia que se recolle nos libros do texto sobre a chamada Guerra Civil -na Galiza, un xenocidio- e a Transición está escrita polos vencedores; é dicir, polo franquismo. En segundo lugar, que Fraga estaba no Consello de Ministros participando na represión. En terceiro lugar, que Fraga, como falanxista, foi un significado militante franquista ou fascista durante máis de 35 anos. E, por último, que España foi definida pola Asemblea de Nación Unidas en 1946 como un réxime semellante á Alemaña nazi e o fascismo de Italia e, xa que logo, estamos ante unha anomalía internacional porque en Alemaña ou Italia ningún ministro de Hitler e Mussolini continuaron en política na democracia e non conservan distincións.

 

 

 

 

 

Os poderes fácticos da cidade están xa a exercer, o mesmo que hai dez anos, unha presión sobre o goberno municipal para que se retire o menos posíbel”

 

Acabamos de asistir á devolución do gran símbolo franquista do país, o Pazo de Meirás, unha loita na que ti estiveches desde os anos oitenta e que impulsaches decisivamente na túa etapa como presidente da RMHC. Como ves a fórmula que se utilizou para a recuperación por parte do Estado, a través da vía xudicial? E que ensinanzas tiras desa loita?

 

Despois de 40 anos de ditadura e coa conquista da democracia, o Estado debería confiscar todas as propiedades da familia do ditador Franco, conseguidas no exercicio do seu cargo. Non só non se fixo, senón que lles concederon títulos nobiliarios, pensión á viúva -cobraba máis Co presidente do goberno- e todo tipo de facilidades para conservar o que roubaron. Dito isto, foi correcto que o Estado presentara unha demanda contra a familia Franco para recuperar o pazo de Meirás para o patrimonio público. A principal ensinanza é que sen información, e iso é hoxe unha actividade revolucionaria, e sen mobilización cívica non habería informe xurídico e histórico e o Estado non tería presentado esa demanda. É fundamental agrupar o máximo de forzas, como se fixo a través da constitución da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás, a iniciativa da CRMHC. A batalla de Meirás non rematou. Sería unha irresponsabilidade esperar pasivamente a resolución polo Tribunal Supremo do recurso da familia do ditador e debería continuar a mobilización cívica. Hai que facer un inventario das propiedades dos Franco para que devolvan o que roubaron, retirarlles as distinción e títulos nobiliarios e ilegalizar as fundacións franquistas.

 

Despois de Meirás, vén a Casa Cornide. Como vai esa loita? E cal é a túa implicación como presidente de Defensa do Común?

 

Dentro da Comisión Municipal de Memoria Democrática hai unha subcomisión sobre a Casa Cornide. Foi moi positivo encargar diversos informes: arquitectónico, histórico e xurídico pero, o mesmo que no caso de Meirás, hai que facer un traballo de información e continuar coa mobilización cívica. A iniciativa de Defensa do Común e da Asociación de Veciños da Cidade Vella convocamos dúas marchas cívicas pola devolución da Casa Cornide ao patrimonio da Coruña. Cando tivemos coñecemento de que a familia Franco estaba retirando obxectos, quince entidades convocamos un acto o pasado 27 de decembro. Creo que debemos seguir acumulando forzas, continuar coa mobilización para que a Casa Cornide sexa declarada Ben de Interese Cultural, que o Concello presente unha demanda xudicial e conseguir a implicación do Estado.

 

Volvendo á simboloxía, como é posíbel que no Pazo da Deputación sigan exhibíndose os retratos de reputados fascistas e se manteñan honras a fascistas? Que solución propós para eses elementos? 

 

Tanto o presidente da Deputación da Coruña como todos os grupos teñen coñecemento desde hai 25 meses desa simboloxía franquista que depende da Deputación e saben o que se fixo noutras deputacións, algunhas presididas polo PSOE. Os catro militares golpistas que organizaron a sublevación na Coruña en 1936 –Enrique Canovas LacruzFlorentino González VallésLuis Tovar Alonso e Pablo Martín Alonso– recibiron a distinción de Fillos Adoptivos da provincia o 5 de xaneiro de 1937 e 84 anos despois continúan con esas distincións, unha vergoña! O presidente da deputación Valentín González Formoso retirou as distincións a José Antonio Girón de Velasco, falanxista e ministro de Traballo na ditadura, e a Constantino Lobo Montero, militar golpista, hai once anos cando era alcalde de As Pontes, pero continúan como Fillo Adoptivo e Fillo Predilecto da provincia, respectivamente. A inmensa maioría desa simboloxía franquista xa foi retirada noutros concellos e deputacións. Podería retirarse en cuestións de semanas, pero andan enredados en problemas administrativos. O problema de fondo é que non hai vontade política.

 

Xa que falamos de Meirás e da Casa Cornide, no rueiro da Coruña están presentes aínda hoxe prohomes do réxime que xogaron un papel importante neses espolios: Sotomayor, Alfonso Molina, Peñamaría, Barrié… Empezando polo pintor, que así se chama a súa rúa, negociou a compra do Pazo á familia Pardo Bazán e era alcalde cando se lle entregaron as chaves ao ditador. Non son estes deméritos suficientes para que se retire de oficio, despois do desenlace en Meirás, o seu nome do rueiro?

 

Estamos diante dunha contradición evidente. Hai unanimidade na Deputación da Coruña e no Parlamento Galego en reivindicar a devolución do pazo de Meirás e da Casa Cornide porque foi un espolio. Coñecemos xa con detalle o papel fundamental, organizando ese roubo, de Pedro Barrié, Alfonso Molina, Sergio Peñamaría e Fernando Álvarez de Sotomayor. Por que non se retiran as rúas, retratos e distincións que teñen? Porque teñen unhas biografías branqueadas durante moitos anos e é moi difícil baixar eses santos dos altares. Hai que difundir as biografías secuestradas e impulsar a mobilización cívica. Ese é o camiño para retirar as distincións a eses significados franquistas.

 

Alfonso Molina mesmo ten un memorial no Parrote, ademais da avenida principal de entrada e saída da cidade e numerosas distincións. Mais a súa vinculación co espolio ou coa represión parecen difuminadas, que destacarías desta figura franquista como argumento para que á súa memoria se lle aplique a lei?

 

Xa participara no exército de Franco en 1936 como tenente. Despois ocupou distintas responsabilidades, sempre ao servizo da ditadura e como testaferro de Franco: presidente da Cámara da Propiedade, vogal da Junta Pro Pazo del Caudillo, director de Vías e Obras da Deputación desde onde facilitou obras na pazo de Meirás e nos accesos, sempre con cargo aos orzamentos públicos. Foi ademais membro de diversas corporacións municipais da Coruña desde 1938, participando en toda a política de depuración. Estaba na Comisión Permanente de 19 de agosto de 1938, presidida polo alcalde Álvarez de Sotomayor, que separa a Luis Vidal Ogén do cargo de Practicante da Beneficiencia Municipal para depurar a súa “actuación social y política”. Consegue a alcaldía en 1947 pola súa estreita relación con Franco e como pago aos servizos prestados. Por outra parte, como director do Banco Pastor tamén participou na depuración do persoal do banco.

 

Debemos seguir acumulando forzas, continuar coa mobilización para que a Casa Cornide sexa declarada Ben de Interese Cultural, que o Concello presente unha demanda xudicial e conseguir a implicación do Estado”

 

 

 

 

 

 

Barrié de la Maza está en todas as salsas como se supón que debe estar un financeiro e industrial. Beneficiouse desde os primeiros días da sublevación e despois continuou lucrándose durante toda a ditadura. Iso é notorio. Mais parece que a súa figura é a máis intocábel de todas. Por que?

 

Ademais de franquista, Barrié era empresario e banqueiro. Destacou polo apoio incondicional ao Exército de Franco e, segundo recollían os medios de comunicación, entregou máis de 500.000 pesetas para diversas campañas de apoio aos sublevados. Ademais de presidir o Banco Pastor desde 1939, presidía Astano e a Xunta de Obras do Porto da Coruña. Foi intocábel durante a ditadura porque tiña unha estreita relación e amizade persoal con Franco, participando nas recepcións a Franco no Pazo de Meirás e nas audiencias que o ditador concedía. Acompañábao nas visitas ao Club Náutico da Coruña, do que era Presidente, e navegaba co ditador no iate Azor. Esa amizade co ditador concretouse na concesión de todo tipo de favores e distincións. Foi procurador nas Cortes franquistas durante oito lexislaturas (1946-1971), recibindo de Franco numerosas distincións  e en 1955 recibiu o título de Conde de Fuerzas Eléctricas del Noroeste S.A. (FENOSA). Barrié aproveitou esa amizade para facer negocios e mercaba en 1941 as minas de volframio de San Finx, na parroquia de Vilacoba (Lousame) a través de Industrias Gallegas S.A. Franco estaba en débeda con Hitler polo apoio nazi na Guerra Civil, así que deu todo tipo de facilidades para a exportación deste mineral desde Galiza porque tiña importantes xacementos. A Fundación Fenosa, creada en 1966, permitiu branquear a súa biografía, quedando como benfeitor a través de axudas sociais e culturais, becas, construción da escola de Arquitectura, etc.

 

Barrié foi beneficiario dalgúns escuros episodios, como a execución de Pepe Miñones a quen a CRMHC designou hai tres anos Republicano de Honra. Tamén tivo relación con negocios que deixaron pegada no urbanismo da cidade. Podes explicar cal é a súa relación cos terreos gañados ao porto e co Hotel Finisterre, o gran pelotazo dos anos corenta?

 

Barrié era propietario da Fábrica de Gas y Electricidad e merca a prezo de saldo Electra Popular Coruñesa de José Miñones, avogado e deputado republicano fusilado polos fascistas, que dan lugar a Fenosa en 1943. As persoas con militancia fascista ou próxima ao poder franquista tiveron todo tipo de facilidades para enriquecerse despois do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936. Un dos métodos utilizados foi a ocupación de espazo público para negocios privados. Coa colaboración de Armando Casteleiro conseguiron autorización para ocupar unha parcela para construír o complexo de La Solana con piscina, ximnasio e locais anexos na praia do Parrote en 1941. Despois, en 1945, conseguían autorización para construír un hotel anexo a este complexo, o Hotel Finisterre. Conseguen en 1944 a parcela, propiedade pública, que estaba dedicada a Aduana até o seu traslado, para a construción dun hotel cun teatro anexo –Hotel Embajador, na actualidade sede da Deputación da Coruña, e Teatro Colón–. En todos estes negocios intégrase Pedro Barrié de la Maza a partir de 1945, como recolle o profesor Joán Carmona Badía, catedrático de Historia das Institucións Económicas da Universidade de Santiago, que sostén: “Dentro das actividades relacionadas coa hostalaría e a construción nas que participa Barrié destaca a creación de Finisterre S.A., unha empresa constituída na Coruña en agosto de 1945, na que Industrias Gallegas entraría da man dos promotores Emilio Romero (SAINGA) e Armando Casteleiro Varela, que eran concesionarios de autorizacións para edificar os hoteis Embajador e Finisterre, así como La Solana”.

 

Acabas de publicar en Nós Diario unha nota biográfica de Sergio Peñamaría, alcalde que sucedeu a Molina no 59 e que tivo participación no asunto da Casa Cornide. Mais resulta que este tamén ten un pasado sanguento como represor en Valdeorras. Que foi o que fixo antes de converterse en alcalde?

 

Peñamaría foi un fascista de primeira hora. Era secretario da Falanxe da Coruña en 1935. Ademais da súa actividade como militar e xurista, era un dos líderes políticos  da Coruña, de probada lealdade ao ditador Franco, e convértese en Secretario Local do Movemento na Coruña en 1950. Incorpórase voluntario ao exército franquista e participa co exército sublevado nas frontes do Ebro e Teruel. É un dos oficiais que, como tenente, ao mando do I Terzo da III Bandeira da Lexión chega á comarca de Valdeorras para reprimir a guerrilla, participando no asasinato de numerosas persoas da comarca. Foi alcalde da Coruña (1959-1963) e procurador nas Cortes franquistas (1959-1963). Conselleiro provincial do Movemento. No seu mandato como alcalde concedeu a Medalla de Ouro da Coruña ao xeneral golpista Fermín Gutiérrez de Soto. Foi recibido por Franco o 30 de agosto de 1973 como presidente da Hermandad de Antiguos Caballeros Legionarios. Peñamaría ingresaba en 1941 no corpo xurídico militar. Sendo capitán auditor formou parte do Ministerio Fiscal no xuízo contra o guerrilleiro Manuel Luis Bello Parga Manolito Bello, que foi executado a garrote na Prisión Provincial da Coruña o 11 de xullo de 1946. Participou tamén como fiscal militar noutros Consellos de Guerra Sumarísimos, como no celebrado o 31 de xullo de 1947, solicitando penas de morte a dirixentes do PCE. Este currículo de Peñamaría, como outros moitos, foi debidamente branqueado durante a ditadura, sendo definido como “honrado y trabajador”, “un hombre bueno”, “todo un señor”… O pleno do Barco de Valdeorras do 3 de outubro de 2019 con alcaldía socialista aprobaba, por unanimidade (PSOE, PP, BNG e Riada Cidadá) esta moción presentada polo BNG e Riada Cidadá: “Informa ao Concello da Coruña sobre os feitos acaecidos ao remate da guerra civil en terras de Valdeorras e nos que participou o tenente da Lexión Sergio Peñamaría de Llano, aos efectos de que, en caso de iniciar algún procedemento relacionado coa Lei de Memoria Histórica sexan tidos en conta, e así, en concordancia coa devandita Lei, contribúan a promover a reparación moral da veciñanza da comarca de Valdeorras e a recuperar a súa dignidade”. A única reparación moral é que o Concello da Coruña retire a Peñamaría todo tipo de distincións.

 

Entre outras actividades, poderían recuperarse os ‘Roteiros pola eliminación da simboloxía franquista’. Desa mobilización vai depender tamén o número de símbolos franquistas que vai retirar o Concello da Coruña. No meu libro fago unha proposta de máis de trinta actividades en relación coa recuperación da memoria.”

 

O pasado outubro o pleno da Coruña aprobou unha moción que dicía: “Significados franquistas –Pedro Barrié, Alfonso Molina, Sergio Peñamaría– que promoveron e participaron activamente nestes dous espolios [Pazo de Meirás e Casa Cornide], aínda  conservan na Coruña rúas, retratos en edificios públicos, placas e todo tipo de distincións, que non pode admitir unha sociedade democrática”. Que relevancia ten tal declaración?

 

Moi importante porque son definidos, por primeira vez, como “significados franquistas” e que unha sociedade democrática non pode admitir que teñan distincións. Ademais, acordaba trasladar o tema, para que decida, á Comisión Municipal de Memoria Democrática.

 

Por último, mentres se van retirando símbolos, que outras accións de memoria histórica cómpre ir desenvolvendo nun concello como o da Coruña?

 

Haberá que continuar reivindicando nos próximos anos a eliminación de toda a simboloxía franquista, incorporando novos datos. Mentres tanto, hai que informar e tomar iniciativas como a da A.C. Alexandre Bóveda que vai difundir nos próximos días ’15 Biografías Secuestradas’. Por outra parte, as asociacións memorialistas existentes ou as plataformas que se poidan crear, deberían continuar a súa actividade, tamén na pandemia, para manter a presión social. Entre outras actividades, poderían recuperarse os ‘Roteiros pola eliminación da simboloxía franquista’. Desa mobilización vai depender tamén o número de símbolos franquistas que vai retirar o Concello da Coruña. No meu libro fago unha proposta de máis de trinta actividades en relación coa recuperación da memoria democrática.

 

https://www.entrenosdigital.com/

 

MÁIS INFORMACIÓN DO FRANQUISMO POR MANUEL MONGE.(DOSSIER)

PREME NA LIGAZÓM:

http://mail.empuje.net/correoweb/plugins/attach_reader/Scripts/Viewer.js/#http://mail.empuje.net/correoweb/?_task=mail&_action=get&_mbox=INBOX&_uid=43427&_token=UFkxAmGWWRqx9bwDUTZBZMRTtmOEUeCN&_part=2&idel=Pedro%20Barri%C3%A9%20e%20a%20depuraci%C3%B3n%20do%20persoal%20do%20Banco%20Pastor.pdf