Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

Santiago, 4 de agosto 2017.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que a estabilidade institucional e a responsabilidade na xestión levada a cabo polo PPdeG posibilitaron que Galicia peche o curso político con menos paro do que había en setembro de 2016 e cun comportamento da economía galega en constante melloría, o que permitirá que se revisen á alza as nosas previsións de futuro.

De feito, a nosa comunidade remata este período con 12.465 parados menos que cando se iniciou a actividade política en setembro do ano pasado, un descenso do 6,48%. Nese senso, hai que salientar que esta semana coñecíamos os últimos datos de desemprego relativos ao mes pasado, nos que Galicia pechou xullo como a rexión na que máis baixa o desemprego en termos absolutos e a segunda en termos relativos; e superando ao Estado no ritmo de caída en máis de 3,3 puntos.

 

Precisamente grazas á boa evolución que está seguindo a nosa economía, o Goberno galego poderá revisar á alza as nosas previsións, nas que se agarda que Galicia medre este ano un 3,1%, sete décimas máis do previsto inicialmente. Ademais, en 2018, o PIB crecerá a un ritmo do 2,7%, é dicir, dúas décimas máis do estimado no Plan Estratéxico da Xunta para o período 2015-2020; e, en canto ao paro, está previsto que a taxa de desemprego siga baixando -ao 15,6% este ano, e ao 14% en 2018-.

 

Ademais, Tellado apuntou que os datos do desemprego non son cifras illadas xa que os datos da Enquisa de Poboación Activa tamén constatan a tendencia positiva. Tal e como reflicte a EPA, Galicia conta no segundo trimestre do ano con 21.400 desempregados menos que hai un ano, un 9,6%menos; e os ocupados continúan crecendo en 14.900 persoas, o que supón un incremento do 1,4%.

 

A todo isto habería que sumarlle o bo comportamento nas exportacións, que continúan batendo récords ou do IPI; sen esquecer que Galicia dispón xa dun novo límite de gasto non financeiro para o vindeiro ano, que se concreta en 9.487 millóns de euros, unha medida, que contribuirá a que a comunidade siga medrando a bo ritmo en 2018, con máis emprego e menos endebedamento.

 

Tellado precisou que, dende o Goberno galego, os populares cumpriron coa súa promesa de traballar para que a recuperación alcanzase cada vez a máis familias, convertendo os datos macroeconómicos nunha realidade que os galegos xa poden constatar en primeira persoa. “Aínda que queda moito camiño por percorrer e non descansaremos ata que esa recuperación chegue a todos os fogares, hoxe podemos comprobar que as críticas da posición nos últimos meses non se baseaban en nada e estaban fundamentadas na mera demagoxia”, apuntou.

 

“Nós achegámonos á rúa, o presidente coñeceu de primeira man as inquedanzas e preocupacións dos galegos nunha xira polos concellos que non só se limitou ao período electoral”, subliñou o número dous dos populares que lamentou que os partidos da oposición só se preocupen en falar con eles mesmos debido aos seus constantes problemas internos. “Fronte á nosa estabilidade atopamos a un PSdeG sen secretario xeral, á Marea dedicada a acabar con Villares e a un BNG ao que só se lle coñece un logo novo en todo este tempo”.

 

“Nós si podemos centrarnos nos cidadáns. Por iso, tomaremos a tendencia positiva que marcan os distintos indicadores económicos e que constata que a recuperación continúa consolidándose como a maior motivación para superar estes bos resultados o vindeiro curso político”, concluíu Tellado.

http://www.ppdegalicia.com