Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

TELLADO LAMENTA QUE A MANIFESTACIÓN DESTE DOMINGO EN SANTIAGO NON FOSE “ECOLOXISTA”, SENÓN “NACIONALISTA”

 Riveira, 22 de Outubro de 2017.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, participou este domingo nun xantar organizado pola agrupación local en Riveira. Anteriormente, ofreceu declaracións aos medios de comunicación nas que lamentou que a manifestación celebrada en Santiago non tivese carácter “ecoloxista”, senón “nacionalista”.

 

Malia que asegurou estar convencido de que houbo “moita xente que acudiu de boa fe” a esta mobilización, quixo lembrar que estaba organizada polos mesmos que cos montes aínda ardendo e ameazando as casas “estaban imprimindo pancartas e camisetas para intentar sacar rédito político”.

 

Tellado volveu insistir na axilidade coa que respondeu todo o Goberno galego, co seu presidente á cabeza, dando a información que tiña en tempo real e dando a cara tamén no Parlamento galego, algo que xa anunciou que volverá a facer cando sexa oportuno.

 

“Cos lumes por fin apagados, toca facer unha valoración dos danos e poñer medidas enriba da mesa para reparalos coma as que xa anunciou a Xunta” e apuntou que a prioridade durante os incendios foron as persoas, e agora na reparación seguirano sendo.

 

“PRUDENCIA” DO GOBERNO EN CATALUÑA
O número dous dos populares galegos tamén se referiu á situación en Cataluña, e destacou que o Goberno central actuou en todo momento coa prudencia que correspondía e que amosou proporcionalidade en cada unha das respostas que dou ao desafío do independentismo catalán.

 

No mesmo sentido, os populares galegos entenden que a administración encabezada por Mariano Rajoy ofreceulle ao independentismo volver ao marco da legalidade en numerosas ocasións e participar das decisións colectivas que se están a tomar en España, coma a do financiamento autonómico, e os secesionistas negáronse en numerosas ocasións.

 

“O artigo 155 é un artigo máis da Constitución que está previsto para eventualidades coma esta” destacou, para defender que o Estado está perfectamente lexitimado para o seu uso, unha vez que o Senado o active no próximo Pleno. Neste sentido, tamén sinalou que a maneira de protexer o autogoberno é apartando a aqueles que o empregan para dividir á cidadanía.

 

“É sorprendente que aqueles que intentaron derrogar a Constitución por maioría simple nun Parlamento autonómico se atrevan a dar leccións de democracia”, recalcou, para mostrar que tamén segue sorprendendo que un antigo xuíz, coma Luis Villares, que ata hai un ano de adicaba a aplicar a Carta Magna renegue hoxe dela.