Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

Coas cóxegas entre o cabelo
e con pensamentos de sorrisos
mirando ao ceo…volto a casa.
Que máis dá o que dixen onte!
Extraviei a sola dos zapatos.

As veces noto o murmuro dos pasos
namentres outras, voio cos paxaros.
A verdade…
Non sei que vestido por hoxe!
O polen dame sono
as cores gústanme tolas e ácidas.

Se o penso demáis…
Esquecinme do que dixen ata agora!
Debe de ser que camiño coa cabeza
ou sinxelamente…
non tomei o café da badalada.

#TaniaYáñezCastro#

Foto de Paixón ENTRE ALMAS de Tania Yáñez Castro.

Onte a noite soñei contigo
e ata a boca me quedou seca.
Hoxe espertáchesme
e como explicar o que sinto.

Camiñar baixo a choiva,
empaparse de choros de ledicia,
encharcar os pulmóns de auga salgada…
Mais non poido.
Momentos que só se poden vivir.

Así é.
Como a poesía,
ou se derrama pola veas
ou deixa de existir.

#TaniaYáñezCastro#

Foto de Paixón ENTRE ALMAS de Tania Yáñez Castro.

Todo se conecta.
Os nós entrelazados
o día e a noite
as ganas e o brinco
o ruxido e as ondas.

Non me creas
tan só obsérvame.
A primavera florece dende as raíces
o sol quéncese e atafega a calor
ti mírasme e centella o amor.

#TaniaYáñezCastro#

Foto de Paixón ENTRE ALMAS de Tania Yáñez Castro.

Un día
cae a chuzos
o sol seca gota a gota
e esfúmanse os meus zapatos.

Un día
onde as noites son de aluguer
os días son de paso
renacen os xirasois da miña horta.

Máis preto
a historia dun novo libro
con nubes pintadas de cores
os pensamentos dunha rebelde meniña.

#TaniaYáñezCastro#

Foto de Paixón ENTRE ALMAS de Tania Yáñez Castro.

O tempo voia.
Coma un puñado de area que escorrega entre os dedos e sen mirar atrás deixa un novo valeiro.
O tempo vaise.
E que do momento vivido?
Ese que apalpaches con cada latexo do corazón!
Enrrugas marcadas na pel, lamentos pisados, sabedoría, sorrisos amamantados de vida…
E que do está por vir?
Non temer!
Próxima parada o agora, o momento está aquí.

Foto de Paixón ENTRE ALMAS de Tania Yáñez Castro.