Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

BNG A Coruña

Esta mañá veciñ@s da Cidade Vella que pasaban por alí déronnos o aviso e de inmediato fomos comprobar que, efectivamente, o vehículo que se ve nas imaxes estaba a cargar mobiliario do interior da Casa Cornide ou, cando menos, almacenado alí. Con destino descoñecido.
É o espolio do espolio: a familia Franco fai no palacete do corazón da Cidade Vella coruñesa que no seu día usurparon o mesmo que hai unhas semanas quixeron facer en Meirás (e a presión social e a xustiza impediron). Diante da previsión de que a Cornide siga o mesmo camiño legal que o Pazo parece que prefiren adiantarse para, se poden, non deixar nin as arañeiras.
Descoñecemos con exactitude que hai (ou que queda) agora mesmo na Casa Cornide, mais si sabemos, por exemplo, que nela estiveron un tempo as estatuas de Abraám e de Isaac do Pórtico da Gloria. Ese dato lévanos a pensar que, se cadra, a descendencia do ditador estea a usar a Casa Cornide de almacén. Ou, máis ben, de Cova de Alí Babá e os Corenta Ladróns.
É moita hora de que o goberno local da Coruña deixe para outro día os anuncios e as boas intencións e axilice a formalización da demanda para a recuperación da Casa Cornide para o pobo da Coruña antes de que sexa tarde. E urxe tamén inventariar todos os bens do interior do palacete da Cidade Vella, mobiliario incluído, para evitar aquí o saqueo que pretendían facer en Meirás. Aínda hai uns días a nosa deputada Mercedes Queixas presentou iniciativas no Parlamento para saber se houbo avances no proceso de declaración da Cornide como Ben de Interese Cultural.
cornide2
cornide1