Onte lía a nova (pagada) nun medio galego sobre “O/A mellor docente de España”, un ano máis. Dame pena ver que entre as nominadas está unha compañeira coa que compartín aula fai uns anos.
Tamén recibín esa mesma nominación que por suposto declinei, quen me coñeza un pouco ou traballara na escola conmigo, saberá que estou en contra de que as institucións privadas e as empresas entren no eido da educación pública e moito menos que a convirtan nunha competición. Todo moi similar a esa merda de sistema educativo ultraliberal que vemos nas pelis yanquis e que dende fai anos queren impoñernos aquí.
Cando dixen que non ía participar dese premio moita xente non o entendía porque non lle vía nada malo, así que fágovos esta pregunta: é necesario que os docentes compitan entre si para determinar un título absurdo que nada ten que ver coas realidades das aulas? Son os centros e as aulas un lugar no que hai que ensinar a competir na vida e buscar o individualismo e cumplir os soños de vanidade de cada un de nós? En que tipo de sociedade queremos vivir? Nunha na que nas grandes corporacións multinacionais determinen o noso futuro dende que nacemos? (como xa case parece que sucede)
Resulta como mínimo curioso que quen alenta este absurdo título de “mellor docente do ano en España” (que por suposto nada ten que ver coa realidade da aula), sexa a mesma empresa que acaba de crear unha universidade privada en Galicia, Abanca. (non me digades que non vedes algunha conexión?)
Pensade nun momento no modelo yanqui, no que unha familia ten que empeñarse de por vida cun crédito bancario para poder pagar a carreira da súa filla para garantirlle un futuro nunha empresa satélite do banco no que solicitou os cartos. Non será mellor un sistema público educativo de calidade? No que toda a xente, independentemente da súa condición, orixe ou economía ten a posibilidade de garantirse un futuro? Ese modelo educativo témolo e temos que defendelo, protexelo e mellorarlo.
Que buscan con estos concursos? Futuros conferenciantes, desertores das aulas que despois digan á xente cales son os modelos educativos que funcionan e cales non?
A min xórdenme moitísimas dúbidas que xunto cunha carga moral enorme fíxome decidir por non participar dunha nominación (que por certo, agradezo enormemente a quen ma fixo e considerou que fixen un bo traballo neste curso tan difícil, non sei quen foi pero grazas polo apoio).
Non culpo aos compañeiros e compañeiras que participan este ano do concurso, aínda que si lles pediría algo máis de reflexión sobre este tema.
Todas as inquietudes que me xenerou e me xenera este tipo de concursos que pouco a pouco irán a máis, descifrounos de xeito maxistral Patricia A. Janeiro nun artigo que me pasou un bo compañeiro de profesión, chamado “A mellor profesora do Mundo” e que lle aconsello a todo o mundo que o lea, e en concreto aos/ás nominados/as galegos/as os/as cales, seguramente sen ter tempo a pensar no tema sentíronse abafados e premiados neste duro curso.
Tamén quero preguntarvos: non suficientes os premios que recibimos do noso alumnado e da comunidade educativa cada curso? Non é fachenda suficiente os premios que recibimos dos organismos oficiais que conforman o sistema educativo polo noso traballo colectivo? Temos que encher a nosa vanidade de portadas e fotos nos medios de comunicación para reafirmarnos no noso traballo? Hai que venderse e competir coas escolas privadas pola clientela?
E por último, aqueles que pensades que os cartos que dan ás escolas algunhas empresas como Abanca ou La Voz de Galicia non veñen mal, lembrade este refrán: “ninguén da duros a pesetas”.
Facebook Javier Prado: