Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

MJ Pérez presenta “Ai de Min!”, un adianto do seu novo disco

Trátase de “Ai de Min!”, un tema co que a artista sorprende e racha con aquilo ao que nos tiña habituados. Unha peza rítmica e bailable, acompañada de toda a súa banda e que conta coa colaboración especial de Richi Casás nos ventos. Algo totalmente novidoso dentro da traxectoria de MJ Pérez, que presenta agora este tema cheo de forza e cunha historia na que o humor xoga un papel importante.

Para presentar este tema de adianto, MJ Pérez escolleu as redes como punto de partida e quixo facelo a través dun videoclip que conta coa particularidade de ser realizado íntegramente pola propia MJ. Dende a gravación á edición final, foi un traballo en solitario, toda unha experiencia para poder probar cousas novas e superar novos retos. O formato escollido foi o coñecido como lyric vídeo, onde a letra da canción está presente en todo momento e interactúa coa propia artista a través da animación.

Agora, MJ Pérez ten por diante dúas novas datas que marcan a despedida do seu anterior disco “Guerrilleira”:

  • Venres 11 de agosto – CAMBADOS, na Praza Alfredo Brañas, dentro do circuito Serán de Troula e compartindo escenario coa banda Ivy Moon de Santiago de Compostela. (A partires das 21:30h, aberto para todo o mundo)
  • Martes 15 de agosto – SANTIAGO DE COMPOSTELA, no Parque de Bonaval, no Día das Galegas nas Letras que organiza A Sega, onde compartirá escenario coa formación Áureas, entre outras propostas. (Ao longo da tarde, aberto para todo o mundo)

Ai de Min! – MJ Pérez (Videoclip)

“Ai de Min!” é o tema que MJ Pérez presenta como adianto do seu novo disco que terá por título “Casandra”. Trátase dunha canción na que a artista presenta algo ao que nos ten pouco habituados: Acompañada de toda a súa banda (Inés Mirás, Alberto Rama e Diego Fiuza) e coa colaboración especial de Richi Casás aos ventos, MJ presenta un tema do máis bailable cunha historia na que xoga co humor.

Este videoclip está feito pola propia MJ, gravado, producido e editado por ela, en clave de Lyric Video, e partindo dunha base do máis sinxela.

Tema orixinal de MJ Pérez
Arranxos: Inés Mirás
Arranxos Ventos: Richi Casás
Guitarra Acústica + Voz: MJ Pérez
Percusión: Alberto Rama
Guitarra: Diego Fiuza
Baixo: Inés Mirás
Gravación e Mistura: Paco Cerdeira
Máster: Chou

Letra:

Ai… ai de min!
Creo que metín a pata ata o fondo…
porque che contei todo, todo!
Todo… referente a min

Ai… que mala cabeza!
mira ti que son pésima estratega
creo que ao final conseguín
que non teñas nada por descubrir

E así eu vou cantando
e ti vas marcando o ritmo
e este baile non ten fin
Que da túa man eu ando
e nos teus ollos confío
e que máis podo pedir?

Mais mira, non te confíes
que nada é o que parece
que eu xogo ao despiste
e co misterio da man

Mais ti abriches a porta
quen puidera ser inmune
e non ter nada na alma
que se puidera roubar

Ai… ai… que si!
que agora xa tes ti toda a vantaxe
que xa me perdín nesta viaxe
que… me perdín en ti

E así eu vou cantando
e ti vas marcando o ritmo
e este baile non ten fin
Que da túa man eu ando
e nos teus ollos confío
e que máis podo pedir?

E ao final ti venciches
e eu quedei desarmada
derrubaches a muralla
e o misterio quebrou
porque abriches a porta
Quen puidera ser inmune!
…e non ter nada na alma
que se puidera roubar

Máis información:

www.mjperez.net
Facebook: https://www.facebook.com/MJPerezmusic
Twitter: https://twitter.com/chamanmeMJ
Spotify: https://open.spotify.com/artist/7pxSK…
Bandcamp: https://mjperez.bandcamp.com