Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

monge

(Foto cortesía de La Opinión A Coruña)

Non vou facer unha relación das vítimas do terrorismo de Estado e dos crimes do franquismo durante a ditadura a e na Transición no período 1969-1981 (máis de 200), que xa publiquei no meu libro Os Borbóns unha monarquía escandalosa. A herdanza do franquismo. Os pactos da Transición, que permitiron a continuidade de todo o aparato represivo policial e dos xuíces franquistas, facilitaron a impunidade ou penas ridículas de moitos crimes. Este é un breve resume:

20-1-1969. Enrique Ruano Casanova, estudante de 21 anos, membro do Frente de Liberación Popular (FLP), detido cando repartía propaganda contra o franquismo, é asasinado pola Brigada Político Social; dixeron que “se ha tirado desde un 7º piso”. O xornalista Ignacio Escolar describía os feitos no artigo Respeto a la muertos: “Según quedó claro hace unos años, Ruano fue torturado durante cuatro días y después ejecutado de un disparo; de su cadáver se serró el hueso de la clavícula para esconder el agujero de una bala. Fue Fraga, ministro de Información, quien se ocupó de filtrar al ABC una carta de la víctima que lo presentaba como un suicida”. Os tres policías que custodiaban a Ruano, Francisco Colino, Celso Galván e Jesús Simón, foron absoltos por falta de probas

31-10-1975. Antonio González Ramos, militante do Partido de Unificación Comunista de Canarias (PUCC), morre en Santa Cruz de Tenerife despois das torturas en comisaría do inspector José Matute Fernández. Acusado de homicidio, este policía foi indultado poucos meses despois.

23-1-1977. Arturo Ruiz García, de 19 anos, estudante e traballador da construción, é asasinado en Madrid polo grupo de ultradereita Alianza Apostólica Anticomunista (Triple A), que disparan contra unha manifestación pro amnistía. O ultra Jorge Cesarsky foi condenado a só cinco anos de prisión e José Ignacio Fernández, presunto asasino, declarado en rebeldía.

24-1-1977. Francisco Javier Sauquillo, Luis Javier Benavides, Serafín Holgado, Enrique Valdevira e Ángel Rodríguez, que traballaban no despacho de avogados laboralistas de Atocha (Madrid) de CCOO, son asasinados por un grupo de pistoleiros fascistas. Fernando Lerdo de Tejada Martínez, un dos acusados e que era membro de Fuerza Nueva, fuxiu antes do xuízo (parece ser que a Latinoamérica), grazas a un permiso concedido na Semana Santa de 1979 (estaba en prisión preventiva no penal de Cidade Real) por Rafael Gómez-Chaparro, daquela maxistrado da Audiencia Nacional e antigo membro do Tribunal de Orde Pública (TOP). Este maxistrado concedera outros dous permisos para asistir a unha voda a Francisco Albadalejo, indutor da matanza e catro permisos a José Fernández Cerra, executor do crime.

16-10-1977. Miquel Grau Gómez, militante do Movemento Comunista do País Valenciá, morre en Alacante despois de dez días en coma polo lanzamento dun ladrillo por un membro de Fuerza Nueva, cando colocaba cartaces do Día da Comunidade Valenciana. O asasino, Miguel Ángel Panadero Sandoval, foi condenado a doce anos de prisión, pero quedaba en liberdade en 1982.

14-3-1978. Agustín Rueda, preso anarquista, era asasinado no cárcere de Carabanchel, despois das torturas e interrogatorios sobre un túnel descuberto nesa prisión.

8-7-1978. Germán Rodríguez morre en Iruña (Pamplona) a consecuencia dos disparos da policía nas festas dos Sanfermines. Despois da agresión policial houbo tamén feridos de bala e numerosas persoas foron golpeadas. Horas antes na praza de touros despregouse unha pancarta reivindicativa co texto “Amnistía total”.

30-9-1978. Antonio Carrión Muela, mecánico de 42 anos, aparece calcinado en Navalcarnero (Madrid). Son acusados do asasinato os ultradereitistas José Luis Magaña López, Juan José Vega Parra e José Luis Zazo López.

30-10-1978. Andrés Fraguas Fernández, de 19 anos, conserxe do xornal El País, morre cando fai explosión un paquete bomba na portería, colocado por un comando ultradereitista. Non se coñecen os resultados da investigación para esclarecer o asasinato.

3-6-1979. Gladys del Estal Ferreño, ecoloxista donostiarra de 23 anos, morreu polo tiro na cabeza dun Garda Civil nunha sentada celebrada en Tudela (Navarra) na Xornada Internacional contra a Enerxía Nuclear. Por este asasinato o Garda Civil foi condenado a ano e medio de cárcere “por imprudencia”, que non chegou a cumprir integramente.

2-2-1980. Yolanda González Martín, estudante de 19 anos, do Partido Socialista dos Traballadores (PST) é asasinada a tiros en Madrid nun atentado reivindicado polo Batallón Vasco Español (BVE): “Los primeros dos disparos los realizó Emilio Hellín Moro, mientras que su compañero Ignacio Abad Velázquez, también militante de Fuerza Nueva, se encargó de rematarla. Luego se marcharon” (Público, 4-2-2018). A Audiencia Nacional condenaba en 1982 a Hellín e Abad a 43 y 28 anos de cárcere, respectivamente. Cando levaba sete anos de prisión, Hellín disfrutou dun permiso que aproveitou para fuxir a Paraguai. Descuberto pola revista Interviu, foi entregado a España en 1990 e sae de prisión en 1996, é dicir, cumpriu 13 anos. Cambiou a súa identidade por Luis Enrique Helling e traballou até 2011 como asesor para as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, participando en investigacións criminais e impartindo cursos e técnicas forenses de espionaxe e rastreo informático. Despois foi contratado como perito xudicial polo avogado dunha das causas do Caso Taula de corrupción de cargos públicos do PP de Valencia. Esta historia, e outras moitas semellantes, deberían figurar na “Marca España”.

15-4-1980. Jorge Caballero Sánchez, traballador de Agromán e militante da CNT de 21 anos, foi atacado en Madrid o 28 de marzo con bates de beisbol e machetes por membros de Fuerza Joven (organización xuvenil de Fuerza Nueva), morrendo quince días despois. En 1987 algúns deses fascistas foron xulgados polo xuíz Carlos Entrena (antigo membro do TOP) por “desordes públicos” e non por asasinato. O crime quedou impune porque o presunto asasino, José Llobregat Ferré “El Loco”, reside en Santo Domingo, dedicado á construción e promoción inmobiliaria, sen que os gobernos de España conseguisen a súa extradición a pesar de estar perfectamente localizado. Un dos detidos, José Miguel Gómez González “El Masa”, sinalou que Ricardo Alba Benayas –daquela subxefe de Fuerza Nueva– mercou os billetes de avións para a fuxida de Llobregat. Alba foi despois secretario xeral da Fundación Francisco Franco.

6-9-1980. José España Vivas, militante do PCE (r) de 25 anos e veciño de Alcalá de Henares, morre no hospital ao día seguinte de ser detido e sufrir torturas na Dirección Xeral de Seguridade en Madrid.

30-11-1980. Juana Caso González e José Muñoz Expósito son asasinados en Barcelona por Salvador Durán, xefe comarcal de Fuerza Joven que, segundo as declaracións do dirixente fascista, confundiu con membros do Ateneo Libertario de Mataró. As armas do crime foron facilitadas por gardas civís.

30-12-1980. Francisco José Rodríguez López, de 21 anos, morre en Valencia polos disparos de José Palazón Sánchez, ultradereitista do Frente de la Juventud. O xuízo contra 33 membros desta organización, todos en liberdade provisional, iniciábase o 23 de outubro de 1984, pero só comparecen seis porque o resto, entre eles Palazón, non foron detidos ou fuxiron.

13-2-1981. Joseba Arregi Izagirre, membro de ETA, morre no hospital da prisión de Carabanchel despois de sufrir torturas na Dirección Xeral de Seguridade en Madrid. Case nove anos máis tarde, en outubro de 1989, o Tribunal Supremo condenaba aos policías Julián Marín Ríos e Juan Antonio Gil Rubiales a catro meses de arresto e tres e dous anos, respectivamente, de suspensión de emprego e soldo. O goberno socialista de Felipe González indultaba a estes policías en 1990. Gil Rubiales era designado en 2005 como Comisario Xefe Provincial da Policía de Tenerife polo goberno socialista de José Luis Rodríguez Zapatero.

10-5-1981. Juan Mañas, Luis Montero e Luis Manuel Cobo, mozos de Santander, son asasinados en Almería cando se desprazaban para asistir a unha celebración familiar. Confundidos con militantes de ETA, foron detidos pola Garda Civil en Roquetas de Mar e torturados até a morte. Despois do asasinato os tres corpos apareceron calcinados  dentro dun coche nun barranco. O ministerio de Interior (Juan José Rosón era o ministro) informaba que os tres mozos ían armados, indocumentados e que perderon a vida nun tiroteo coa Garda Civil cando eran trasladados a Madrid, versión totalmente falsa. Carlos Castillo Quero, tenente coronel da Garda Civil, dirixiu esta operación e despois do xuízo acadou o terceiro grao sete anos despois (en 1988) e a liberdade definitiva en 1992.

15-10-1983. José Antonio Lasa Aróstegui e José Ignacio Zabala Artano militantes de ETA eran secuestrados en Baiona (Francia) en 1983 por un comando dos GAL, conducidos ao Palacio de La Cumbre en San Sebastián, propiedade do Ministerio de Interior, e interrogados por gardas civís do cuartel de Intxaurrondo, baixo o mando do comandante Enrique Rodríguez Galindo. As torturas foron tan duras que quedaron nun estado físico lamentábel. Foron conducidos a Alacante por orde de Galindo, asasinados a sangue fría de varios tiros na cabeza e enterrados nunha fosa, cubertos con cal viva. Os restos foron localizados en 1985 e identificados en 1995. Galindo, Julen Elgorriaga, ex–gobernador socialista de Guipúscoa, e outros foron condenados en abril de 2000 por estes asasinatos. Condenado a 75 anos polo Tribunal Supremo, Galindo só cumpriu catro anos e cinco meses, excarcerado en 2004 por “razóns de saúde”, cumpría a pena no seu domicilio e en 2013 conseguía a liberdade condicional. Os responsábeis do secuestro, torturas, asasinato e desaparición de Lasa e Zabala eran gardas civís protexidos polo Ministerio de Interior, que recibiron condecoracións e ascensos, como Galindo que chegaba a xeneral en 1995 e recibía a faixa de xeneral de Juan Alberto Belloch, ministro de Interior e Xustiza do goberno socialista de Felipe González. Asistiron a este acto, entre outros, os ex-ministros socialistas de Interior José Barrionuevo e José Luis Corcuera.

Todos estas persoas son vítimas do terrorismo de Estado, o peor dos terrorismos, pero ningunha figura no censo oficial de vítimas do terrorismo. Aínda máis, o Ministerio do Interior excluía a Yolanda González, asasinada polo Batallón Vasco Español, da listaxe de distincións do Mérito Civil outorgadas polo Estado a quen morreron en actos terroristas. O seu irmán lamentaba o “doble rasero” de quen “utilizan a las víctimas para hacer política”.

Por outra parte, os gobernos concederon indultos e outros beneficios que acentuaron, aínda máis, esa impunidade. Así, José Barrionuevo,  ex– ministro de Interior co goberno socialista de Felipe González, e Rafael Vera, ex–secretario de Estado para a Seguridade, condenados con outros oito cargos polo secuestro do cidadán francés Segundo Marey, confundido como dirixente de ETA, nunha acción reivindicada polo GAL, foron condenados a 10 anos de prisión, pero en 1998 o goberno de Aznar reducía esa pena en dous terzos, concedendo o terceiro grao penitenciario para que puidesen saír do cárcere.

A Lei 2/2017 de 28 de marzo de Memoria Democrática de Andalucía, cualifica os delitos do franquismo como “crimes contra a humanidade ou de lesa humanidade”, xa que son actos de “extrema violencia incluídos nas categorías que estabelece o Tribunal de Nuremberg” (asasinato, escravización, deportación…). “Foron planificados e executados dende o poder político militar de xeito sistemático e a gran escala”; son “crimes imprescritibles” e “perseguibles pola xustiza universal”. Con estes razoamentos, conclúe: “debería derrogarse ou modificarse calquera norma legal de carácter estatal que se opoña ou contraveña esta normativa internacional”, en referencia á Lei de Amnistía de 1977.

Para acabar con esta vergoña da impunidade dos crimes do franquismo e da Transición, as forzas políticas democráticas deberían incluír nos seus programas electorais a derrogación da Lei de Amnistía de 1977 e que eses crimes sexan xulgados aquí e non a iniciativa da xustiza arxentina. É unha débeda que aínda temos coas vítimas.

(ÁRTIGO CORTESÍA DE http://praza.gal)