Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

cheik

CHEIKH FAYE

Escoita amigo. Seica Europa anda preocupada polo que pase nas eleccións en Francia. A filla de Le Pen asusta a esquerda que vive dentro da orde. Din que é racista. Claro que é . Din que Franza é racista. Pois igual que España. Debes saber que non somos todos iguais, e que hai quen chegou a Europa a demostrar que é musulmán, un bo musulmán que move multitudes e levanta mesquitas. Eu non. Eu vin aquí para buscar unha solución a un problema económico. E son musulmán, pero respecto os costumes deste país. Non vin  impoñer novas normas. Hai xente de cultura árabe tan arraigada que non perdeu a mentalidade colonial. E que pensa na relixión de forma moi distinta á que penso eu. Eles provocan certa reacción contra os inmigrantes. Sábelo, non?

Hai racismo, é certo. Mais detrás do racismo o que se agocha é unha forma de apartheid económico. Pecha os ollos. Non verás a cor da pel. Pero seguirá habendo pobres. Habíaos e hainos. Antes existían as castas, hoxe as contas bancarias.

DETRÁS DO RACISMO O QUE SE AGOCHA É UNHA FORMA DE APARTHEID ECONÓMICO. PECHA OS OLLOS. NON VERÁS A COR DA PEL. PERO SEGUIRÁ HABENDO POBRES

Os ricos non queren pobres entre eles, os pobres queren medrar, e arriba non hai sitio para todos. Le Pen fai bandeira do racismo dos brancos fronte aos non brancos. Todos no mesmo saco. Pero non repara en que non somos iguais. Ela divide a sociedade francesa entre os de dentro e os de fóra agochando a verdadeira contradición.

Abre os ollos. Le Pen, o pai, chegara a dicir que Francia non tiña que celebrar a vitoria da súa selección no Mundial de fútbol de 1998 porque só catro xogadores eran “franceses puros”. Para superar a contradición entre o grupo “francés puros” creou o grupo dos “impuros”.

Le Pen (pai e filla) son apenas unha pequena parte da historia por moito medo que metan. A historia das migracións é moito máis grande e ten moita máis forza. A medio prazo ningún Le Pen parará a integración entre os pobos. Porque as culturas, como dicía Senghor, cando se atopan o primeiro que fan é rexeitarse, pero rematan sempre nunha mestizaxe.

AS CULTURAS, COMO DICÍA SENGHOR, CANDO SE ATOPAN O PRIMEIRO QUE FAN É REXEITARSE, PERO REMATAN SEMPRE NUNHA MESTIZAXE

Nin Le Pen nin o racismo nin as leis de estranxeiría evitarán iso.

Repara na historia. Os senegaleses empezaron a migrar a Francia nos anos trinta. Emigraban as elites intelectuais, xente escollida, e moita retornaba ao país para converterse en elite dirixente. Nos setenta empezou a emigración económica. Era pouca. Porén disparouse na década seguinte. Cando Senghor deixou o goberno, empezaron a retallar as axudas aos pobres. Pecharon os sitios de hospedaxe para os mozos que ían estudar ás cidades. Acabaron coas bolsas.

A miña familia era pobre. Superei o exame de ingreso en Secundaria e tiven que marchar. Mais nunca tiven unha bolsa. En Saint Louis vivín primeiro na casa dun parente e despois na dun coñecido da familia.

Os senegaleses empezaron a emigrar masivamente naqueles anos. Primeiro a Francia. Pero nos anos oitenta Francia empezou a facer políticas para frear a inmigración. Estableceu o visado tamén para os senegaleses. Daquela os migrantes deron en marchar cara a Italia ou España.

Se cadra algunha vez te cruzaches con Ndiaga Mboup na rúa Barcelona, na Coruña. Ten sempre un pucho. Vende cintos na rúa. Leva enriba unhas cantas expulsións de Francia, mesmo algunha de Italia. Pasoulle a moitos. Pero repara nel para facerte unha idea do que as leis poden facer coas persoas.

Malia todo, en Franza a integración é un feito. Primeiro a integración desa elite escollida intelectual que en moitos casos non se descolonizou, máis tarde polos nacidos alí, esa segunda xeración que se educou e adaptou moito máis rápido que os nosos veciños árabes do norte. Moitos daqueles estudantes que marcharon a Francia casaron alá como Anta Diop, por exemplo. En Francia até tivemos un presidente dun equipo de fútbol (Pape Diouf, en Marsella), hai profesores, profesionais e artistas (hoxe o máis coñecido é o actor Omar Sy).

SE CADRA ALGUNHA VEZ TE CRUZACHES CON NDIAGA MBOUP NA RÚA BARCELONA, NA CORUÑA. TEN SEMPRE UN PUCHO

Aquí pasará tamén. Dentro de quince ou vinte anos. O tempo que leva de vantaxe a colonia senegalesa en Francia. Aquí aínda non creceu esa segunda xeración. Pero están. Sucesos desgraciados como o do rapaz afogado hai pouco na praia falan diso. Moussa chegara fai un ano coa súa nai. A familia ía asentar aquí. Haberá quen o consiga, Moussa.

Nin as leis nin o racismo nin os Le Pen que vaian aparecendo son máis fortes ca forza da historia das migracións. Remataremos por integrarnos e máis rápido e máis fondo ca outros. Uns poucos quizá entre os ricos; a maioría, entre os pobres.

CHEIKH FAYE – É O AUTOR DO BLOG SENEGALIZA