• Músicas Esquecidas
  • Contacto

Login form protected by Login LockDown.


 

Sentiuse débil, vulnerábel coma un raparigo que viña de perder algo moi prezado e que, por máis que teimase, xa non conseguiría substituír. Moi dentro de si, desexaba que aquilo nunca tivese acontecido. Ollaba para ela alí tirada, talvez nun estado semellante ao dun moribundo. Nin sequera se atrevía a achegarse á súa beira. De lonxe, cismaba no que podía sucederlle en canto descubrisen o seu delito. O seu pai, un experto avogado, xa lle tiña advertido que cando alguén cometía un acto delituoso, xulgábano e, se resultaba condenado, obrigábano a cumprir unha pena de prisión. Aquel nefasto pensamento estremeceu o seu corpo. Sobre todo a carga tremebunda adherida a cada sílaba do substantivo ‘prisión’. A súa cabeza rotou varias veces nun aceno de desesperación. De ningún xeito aturaría tal repulsivo castigo. Odiaba comparecer diante dun xuíz, que, con seguridade, fitaría para el coa mirada severa dun ser castigador e, ao descubrir a súa culpa, non amosaría ningunha clemencia cara a el, e remataría ditaminando nunha sentenza o seu ingreso no cárcere, sen posibilidade de fianza. Ademais, a opinión negativa que iría conformando no pensamento a xente que o coñecía e que, antes de saber do seu delito, o tiñan por unha boa persoa, arruinaría a súa incipiente reputación. Daquela, cavilou nun rumbo distinto para o seu futuro. Definitivamente, non tiña necesidade de enfrontarse á xustiza. Con determinación, mais guiado pola prudencia do sixilo, apañou os anacos da figura de porcelana que escachara ao caerlle das mans, carretounos nunha presada polo sombrizo corredor que o encamiñaba até a cociña, onde se apurou a agochalos con cautelosa malicia no fondo do caldeiro do lixo.