Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

  Mércores, 20 de decembro de 2017, ás 19,30 horas

Salón de actos da ONCE (Cantón grande da Coruña)

Participantes:

XIAO VARELA. concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda

CARLOS NARDIZ. Enxeñeiro de Camiños e profesor da UDC

RICARDO GARCIA MIRA. Profesor de Psicoloxía Social e Ambiental da UDC

MYIRIAM GOLUBOFF. Arquitecta, especialista en temas de sostenibilidade, arquitectura e saúde e medio ambiente

XOSE LOIS MARTINEZ. Urbanista e coordinador do Departamento de Urbanismo e Ordenación do Territorio da ETSA

Presentación: Emilio Vega, da directiva do Foro Cívico

 

O traslado de actividades portuarias ao porto exterior de Punta Langosteira vai ofrecer á cidade da Coruña a posibilidade de deseñar unha nova perspectiva urbana, unha oportunidade para o deseño do futuro. Son múltiples as posibilidades que ofrecen eses espazos que queden liberados, terreos do común, para beneficio da cidadanía e da cidade. Cómpre, xa que logo, definir o carácter de dominio público dos mesmos, e sobre todo definir os seus usos futuros .

Este é un debate fundamental para o futuro da Coruña. Dominio público ou privado, usos privados ou públicos, industrias, comercios, edificacións, tren de proximidade etc. son algunhas das múltiples posibilidades. Pero o que se decida non poderá facerse sen a presenza do concello da Coruña.

Ten hoxe algún sentido manter os criterios previstos no convenio asinado en 2004 entre o concello da Coruña e o ministerio de Fomento, que se concretaba na construción de oito edificios de nove plantas cada un nos peiraos de Bateria e Calvo Sotelo? Que facer nos peiraos de San Diego e Petroleiro e a estación de mercadorías con case 400.000 metros cadrados, que alguén definiu como “A madre de todas as batallas”? Ten algún sentido, cando hai hoxe 20.000 vivendas baleiras na cidade, construír neses terreos desafectados outras 5.000 vivendas e 34.000 metros cadrados de superficies comerciais? Aproveitando a infraestrutura existente e que non se utiliza, non habería que deseñar xa a entrada do tren de proximidade até o centro da cidade?

O pleno do concello da Coruña ten xa aprobados importantes acordos para que sexa o Estado, con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado, quen asuma as débedas da construción do porto exterior e as súas conexións, e ten aprobado a realización dunha Consulta Popular sobre o futuro destes espazos. Máis de 5.000 persoas manifestáronse o pasado 7 de maio baixo a consigna de “A Coruña non se vende”.

Este debate estivo sempre nas mans da Administración do Estado, da Xunta e do Concello; un debate furtado á cidadanía, que estivo sempre marxinada e que ten coñecemento polos medios de comunicacións do que pensan facer coa nosa cidade .

Dende o Foro Cívico pensamos que este é un debate que corresponde sobre todo á cidadanía. O futuro dos peiraos que abandonen a súa actividade portuaria, o futuro da cidade, temos que decidilo entre todas e todos, mediante un debate participativo, aberto e democrático.

O Foro Cívico quere ser unha tribuna para informar, alentar e reflexionar colectivamente sobre as posibilidades que ofrecen os peiraos da cidade, e para iso contamos  co concelleiro responsábel municipal da planificación urbanística e con importantes profesionais e especialistas neste tema.

(Foto portada cortesía de puertocoruna.com)