Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

Julián Maeso, Tachenko, Greus, Chicharrón, Belgrado, Comando Psicográfico, Cuchillo de Fuego, Ocre, Maud The Moth e Jas Processor tocarán no Festival Noroeste Estrella Galicia 2016 Polo de agora, coñécense 30 nomes dos máis de 60 que conformarán o cartel completo do festival, a ritmo de rock, pop, indie, funk, metal, psicodelia, música de vangarda, etc. Nas vindeiras semanas comunicaranse novas confirmacións para este 30 Noroeste que se celebrára do 2 ao 7 de agosto A Coruña, 20 de xuño de 2016.

– Dez novas bandas confírmanse dentro do cartel do Festival Noroeste Estrella Galicia 2016, que continúa fiel ao seu carácter ecléctico e á busca da calidade e da singularidade en todos os seus directos. Artistas de pegada local e nacional coma Julián Maeso, Tachenko, Greus, Chicharrón, Belgrado, Comando Psicográfico, Cuchillo de Fuego, Ocre, Maud The Moth e Jas Processor formarán parte desta 30 edición do Noroeste. Son xa 30 os nomes que resoan para un encontro único e gratuíto que, do 2 ao 7 de agosto, inundará de música a cidade da Coruña.

Nas vindeiras semanas coñeceranse novas confirmacións ata conformar una oferta de concertos en vivo con máis de 60 grupos a ritmo de rock, pop, sons indies, funk, metal, psicodelia, música de vangarda, electrónica e moito máis.

AS DEZ NOVAS CONFIRMACIÓNS Julián Maeso A improvisación e a independencia son o aceno da casa deste músico toledano. Desta maneira, Julián Maeso sempre soubo rodearse dos compañeiros adecuados para sacar adiante todos os seus proxectos. Tras unha colaboración, en 2002, chegou aos Sunday Drivers para quedarse, ao mesmo tempo que practicaba no seu tempo libre a súa predilección polo organista estadounidense Jimmy Smith, con quen compartía instrumento e gustos musicais. Tras a disolución da banda manchega, Maeso pasou por unha crise vital que incluso fixo que pensase en deixar a música. Sen embargo, o resultado foi todo o contrario: un disco de debut en solitario, Dreams Are Gone (2014), brillante e intimista. Desde entón, non para de colaborar con bandas como Speaklow, The Black birds, The Sweet Vandsou Aurora &The Betrayers; e de participar como músico en xiras de artistas como M-Clan e Quique González. O seu último disco, One Way Ticket to Saturn (2014), supuxo un xiro cara o funk, o country e o rock, deixando a un lado o blues melancólico da súa ópera prima. Cun novo traballo xa en camiño, este multi-instrumentista e compositor sabe mergullarse como ninguén do noso país na música de raíz americana.

Tachenko Dicir que Tachenko, despois de máis de dez anos de carreira e cinco álbums editados (ademáis dalgúns EPs) atópase no seu mellor momento, e que o seu sexto álbum, El comportamiento privado (Limbo Starr, 2015) é o máis brillante atendendo á calidade das súas cancións e a súa producción, é moito dicir. Sobre todo tendo en conta a súa exitosa discografía. A súa filosofía resúmese na frase: “Sempre á busca da canción perfecta”. Un propósito que lles mide cos grandes do xénero e que logrou converter a Sergio Vinadé e a Sebas Puente nunha parella compositiva sen parangón na actualidade musical nacional, grazas a títulos como Amable, El golf, Hacia el huracán, Escapatoria ou Dame una pista, por citar tan só un tema por álbum. Obras imperecederas capaces de crear un sentido propio no oínte y transportalo a momentos reais ou imaxinarios. A súa constante actividade no circuíto de salas e festivais converteunos en todo un referente e a súa música, parafraseando ao filósofo do fútbol, é un “estado de ánimo” que fai do mundo un lugar máis confortable e da vida un camiño máis levadeiro para os seus fans.

Greus Edu Rodríguez e Iván Ruíz son dous músicos cunha longa traxectoria nisto de conducir polo deserto pola noite. Ambos acumulan máis de 15 anos tocando en grupos: Edu á batería nos madrileños Moho (unha das formacións de referencia na escea europea de stoner rock) e Iván en formacións lexendarias como Moksha ou os heroes do hardcore Xmilk. Tras pouco máis de dous anos nos que o dúo foi macerando as súas cancións en barrica de carballo, ao fin podemos meterlle o dente ao seu primeiro LP, gravado -como non podía ser doutro xeito- por Santi García. Unha colección de cancións -case- enteiramente instrumentais que farán que Tony Lommi (Black Sabbath) acariñe ao seu gato xunto ao lume cun sorriso de satisfacción nos beizos, cabeceando con parsimonia ao ritmo da música. O seu LP de debut é un imaxinativo e atmosférico tour de force compositivo que materializa perfectamente todas as virtudes do dúo: o uso de patróns estilísticos certamente recoñecibles coa fin de renovalos e poder proxectar a personalidade do grupo. Riffacos de doomsludge en cancións traballadas e executadas sen misericordia, nas que Iván e Edu deixan patente a súa compenetración, acelerando e levantando o pé do acelerador con mestría. Lume e destrución para rexenerarse.

Chicharrón irrumpiu con forza no panorama musical en 2014. Un “proxecto post folk en penumbra e de altísima intensidade emocional”, segundo o crítico David Saavedra. Formado nos seus inicios por Alberto Vecino (Franc3s), Diego Gende (Lowcos) e Rubén Domínguez (Telephone Rouges), presentouse cun disco debut homónimo que sorprendeu á crítica e ao público polo seu son etéreo e a súa reflexión lírica sobre o amor e a dor. Agora, como quinteto tras a incorporación de Mar Catarina e Xurxo Meis, o seu crecemento, tanto en tamaño coma en estilo, plásmase no seu novo álbum Postal. Un disco que introduce novas sonoridades, concentradas no papel das guitarras eléctricas. Un relato de amor e claridade que, ao longo de doce cortes, debuxa un mosaico de sensacións rumoreadas, nas que as capas de emoción e a pulsión rítmica, superpoñense. En definitiva, Chicharrón presentará nun dos escenarios máis intimistas do Noroeste Estrella Galicia un álbum máis optimista que o anterior; unha mostra de pop emocional que camiña cara a unha nova espiritualidade.

Belgrado Formados en 2010 baixo o nome de Belgrado, Pat, Renzo, Fergu e Jonathan conseguiron en tan só dous LPs converter a súa banda nunha auténtica figura de culto dentro dunha ampla escena social e musical. Paladíns do “faino ti mesmo”, a autoxestión e o punk, Belgrado xiraron varias veces por Europa e América, sempre montándose as súas propias xiras, e de acordo a unha determinada ética en torno ao exercicio da música. Máis habituais de centros sociais okupados ou de pequenos locais que de festivais ou salas de concertos, o seu post punk moi próximo ao pop alcanza amplísimas audiencias (especialmente fora das fronteiras do estado), á vez que as súas posturas os manteñen lonxe da prensa e medios xeneralistas.

Comando Psicográfico é un proxecto a cabalo entre a performance e o ritual. No escenario, o pintor coruñés Pablo Gallo enfróntase a cegas á folla en branco mentres o músico IagoAlvite, que leva máis de 20 anos formando parte de grupos coma Los Eskizos ou Machetazo, pon a banda sonora aos debuxos que Pablo fai fronte o público. Un proxecto efímero e experimental, en forma de ritual pagano, que xira en torno ao espiritismo e que se nutre tanto do happening artístico como da función teatral. En directo, Iago crea con distintos obxectos e instrumentos unha música espectral, que trata de evocar unha atmosfera sonora que potencie o ritual e guíe a Pablo na escuridade. Con estes elementos sobre o escenario, o dúo performáticomediúmnico, renova tamén os espíritos de toda a audiencia que presencia a fraternal cerimonia de conxuros hipnagógicos. O libro Dibujar en la oscuridad, escrito e ilustrado por Pablo (El Gallo de Oro, 2016), é o único material editado sobre este proxecto artístico, polo que a súa actuación no Festival Noroeste excede a experiencia dun concerto, ofrecendo ao público unha expedición polo mundo da escuridade do espectro onírico.

Cuchillo de Fuego En os apenas dous anos que levan tocando xuntos, a colleita de Xose Lois (guitarra), Gayoso (baixo), Berto (batera) e Juanes (voz) está a ser inmellorable. Xurdidos das entrañas do Liceo Mutante de Pontevedra, centro social autoxestionado e fonte de cultura e arte, os seus membros acreditan en multitude de experiencias musicais (Unicornibot, Djalminha, Collares de Perlas, Serpes da Luz) e doutras artes (autoedición, ilustración). Cuchillo de Fuego arrastra dende os seus primeiros pasos una afección apaixonada e en continuo crecemento. O seu primeiro LP, Triple España, foi unanimemente aclamado pola crítica e o público. Actualmente están preparando as composicións para un novo traballo. Ocre Beats e bits.

Reverb e código aberto. Así se sintentiza Ocre, proxecto musical de Edu Poch, informático e tamén compoñente dos grupos Nouvelle Cuisine e Elvis Negro. Unha metade de Ocre é música. Torpe (EP Discos de Kirlian, 2014) é o seu debut discográfico, formado por seis temas de electro-krautpop con claras influencias de Family, Kraftwerk e Serge Gainsbourg. Pop electrónico con persoal alento poético e grandes textos de Xoansinho Daviña e o propio Edu Poch. A outra metade de Ocre é código, distintos experimentos audiovisuais nos que a aleatoriedade xerada por ordenador é o centro conceptual. Na súa páxina www.creoqueocre.es, Edu suscita ao usuario un xogo coa aleatoriedade e as posibilidades tecnolóxicas da web, permitíndolle así xerar portadas e videoclips diferentes e únicos. Ademais, todo o código desenvolvido é aberto e pode ser consultado, descargado e modificado sen ningunha limitación. Entre os seus proxectos encóntrase lanzar o seu segundo EP que, segundo o propio músico, “sairá á luz un día calquera de 2016” e chamarase Vago. Ou non. O que é seguro é que será un dos protagonistas do Noroeste Estrella Galicia, ao que sumirá nun transo con reminiscencias á indietrónica, melodías xoguetonas e unhas letras que falan da nostalxia e de que un tempo pasado foi mellor.

MaudTheMoth Partindo en 2010 como o proxecto en solitario da autora madrileña Amaya López- Carromero, Maud The Moth evolucionou a través de varias formacións. Co piano como elemento estrutural en torno ao cal crecen as capas e as texturas vocais, o proxecto presentouse en ocasións como jazz trío ou dúo multi-instrumental, evolucionando como o organismo cambiante que é. Maud The Moth ten as súas raíces nun rico e amplo trasfondo musical, e mantén en todo momento unha actitude crúa e intimista. As cancións enfócanse cara o lado máis emocional e conceptual da expresión, exhibindo unha riqueza estética que contén elementos tanto de música clásica, como do metal, avantgarde, jazz ou soul, cuxas estruturas progresan constituíndo pequenos contos musicais. Tras o lanzamento do seu primeiro disco Home Futile Home en 2001 (Nooirax Prod, Noma Recs, Excellent Recs), Maud The Moth realizou varias xiras por España, Portugal, Francia e Reino Unido, onde reside actualmente.

Jas Processor Con máis de 15 anos de carreira ao seu lombo, Jas Processor é un investigador e un cazador de tendencias musicais contemporáneas e do pasado. Incansable coleccionista, DJ, técnico de son e historiador da música de baile e da figura do disc jockey, é ademais locutor e técnico de radio en programas musicais especializados. O seu gran potencial e atractivo reside na súa capacidade para “procesar” o son e as cancións de forma creativa e en directo, empregando as técnicas do Dube da remezcla coma unha linguaxe propia na interacción co público e cos outros artistas. Considerado como un dos dj’s máis versátiles e, sen dúbida interesantes da escena galega, Jas Processor colaborou en proxectos como República Disco Apocalipso, Souldiggers e Soundkilla Crew. Tamén destacan as súas participacións en citas culturais como Os atardeceres no Gaias, o Festival Curtocircuito, o Festival S8, o Carballo Interply, o Foundation Reggae Festival, Vibra Balboa ou Reperkusión, ademais das súas actuacións en clubs como Le Club, o 14!, Patachim, La Huelga, Jarana club ou o Puticlú. No Festival Noroeste mostrará unha vez máis esa capacidade para nunca deixar indiferente ao público, facéndolle vibrar e bailar grazas a ese estilo dinámico e vitalista que tanto lle caracteriza.

MOI PRONTO

Nas redes sociais oficiais do Festival Noroeste Estrella Galicia iranse comunicando en primicia as novas confirmacións do festival. Ademais, a partir do 10 de xullo, comunicarase o fallo dos tres grupos gañadores do Concurso de Bandas e Solistas de Cuac FM que tocarán no Noroeste