O escritor Antonio Piñeiro vén de gañar o Premio Torrente Ballester en galego, convocado pola Deputación da Coruña, coa novela A través do fume. O xurado destacou a “habilitade narrativa” da obra elixida para a segunda edición da convocatoria na modalidade só de galego.
Un xurado composto por Antón Riveiro Coello, Montse Dopico, María Reimóndez, Armando Requeixo e a gañadora da edición anterior, Eli Ríos, presidido pola vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei e coa xefa de servizo, Mercedes Fernández Albalat como secretaria decidiu conceder o Premio Torrente Ballester á obra A través do fume que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría do escritor Antonio Piñeiro. O premio consiste en 25.000 euros –o de maior contía da narrativa en galego- e a publicación da obra gañadora.
O xurado valorou que a novela de Antonio Piñeiro é un “relato cunha grande habilidade narrativa que arrisca e funciona como mecano en que a persoa lectora ten que implicarse para construír o quebracabezas até a última páxina”.
Destaca tamén na explicación da escolla da obra, que se produciu por unanimidade, o seu “enfoque calidoscópico que recrea maxistralmente a memoria a través do tratamento exquisito da lingua e os obxectos simbólicos do cotián como os selos ou as cartas”.
“Esta prosa poética destaca polo xeito innovador e dinámico en que conviven o presente e o pasado”, engade o xurado despois da deliberación en que escolleron a novela de Piñeiro sobre as 12 finalistas das 59 obras presentadas.
O escritor Antonio Piñeiro (Ribeira, 1962) exerce como profesor de Historia no ensino público e, entre outros premios, gañou o “O Penedo” do Centro Galego de Barcelona, o de poesía “Vila de Rianxo”, o Premio Avilés de Taramancos de relato de aventuras, o XXIII Premio de Novela “García Barros” da Estrada, o Premio de narrativa Manuel Murguía do Concello de Arteixo, o Premio Lueiro Rey de Novela Curta do Concello do Grove ou o Certame literario de Piñor de narracións breves.
Ademais de novela, na súa obra ten visitado o xénero do relato e a poesía. A súa conta de libros iníciase con Paisaxes de Cinza (Toxosoutos) en 2002 e nela atópanse obras como Tres contos de guerra (Colección Bourel), a novela A identidade fascinada (Editorial Galaxia, 2015) ou O noiro (Sotelo Blanco, 2016).
Desde o verán de 2004 dirixe a iniciativa editorial independiente “Colección Bourel”, a través da que tenta o exercicio artístico baseado no obxecto libro, en clave artesanal e experimental.
Antonio Piñeiro con A través do fume faise así coa segunda edición do Premio Torrente Ballester na súa modalidade de lingua galega. Despois de vinte e oito edicións, o pasado ano a área de Cultura da Deputación da Coruña crease por vez primeira a convocatoria só para lingua galega que recaeu naquela primeira edición na novela Luns de Eli Ríos.