O Cadelo Lunático, Komódo e Look Out Brother! actuarán no Festival Noroeste Estrella Galicia tras resultar gañadores do XVIII Concurso de Bandas e Solistas de Cuac FM
- As tres bandas galegas gañadoras subiranse ao escenario da Praia de Riazor a primeira fin de semana de agosto xunto a artistas internacionais da talla de Editors, que xa confirmaron a súa presenza no festival
- O xurado encargado da selección das bandas gañadoras estivo composto por catro profesionais do mundo da música externos á emisora: J.F. León, Pepe Cunha, David Saavedra y Wilma Lorenzo, xunto a un equipo de socias e socios de Cuac FM
- Este xoves 14 de xullo anunciarase o cartel completo do Noroeste Estrella Galicia 2016, así coma os horarios e os escenarios onde actuará cada unha das bandas participantes
A Coruña, 11 de xullo de 2016.- O XVIII Concurso de Bandas e Solistas de Cuac FM xa ten aos seus primeiros gañadores. Un xurado formado por catro profesionais do mundo da música externos a Cuac FM: J.F. León (Ruta 66, Onda Cero), Pepe Cunha (Ábrete de Orellas, Premio Martín Códax da Música Galega ao mellor proxecto de comunicación), David Saavedra (Rockdelux, La Luna de Metrópoli – El Mundo) e Wilma Lorenzo (Efe Eme, La Musicoteca), xunto a un equipo de socias e socios de Cuac FM, foron os encargados de seleccionar as tres bandas galegas que actuarán a primeira fin de semana de agosto na Praia de Riazor dentro do marco do Festival Noroeste Estrella Galicia 2016, que este mesmo xoves anunciará o seu cartel completo. Os gañadores do Concurso de Cuac FM son O Cadelo Lunático, proxecto en solitario de base blues do músico coruñés Javier Prado; Komódo, banda compostelana que fusiona o blues co rock alternativo e o hard rock; e Look Out Brother!, un conxunto de blues, funk e rock que xurdiu na Coruña no ano 2014.
O CONCURSO DE BANDAS E SOLISTAS DE CUAC FM E A SÚA COLABORACIÓN CO FESTIVAL
Este 2016, dentro do marco do Festival Noroeste Estrella Galicia, o Concello da Coruña firmou un acordo de colaboración con Cuac FM, relativo ao seu XVIII Concurso de Bandas e Solistas de diversos estilos musicais, con excepción da música clásica. O principal obxectivo da iniciativa é fomentar a cultura musical na nosa contorna, otorgándolle valor engadido á música local. Grazas á colaboración de Cuac FM co Concello, nesta XVIII edición do concurso estableceuse un premio especial para tres gañadores, que consistirá nunha actuación no Festival Noroeste Estrella Galicia no mes de agosto e unha remuneración económica de 600 euros. Ao concurso, do que resultaron gañadores Komódo, O Cadelo Lunático e Look Out Brother!, presentáronse un total de 155 aspirantes.
GRUPOS GAÑADORES DO XVIII CONCURSO DE BANDAS E SOLISTAS DE CUAC FM QUE ACTUARÁN NO NOROESTE ESTRELLA GALICIA 2016
O Cadelo Lunático
O Cadelo Lunático é o nome do proxecto en solitario do músico coruñés Javier Prado, tamén cantante de Moondogs Blues Party. O blues galego é a razón de ser desta nova aventura. Nado na cidade herculina en 1978, Javier é un autodidacta que deu os seus primeiros pasos nesto da música en 1996 xunto ao trío de pop-rock La Mezquita, que dous anos máis tarde mudaría en Tirando Pa’ Lante, a primeira banda en fusionar o blues co flamenco en Galicia. Con ela grabou dous EP´s: Transparente (1999) e Abriendo Paso (2001).Entre 2001 e 2007, Javier tocou co cantautor Antonio León e participou nun proxecto de funk chamado Por No Star, co que grabou a súa primeira maqueta homónima. Foi despois de grabar e producir o primeiro disco en solitario de Antonio León cando formou a súa propia banda, Moondogs Blues Party. En paralelo, graba e produce todos os instrumentos do seu primeiro disco en solitario, O Cadelo Lunático, co que obtén o primeiro premio do concurso “Talentos 2007” de El País.
A súa música véndese en Canadá con Kerf Music e o productor norteamericano Kris Kaczor empregou o seu tema Walking night in Mississipi para un DVD do Instituto de Historia de América sobre a esclavitude. En paralelo, compón e grava os temas do segundo disco de Moondogs Blues Party, Thirty Roads, así coma parte do terceiro álbum: Through the darkness of the forest. En 2012 compón a banda sonora para a serie infantil de animación da TVG Os Axóuxeres e a banda sonora para o corto de animación Entre navidades. Colabora, asimesmo, en múltiples proxectos musicais e culturais, coma o audiolibro de poemas Esencia de Trementina, da poeta lucense Cristina Corral Soilán, ou o conto infantil Os Poemas do Río. Ademais, é coeditor do fanzine local 16Toneladas e do magazine cultural on line A Revolta.
Komódo
Banda orixinaria de Santiago de Compostela que fusiona o blues co rock alternativo e o hard rock. Con tres singles no seu haber, You Deserve It, Looking For Trouble e Sometimes Comes, Sometimes Goes, o conxunto está integrado por J. Gradín (voz), M. Gómez (guitarra), P. Bello (baixo) e Likal (batería e ukelele).
Look Out Brother!
Unha banda de rock, funk e blues que xurdiu na Coruña no ano 2014 da man de Diego Carballo (voz) Keenan Elman (guitarra), Gabi Dávila (baixo) e Nacho Cotelo (batería). A finais de 2015 publican o seu primeiro LP, chamado igual co grupo, Look Out Bother!, co que toman a carreteira para ofrecer concertos na Coruña, Santiago, Madrid, Vigo… O conxunto toma o seu son do rock dos anos 60 e 70, o soul, o funk e o blues americanos, así coma dos grupos de rock da década dos 90.
ESTE XOVES 14 DE XULLO…
Este xoves 14 de xullo coñecerase o cartel completo do Festival Noroeste Estrella Galicia 2016, así coma os escenarios, as datas e os horarios nos que actuará cada banda.