Formulario de acceso protexido por Login Lockdown
Logo_BNG
O ano pasado os nacionalistas xa fixeran a mesma solicitude por escrito, sen chegaren a obter resposta oral ou escrita
 
Fran Rei, portavoz municipal do BNG-Asembleas Abertas: “Queremos contrastar os proxectos presentes no proxecto de orzamento municipal que vai este xoves ao Pleno coas solicitudes que fixo chegar o tecido asociativo ao goberno municipal para ver cales delas foron incluídas, cales non e por que”
Oleiros, 7 de febreiro de 2017.- O portavoz municipal do BNG-Asembleas Abertas de Oleiros, Fran Rei, presentou a través do Rexistro Municipal unha solicitude escrita dirixida ao Alcalde de Oleiros pola que solicita que lle sexa facilitada a relación de propostas veciñais achegadas no proceso previo á elaboración do proxecto de Orzamento municipal para o ano 2017 a través de asociacións culturais, veciñais, educativas ou deportivas do municipio.
Xa o ano pasado, con anterioridade á aprobación do Orzamento para 2016, o BNG-Asembleas Abertas fixo a mesma solicitude no transcurso da correspondente Comisión Informativa municipal. De aquela a presidenta do organismo, a 1ª Teniente de Alcalde, María José Varela, indicoulle ao portavoz nacionalista que para acceder ás propostas veciñais debía presentar unha solicitude por escrito ao Alcalde. Malia que Fran Rei seguiu o procedemento indicado, dito escrito nunca chegou a obter ningún tipo de resposta polo goberno municipal, nin oral nin escrita, e o BNG non chegou a poder coñecer cales foron as propostas que a cidadanía de Oleiros fixo chegar ao equipo de goberno da Alternativa dos Veciños a través do tecido asociativo do municipio.
Todos os anos o Alcalde de Oleiros gábase publicamente, e difunde amplamente a través dos medios informativos ao seu alcance, o carácter “participativo” que ten o proceso de elaboración do Orzamento municipal e o mecanismo que fai posíbel dita participación, consistente no envío dunha comunicación ás asociacións solicitando que fagan chegar propostas e un posterior encontro público na que son presentadas as liñas xerais do documento. O número de propostas presentadas, así como o seu contido, é o que o BNG desexa coñecer, contrastándoas cos investimentos concretos que aparecen na proposta de Orzamento que este vindeiro xoves aprobará inicialmente o Pleno. O Bloque tamén desexa comprobar, con esta solicitude, cantas propostas presentadas non foron incluídas no proxecto orzamentario e por que.
O BNG-Asembleas Abertas de Oleiros recórdalle á veciñanza que, aínda que o Pleno do xoves aprobe inicialmente o proxecto de Orzamento, logo aínda haberá un período de 15 días nos que calquera veciña ou veciño pode presentar alegacións ou reclamacións ao documento. O Bloque anima a toda a cidadanía oleirense que non vexa atendidas as súas propostas ou solicitudes a facer uso deste dereito que lles outorga a lei