Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

Oleiros, 21 de febreiro de 2018.- O BNG de Oleiros rexistrou esta mañá, para o seu debate no pleno municipal que terá lugar o vindeiro xoves, unha moción pola que se propón o apoio “activo” do Concello á convocatoria de folga xeral de mulleres convocada a nivel mundial para o vindeiro día 8 de marzo.

O Bloque ve razóns “máis que sobradas” para implicarse no apoio e na difusión a todos os niveis desta histórica convocatoria internacional na que convivirán paros parciais (un por cada quenda de traballo), folga estudantil, de coidados e de consumo e mobilizacións na rúa, precedidas dunha manifestación nacional unitaria en Vigo o domingo 4 de marzo.

A convocatoria feminista parte da necesidade de reivindicar activamente a plena igualdade de oportunidades nas condicións de traballo, na esfera social e no dereito a vivir sen ningunha clase de violencia. O recurso á folga como instrumento de mobilización ten o obxectivo de visibilizar a importancia estratéxica do traballo, visíbel ou invisibilizado, que realizan as mulleres tanto en amplos sectores do mundo do traballo como nas tarefas esenciais da vida cotiá: demostrar que, se as mulleres paran, para o mundo.

O BNG local, por súa parte, implicarase activamente en dar todo o seu apoio e acompañamento ás organizacións feministas e tamén ás areas de mulleres das organizacións sindicais no traballo “de rúa” que se fará nos días previos ás xornadas do 4 e o 8 de marzo, que incluirá desde repartos de material informativo a actos informativos, debates e coloquios.

O BNG oleirense lembra que, segundo datos do desemprego de decembro de 2017, en Oleiros hai aproximadamente un 6.8 % máis de mulleres desempregadas que homes (case 1.000 mulleres), que os traballos desenvolvidos por mulleres seguen maioritariamente caracterizados pola precariedade, a temporalidade e a baixa cotización, que a fenda salarial en Galiza entre mulleres e homes está aproximadamente no 23%, que mesmo no ámbito do consumo se fomenta que as mulleres teñan que adquirir produtos máis caros (produtos básicos de hixiene gravados ao 21% de IVE) ou mesmo que sigan sendo as mulleres quen, moi maioritariamente, sigan optando por se acolleren ás xornadas parciais e excedencias. “Unha realidade”, considera o Bloque, “que a crise económica dos últimos anos aínda agravou máis”.

O BNG proporá no pleno municipal deste vindeiro xoves un apoio da corporación á folga de mulleres do 8 de marzo que vaia máis alá do “testemuñal”, de maneira que o Concello de Oleiros se implique “como un axente máis” na difusión da convocatoria e no acompañamento que demanden as organizacións feministas e sindicais.

———————————————————————————————————————–

Visita a nosa páxina web:
BNG de Oleiros no Facebook:
http://gl-es.facebook.com/bng.oleiros

BNG de Oleiros no Twitter:
https://twitter.com/BNGOleiros

———————————————————————————————————————–