carral1

O BNG proporá ao pleno de mañá dedicar espazos públicos de Oleiros ao 25 de abril portugués e aos Mártires de Carral

Publicado el 25 abril, 2018 | Noticias, Prensa

O BNG proporá ao pleno de mañá dedicar espazos públicos de Oleiros ao 25 de abril portugués e aos Mártires de Carral

Fran Rei tamén proporá ao goberno municipal estudar a posibilidade dun irmandamento simbólico coa vila portuguesa de Grândola

carral2

Oleiros, 25 de abril de 2018.- O rueiro municipal de Oleiros conta, desde a recuperación da democracia nos concellos coas eleccións de 1979, cunha extensa relación de nomes vinculados a ideais de transformación revolucionaria da sociedade en distintas latitudes do planeta. A presenza destes nomes tense convertido, de feito, nun dos principais sinais de identidade do municipio e suscita interese mesmo no ámbito internacional pola súa singularidade.

Coa vontade de seguir apostando nesta liña política, que sempre apoiamos, o BNG de Oleiros recupera para o pleno municipal que se celebra mañá xoves 26 de abril a proposta, xa formulada noutras ocasións, de dedicar algún espazo público do concello a dous feitos históricos que se conmemoran, precisamente, hoxe e mañá: a revolución que marcou a caída da ditadura e o retorno da democracia ao país veciño en 1974, e a chamada Revolución Galega de 1846, que rematou un 26 de abril de aquel ano co fusilamento dos chamados “Mártires de Carral”.

O BNG propón dedicar a estes dous feitos históricos algún espazo público, sexa en forma de rúa, praza, parque ou equipamento, co ánimo de reseñar a súa importancia histórica na loita pola defensa da liberdade e ampliar a súa visibilidade e grao de coñecemento por parte de toda a sociedade.

No caso de que na actualidade non haxa espazos públicos dispoñíbeis para asignarlle nova denominación, como o executivo local ten sinalado cando o BNG solicitou o nome dunha rúa ou algún outro espazo para as Irmandades da Fala con ocasión do centenario destas ou para Manuel Lugrís Freire, fundador das mesmas e funcionario do Concello de Oleiros nunha parte da súa vida, o que propón o Bloque é acordar a “reserva” destes nomes para cando vaia habendo novos desenvolvementos urbanísticos.

No caso da proposta dunha rúa ou espazo para o 25 de abril portugués, o BNG propón como denominación concreta a de Grândola Vila Morena, como o tema interpretado polo cantor José Afonso que quedou para a historia como himno da revolución. Fran Rei tamén proporá ao goberno local, en paralelo, estudar a posibilidade dun irmandamento coa vila portuguesa de Grândola a semellanza do que Oleiros xa ten desde hai anos coa localidade italiana de Buccino.

¿Te gusta este artículo? ¡Compártelo!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *