Formulario de acceso protexido por Login Lockdown
 
Otelo, falecido o pasado 25 de xullo, protagonizara na súa visita unha histórica entrevista na radio municipal e participara nun acto público na Fábrica para conmemorar os 30 anos da Revolución dos Cravos en Portugal 
 
Xurxo Martínez, portavoz do BNG, propuxo no Pleno do pasado xoves 29 bautizar o estudio central de Radio Oleiros co nome do dirixente do Movimento das Forças Amadas: “Unha revolución pacífica iniciada coa emisión dunha canción nunha radio”
Oleiros, 5 de agosto de 2021.- O pasado día 25 de xullo falecía Otelo Saraiva de Carvalho, oficial do chamado Movimento das Forças Armadas (MFA) en Portugal cando en abril de 1974 tivo lugar a chamada Revolución dos Cravos, a insurrección militar que puxo punto e final á ditadura fascista no país veciño e abriu o camiño á plena restitución das institucións e as liberdades democráticas.
   Saraiva de Carvalho, coautor do plano operacional que nunhas poucas horas derrubou o rexime salazarista e logo dirixente do chamado COPCON durante a etapa inmediatamente posterior ao triunfo revolucionario, visitou Oleiros en abril de 2004 coincidindo co 30 aniversario da conquista da liberdade en Portugal. Aquí concedeu unha histórica entrevista en Radio Oleiros e protagonizou un non menos histórico acto público no Auditorio da Fábrica, en Santa Cristina, no que se conmemoraron as tres décadas da Revolución dos Cravos.
   O falecemento de Otelo levou o BNG de Oleiros a recuperar unha proposta xa formulada no anterior mandato, mais que aínda non foi atendida polo goberno municipal: dedicar un espazo público do concello para homenaxear o 25 de abril. Se hai uns anos a formación nacionalista propuxo denominar ese posíbel espazo como Grândola Vila Morena, a canción que serviu de himno da revolución, no Pleno municipal celebrado o pasado xoves 29 de xullo Xurxo Martínez Caño propuxo que sexa o estudio central de Radio Oleiros o que leve o nome de Saraiva de Carvalho: “comandou unha revolución pacífica que, de feito, tivo o seu inicio nunha canción emitida nunha radio”, valorou o portavoz nacionalista.
(Foto cabeceira cortesía de https://arquivos.rtp.pt/)