Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

O Bloque advirte tamén que o servizo pediátrico do Centro de Saúde de Santa Cruz está colapsado

Trasladará estas reivindicacións ao Parlamento de Galiza e pide que o Concello lidere, como noutras ocasións, o movemento cidadán para exixir uns servizos sanitarios dignos e de calidade

Oleiros, 12 de abril de 2017.- Familias da parroquia de Santa María de Oleiros, onde se empraza a capital municipal, téñense posto en contacto co BNG para denunciaren que o Centro de Saúde da Covada non dispón de atención pediátrica. Esta situación fai que as nenas e nenos das familias que teñen asignado este centro de saúde teñan que recibir atención médica ou ben no Centro de Saúde de Perillo, que conta con tres facultativos, ou no de Santa Cruz, con dous.

O Centro de Saúde da Covada é o máis recente do municipio e dá servizo a unha zona que na última década viviu unha importante transformación urbanística e acolleu un ostensíbel aumento de poboación. O perfil máis habitual da nova veciñanza é, precisamente, o de familias con nenas e nenos. Porén, esta realidade demográfica parece non existir para o SERGAS, que nunca dotou este novo centro de saúde de praza de pediatría, malia haber no interior do edificio espazos que non se están a utilizar.

A falta de pediatra na Covada non fai senón empeorar a situación de colapso crónico que padece o servizo de pediatría do Centro de Saúde de Santa Cruz, atendido unicamente por dúas facultativas (frente aos 3 de Perillo, cun cupo semellante de doentes). Aínda por riba, unha das pediatras de Santa Cruz ten tamén que atender durante media xornada no Consultorio de Mera e a outra ten, neste momento, unha redución de xornada. “Unha consecuencia evidente dos recortes do Partido Popular na sanidade pública”, a xuízo do portavoz municipal nacionalista, Fran Rei.

A situación de colapso descrita leva a que as citas telefónicas para pediatría feitas o pasado luns tivesen que asignarse para o martes da semana que vén, o que obriga as familias con pequenas e pequenos doentes a acudiren a un servizo de urxencias que tamén rexistra constantemente situacións de colapso. A falta de recursos leva mesmo a que nenas e nenos doentes teñan que ser atendidos por facultativos de medicina de adultos.

O BNG trasladará nos próximos días ao Parlamento de Galiza unha iniciativa para acabar coa situación de precariedade que padece a atención pediátrica dos centros de saúde de Oleiros e para exixir uns servizos de saúde públicos e de calidade, o cal pasa tamén por mellorar as condicións de traballo dos propios médicos e persoal sanitario. O Bloque tamén trasladará esta situación ao Concello, propóndolle a este liderar, como ten feito noutras ocasións en que foi preciso, “unha resposta veciñal contundente” contra os recortes na sanidade e en demanda duns mellores servizos sanitarios.