bng2

O BNG de Oleiros proporá ao pleno municipal posicionarse contra a instalación dunha planta de pre-tratamento e almacenaxe de aceites e hidrocarburos no peirao coruñés de Oza

Publicado el 1 diciembre, 2017 | Noticias, Prensa

O BNG de Oleiros proporá ao pleno municipal posicionarse contra a instalación dunha planta de pre-tratamento e almacenaxe de aceites e hidrocarburos no peirao coruñés de Oza

O Bloque recolle a iniciativa presentada pola AAVV Oza- A Gaiteira- Os Castros, que tamén lle foi trasladada a todos os grupos municipais do Concello de Coruña

Fran Rei: “Sería un exercicio de pura hipocrisía seguir a falar de compromiso co saneamento integral da Ría do Burgo e permitir, ao mesmo tempo, a instalación dunha auténtica ‘bomba de reloxaría’ na mesmísima bocana da Ría”.

Oleiros, 29 de novembro de 2017.- Recollendo a solicitude formulada pola Asociación veciñal Oza-A Gaiteira – Os Castros deste barrio coruñés, o BNG – Asembleas Abertas de Oleiros dará traslado ao pleno municipal que se celebra mañá dunha moción pola que se propón rexeitar a instalación dunha planta de almacenaxe e pre-tratamento de aceites industriais e hidrocarburos no peirao coruñés de Oza e personarse, como parte interesada, nos procedementos administrativos que correspondesen, así como apoiar o traballo das entidades veciñais e ecoloxistas que xa teñen presentado alegacións ao respecto.

O pasado 23 de outubro o DOG publicaba o informe de impacto ambiental da Planta de recepción e pre-tratamento de residuos xerados por buques promovida por Limpeza Marítima de Óleos, S.L.U. Limpoil. Segundo indica a resolución publicada, esta planta terá unha capacidade máxima de xestión de refugallos de 4.000 toneladas ao ano, cunha capacidade máxima de tratamento de 26.280 m3/ano, dos que se espera extraer mil toneladas ao ano de augas residuais, e estará composta por: dous tanques de 65.000 litros para a almacenaxe, nun deles para almacenaxe “de residuos MARPOL con mestura non emulsionada sometidos a pretratamento”, e o outro para a almacenaxe de “residuos MARPOL formados con mestura emulsionada”; un tanque de capacidade de 28.000 litros para almacenaxe de aceite; e un cuarto tanque de 30.000 litros para funcións auxiliares.

A instalación prevese nunha localización a menos de 500 metros de bancos de produción marisqueira, ao carón de praias (Oza, Santa Cristina e Bastiagueiro) e dun complexo náutico deportivo, dentro do conxunto urbano do barrio coruñés de Oza, asiduamente atacado por ser a zona dos peiraos da Coruña onde se teñen desenvolvido actividades altamente contaminantes, causantes dunha contrastada polución medioambiental, como descargas de carbón e outros materiais, e por existir desaugues ou canalizacións que teñen producido filtracións e verteduras de hidrocarburos.

Xa o Concello da Coruña, no informe técnico do Departamento de Xestión Enerxética e Residuos Urbanos, recollendo as indicacións da Ordenanza Municipal de Vertidos e do Servizo Municipal de Saneamento, emitido a solicitude da propia Consellaría, considerou que este proxecto “pode causar impactos ambientais significativos e que se trata (precisamente) dunha zona de sensibilidade especial”, polo que estabelecía medidas adicionais a considerar antes da aprobación do proxecto, tales como que “debería ser obxecto dunha avaliación ambiental ordinaria (e non simplificada). Malia a advertencia, o departamento dirixido por Beatriz Mato optou polo procedemento simplificado, renunciando así a un estudo máis pormenorizado que atendese as implicacións reais que un proxecto así terá sobre a Ría.

O BNG de Oleiros, que non dubida en cualificar este proxecto como unha auténtica “bomba de reloxaría” na mesmísima bocana da Ría, cre imprescindíbel alertar do perigo medioambiental e económico que pode supor e mobilizarse até lograr un emprazamento alternativo antes de que o dano sexa irreversíbel.

Para Fran Rei, portavoz municipal nacionalista en Oleiros a proxectada planta dada a coñecer pola Asociación veciñal dos Castros “carece totalmente de sentido, non sendo que a entendamos como unha broma de moi mal gusto ou un exercicio de hipocrisía puro e duro, mentres ao mesmo tempo se está a necesidade de sanear integralmente a Ría do Burgo”. “Sanear e rexenerar a Ría ou autorizar nela unha instalación potencialmente contaminante: as dúas cousas non poden ser”, concluíu.

¿Te gusta este artículo? ¡Compártelo!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *