Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

1

 

 

 

 

 

 

 

 

“É unha chamada de atención diante da grave involución democrática do Estado español”, declara Lobeira.

O BNG asinou hoxe en Barcelona a Declaración Llotja del Mar xunto con outras forzas soberanistas (Crida Nacional, CUP, Demòcrates, EH Bildu, Esquerra Republicana, Esquerra Valenciana, MÉS per Mallorca i MÉS per Menorca e PDeCAT-Junts per Catalunya), declaración que recolle a necesidade de alcanzar un acordo político na defensa dos seguintes puntos: o dereito á autodeterminación dos nosos respectivos pobos, o carácter democrático e pacífico de toda a nosa acción política, a liberdade dos presos políticos e o retorno dos exiliados, as liberdades civís e políticas e as políticas sociais e económicas que permitan o progreso dos nosos pobos.

A representación do Bloque estaba integrada polo coordinador da area de Organización, Bieito Lobeira; polo coordinador da area de Exteriores, Rubén Cela, e pola vice-coordinadora de Comunicación, Olalla Rodil.

Olalla Rodil e Bieito Lobeira

“A declaración é unha chamada de atención diante da grave involución democrática do Estado español. O que acontece en Cataluña non é simplemente un problema nacional ou territorial, como se di moitas veces, senón un problema de dereitos democráticos, mostra a incapacidade do Estado español para actuar desde o diálogo democrático, a súa única resposta é a represiva”, indicou Lobeira.

“Todas as organizacións que asinamos entendemos que unha situación coma esta esixe unidade de acción para a denuncia e tamén para a defensa das liberdades, os dereitos e o recoñecemento democrático dos nosos pobos. O BNG estivo, está e estará sempre nesa posición”, recalcou o responsable de Organización.

Pola súa parte, Olalla Rodil declarou: “non pode ser que en España existan grupos que fan apoloxía da ditadura franquista, que se poidan exhibir bandeiras franquistas, que vexamos un acto vergoñento coma o de onte no Val dos Caídos e que non pase nada, que a xustiza, a política e os medios miren para outro lado, e que en cambio se reprima a quen desde o pacifismo e a defensa da democracia e as liberdades traballa para que o seu pobo poida decidir”.

 

Declaración de Llotja de Mar.

DECLARACIÓN DA LLOTJA DE MAR

Diante da decisión da xustiza española de condenar os lexítimos representantes do pobo de Catalunya e aos líderes das organizacións sociais que fixeron posíbel o referendo do 1 de outubro de 2017, e fronte á grave restrición que esta sentenza imprimirá á acción política de agora en diante, as forzas políticas que subscribimos esta declaración desexamos compartillar cos nosos pobos, así como coa opinión pública do Estado español, a Unión Europea e dos países do mundo, as seguintes reflexións:

1. Máis de catro décadas despois da aprobación da Constitución Española de 1978 constátase a imposibilidade dunha plena democratización do Estado pola resistencia das vellas estruturas do réxime anterior e pola falta de vontade política dos grandes partidos españois. A innegábel modernización do Estado en moitos ámbitos non chegou a sectores fundamentais para un funcionamento democrático homologábel. Determinados ambientes políticos, xudiciais, económicos, policiais e mediáticos impediron, por acción ou omisión, que España se transformase nun Estado plenamente democrático e moderno como os da súa contorna europea.

2. Durante os últimos anos, coincidindo coa aparición de grandes correntes políticas, tanto a nivel estatal como das súas minorías nacionais, que cuestionaron o resultado da Transición, o Estado entrou nunha etapa de regresión cara unha política de carácter cada vez máis autoritario, menos democrático e máis represivo. Esta reacción antidemocrática atinxiu por igual tanto aos diferentes pobos hoxe integrados no Estado español como aos movementos de ámbito estatal que piden unha modernización do Estado e a superación definitiva do réxime anterior. A restrición de dereitos e liberdades é hoxe evidente aos ollos de toda a cidadanía.

3. A falta de respecto ao dereito á autodeterminación que España asumiu e recoñeceu ao asinar o Pacto Internacional polos Dereitos Civís e Políticos é o corolario dun cada vez maior compendio de retrocesos democráticos que padecen as nosas nacións: ningún recoñecemento nin respecto á plurinacionalidade, ningunha separación de poderes, ameazas continuas de suspensión da autonomía, do autogoberno e de dereitos históricos a través de calquera vía, recorte permanente dos nosos respectivos niveis de autogoberno a medio do intervencionismo do Tribunal Constitucional e unha acción lexislativa recentralizadora, detencións arbitrarias de líderes políticos e sociais, persecución policial de activistas e actividades políticas de carácter non-violento, políticas penitenciarias e lexislacións excepcionais, persecución de artistas e publicacións, etc.

4. En consecuencia, e moi seriamente preocupados polos graves efectos que terán as sentenzas contra os líderes políticos e sociais cataláns para o exercicio de dereitos fundamentais de toda a cidadanía, constatamos a necesidade de alcanzar un acordo político para unírmonos na defensa dos seguintes puntos: A. O dereito á autodeterminación dos nosos respectivos pobos B. O carácter democrático e pacífico de toda a nosa acción política C. A liberdade dos presos políticos e o retorno dos exiliados D. As liberdades civís e políticas E. As políticas sociais e económicas que permitan o progreso dos nosos pobos

5. Desde a defensa destes contidos, asumimos e manifestamos o noso compromiso coa procura de solucións democráticas e estábeis ao conflito político que os nosos pobos manteñen no seo do Estado español. 6. Por último, apelamos á comunidade internacional a posibilitar, apoiar e promover as devanditas solucións.

Outubro de 2019

https://www.bng.gal/