• Músicas Esquecidas
  • Contacto

Login form protected by Login LockDown.


Concentración diante da Casa Cornide. 27,12,2020. arranx.

NON SE PODEN DAR TANTAS FACILIDADES AOS FRANCO PARA QUE SIGAN ROUBANDO.

NON SE PODE MANTER CON RÚAS E DISTINCIÓNS AOS TESTAFERROS DO DITADOR FRANCO E ORGANIZADORES DO ROBUBO DO PAZO DE MEIRÁS E CASA CORNIDE: PEDRO BARRIÉ, ALFONSO MOLINA E SERGIO PEÑAMARÍA

Desde Defensa do Común recibimos información da veciñanza da Cidade Vella, que viron varias furgonetas retirando obxectos da Case Cornide.

É un feito moi grave porque pretenden facer na Casa Cornide o mesmo que querían facer no Pazo de Meirás: levarse de alí todo o que puidesn antes de entregar as chaves. É o clásico procedemento dalgúns okupas. Afortunadamente, a vixiancia da Guarda Civil e da Policía e a decisión do propio xulgado, impedindo a retirada de obxectos de Meirás, abortaron un novo roubo.

Estamos ante uns ladróns profesionais e non se poden dar tantas facilidades, tardando meses e meses en aprobar a declaración de Ben de Interese Cultura (BIC). Os Franco saben que a declaración de BIC dificulta a súa venda e saben que desde ese día non poderán retirar obxectos da Casa Cornide, sen previa autorización. Adiántanse e preséntanse con furgonetas antes de que culmine o proceso de declaración de BIC.

Defensa do Común, que xa organizou dúas Marchas Cívicas, apoiadas por numerosas entidades da Coruña, convocará un acto cívico o domingo 27 de decembro ás 12,30 diante da Casa Cornide con catro obxectivos:

1. Repudiar a actuación da familia do ditador Franco por este espolio continuado.

2. Que por parte do concello da Coruña se presente a correspondente denuncia no Xulgado para investigar se foron retirados obxectos da Casa Cornide nos últimos días.

3. Esixir que se acelere a declaración de BIC

4. Cumprimento do acordo plenario e que no prazo dun mes se convoque a Comisión Municipal da Memoria Democrática para retirar as rúas e distincións aos principais organizadores, auténticos testaferros de Franco, dos roubos ao patrimonio público do pazo de Meirás e da Casa Cornide: Pedro Barrié, Alfoonso Molina e Sergio Peñamaría.

DEFENSA DO COMÚN CONCENTRARASE O DOMINGO DIANTE DA CASA CORNIDE, CON INTERVENCIÓNS DE MANUEL RIVAS E FELIPE SENÉN.
Bo día:
Defensa do Común, a pesares do período festivo que estamos a vivir e das complicacións derivadas das restriccións sanitarias, mantén a CONCENTRACIÓN PARA O VINDEIRO DOMINGO, DÍA 27, ÁS 12.30 H., DIANTE DA CASA CORNIDE, baixo o lema : A CASA CORNIDE É DA CORUÑA. DEVOLUCIÓN, XA. A asociación de veciños da Cidade Vella apoia tamén o acto.
Así o decidiu a Xunta Directiva nunha reunión de urxencia tralas advertencias formuladas o pasado martes pola veciñanza da Cidade Vella e confirmadas posteriormente de xeito presencial por membros desta Xunta Directiva. Como se lembrará, varias furgonetas procedían a retirar diversos obxetos do seu interior cando foron sorprendidos pola veciñanza.
Conscente de que a familia Franco é coñecedora de que o proceso para a declaración do inmóbel como Ben de Interés Cultural (BIC) está en marcha, máxime despois do informe tan clarificador da Universidade da Coruña, Defensa do Común considera imprescindíbel que se impida calquera intento de retirar calquera elemento do seu interior mentres o inmóbel non acade a súa condición de BIC. A familia Franco non ignora que a condición de BIC dificulta a súa venda, así como a prohibición de retiirar calquera obxeto, sen a preceptiva autorización.
Defensa do Común estima que o Concello da Coruña debe presentar a correspondente denuncia no Xulgado para investigar se foron retirados obxetos da Casa Cornide nos últimos días.
O acto rematará coas intervención do xornalista e escritor, Manuel Rivas, e do arqueólogo, exdirector do Castelo de San Antón e profundo coñecedor do patrimonio histórico-arquitectónico de Galicia, Felipe Senén.

Concentración este domingo na Casa Cornide para esixir aos Franco a devolución do inmóbel.

(UNHA INFORMACIÓN CORTESÍA DE  Redacción NÓS / Europa Press)

Protesta convocada por Defensa do Común e apoiada por veciños da cidade vella.

Defensa  do Común mantén, a pesar das restricións sanitarias derivadas da Covid-19, a concentración do domingo 27 de decembro ás 12:30  horas fronte á Casa Cornide, na Coruña, para esixirlle á familia Franco, actual propietaria do inmóbel, a súa devolución ao Concello

.A manifestación, baixo o lema ‘A Casa Cornide  é da Coruña. Devolución  xa‘, será apoiada pola asociación de veciños da cidade vella. Ademais, ao final do acto intervirán o xornalista e escritor Manuel Rivas e o arqueólogo e ex director do Castelo de San Antón e “profundo coñecedor do patrimonio histórico-arquitectónico de Galiza”, Felipe Senén.

Tal e como explicou a asociación nun comunicado, a Xunta Directiva de Defensa  do Común tomou a decisión de manter a concentración tras as advertencias formuladas a principios de semana por veciños da cidade vella, así como polo propio Bloque Nacionalista Galego (BNG), sobre a presenza no inmóbel de “varias furgonetas que procedían a retirar diversos obxectos do seu interior”.

A asociación destacou que estes indicios foron confirmados posterior e ” presencialmente” por membros da Xunta Directiva. Unha ratificación que se suma ás fotografías achegadas polo BNG nas que se ve a unha furgoneta branca saíndo do edificio.

“A familia Franco non ignora que a condición de Ben de Interese Cultural (BIC) dificulta a venda do inmóbel, así como a prohibición de retirar calquera obxecto sen a previa autorización”, lembrou Defensa  do Común, que considera “imprescindíbel” que se impida calquera intento de retirada de elementos do interior da casa mentres non finalicen os trámites do BIC.

Neste sentido, a asociación apoiouse no informe remitido pola Universidade da Coruña (UDC), que consideraron “clarificador”, e polo que a entidade conclúe que “os procesos de permuta, poxa e venda” da Casa Cornide foron “ilegais”.

 

A CASA CORNIDE É DA CORUÑA. DEVOLUCIÓN, XA.

A BATALLA DE MEIRÁS TEN CONTINUIDADE NA BATALLA DA CASA CORNIDE

Amigas e amigos:

Grazas pola vosa participación neste acto que convocan Defensa do Común e a Asociación Veciñal da Cidade Vella. Sabemos que, como noutras ocasións, contamos co apoio de todo o tecido asociativo da Coruña. Moitas grazas polas intervencións de Manuel Rivas e Felipe Senén, sempre dispostos a defender causas xustas.

Organizamos este acto en tres días, pero había que dar unha resposta inmediata. Como sabedes, o concello da Coruña vai presentar a documentación na Xunta para que declare a Casa Cornide como Ben de Interese Cultural (BIC). Pero o martes apareceron aquí unhas furgonetas co obxectivo de levarse bens que están no interior da casa. Os Franco fracasaron en Meirás porque a mobilización cívica e o xulgado impediu que retirasen nada do pazo. Queren repetir a operación, pero estamos aquí para impedir que continúe o espolio da Casa Cornide, que os Franco continúen roubando o que é noso. Que tome boa nota a familia Franco: o pleno municipal, en representación do pobo, acordou “considerar non grata a súa presenza na Coruña”.

Apoiamos a iniciativa do concello da Coruña de presentar a demanda xudicial para anular o actual título de propiedade da Casa Cornide para a súa incorporación ao patrimonio público municipal da Coruña. Queremos que o concello esixa a implicación do Estado e a realización dun inventario para coñecer o que hai dentro do edificio.

Coñecemos xa os informes artísticos, históricos e xurídicos. Sabemos que Pedro Barrié gaña a poxa-farsa celebrada o 2 de agosto de 1962 e adquire a Casa Cornide por 305.000 pesetas. Esa mesma tarde o pleno dá conta que Barrié solicita transmitir a propiedade a Carmen Polo, esposa do ditador. Tres días despois foi vendida a Carmen Polo por 25.000 pesetas, como figura na escritura. En realidade, un agasallo camuflado de operación mercantil.

Sabemos que o Ministerio de Educación permuta co concello a Casa Cornide en 1962 sen desafectar este ben do uso que tiña, incumprindo a normativa vixente. Tampouco tiña a necesaria autorización da Dirección Xeneral de Belas Artes para os bens con máis de 100 anos de antigüidade, como sinalaba unha lei de 1931. Segundo o informe xurídico da Universidade da Coruña, tato a permuta como a venda serían nulos.

A venda da Casa Cornide a través de pública subasta realizouse infrinxindo o Regulamento de Contratación das Corporacións Locais de 1955, que explicitaba a prohibición das autoridades da administración do Estado para ser contratistas. Por outra parte, exímese a Carmen Polo do cumprimento da cláusula establecida para concorrer á poxa: prohibición de vender o inmóbel nos dez anos posteriores á poxa, e a necesaria autorización do concello para calquera modificación da propiedade. Todo isto supón unha causa de nulidade de pleno dereito. Estamos ante unha operación de compra-venda simulada. Ademais, o concello da Coruña estivo pagando os gastos de reforma e mantemento durante anos, despois de pasar a mans privadas

A Batalla de Meirás aínda non rematou porque ten continuación na Batalla da Casa Cornide. E imos gañar tamén esta nova batalla! A Casa Cornide e o pazo de Meirás son dúas caras dun mesmo espolio, aproveitando o trunfo dun golpe militar e fascista do 18 de xullo de 1936, que trouxo corenta anos dunha ditadura criminal.

Os dous espolios teñen os mesmos protagonistas, que actuaron como auténticos testaferros ao servizo do ditador Franco: Pedro Barrié de la Maza, Alfonso Molina Brandao e Sergio Peñamaría de Llano. Estes persoeiros son cualificados na moción aprobada no pleno de 1 de outubro de 2020, como “significados franquistas que aínda conservan na Coruña rúas, retratos, placas e todo tipo de distincións que non pode admitir unha sociedade democrática”.

Se hai unanimidade no Parlamento Galego e na Deputación da Coruña para esixir á familia Franco a devolución do pazo de Meirás; se, igualmente, houbo unanimidade no pleno da Coruña de 12 de setembro de 2019 para reclamar a recuperación da Casa Cornide para o patrimonio da Coruña, sería inexplicable que os promotores e organizadores destes espolios dean o seu nome a rúas da Coruña, sexan Fillos Predilectos ou manteñan outro tipo de honras e distincións.

Rematamos este acto, que non será o último, coa mesma mensaxe que na II Marcha Cívica do pasado 7 de novembro: “Seguiremos. Cada vez máis. Esta é unha iniciativa aberta, cívica. O que nos une é a defensa do común, o benestar público, e continuar a construír unha democracia efectiva e afectiva, e unha sociedade de liberdade solidaria e común decencia. Grazas pola vosa coraxe, polo voso compromiso, pola vosa esperanza. Saúde e adiante!”.

A Coruña, 27 de decembro de 2020

(Foto portada cortesía deM. Dylan / Europa Press. Imaxe dunha marcha cívica para exixir a devolución da Cornide) 

(Foto dous cortesía de DEFENSA DO COMÚN)