Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

Os medios de comunicación públicos son patrimonio de todas, de todos: Nós non imos ficar caladas!

Podes asinar aquí o manifesto en defensa da Diario Cultural da Radio Galega.

Apoio o manifesto

Manifesto

Os medios de comunicación públicos son patrimonio de todas, de todos: Nós non imos ficar caladas!

Ningunha dirección é propietaria do Diario Cultural.
Despois de 28 anos de traxectoria, este espazo é un referente, patrimonio de todas, de todos os galegos.

A existencia de medios de comunicación públicos é un gran triunfo colectivo desta sociedade, un instrumento definitivo para o futuro da propia lingua.

A súa aparición tivo uns resultados e unha incidencia social espectaculares. Entre outros moitos argumentos positivos, permitiu a difusión do talento de miles de artistas que decidiron desenvolver en galego a súa creatividade.

A expresión máxima desta revolución da intelixencia é o Diario Cultural. Un espazo caracterizado pola calidade na forma e nos contidos, que definiu un estilo de seu. Un contorno de comunicación que acolle, e co que se senten identificad@s, a inmensa maioría das creadoras e creadores deste país.

En resumo, un modelo propio, que nos permite recoñecérmonos e dialogar, en pé de igualdade, con todas as culturas do mundo.

A desaparición do Diario Cultural súmase á supresión dunha boa parte da programacion cultural da radio e a televisión públicas, como aconteceu con Libro AbertoPlaneta FuranchoOnda VitalAlalá ou Eirado.

Cómpre lembrar que a Radio Galega non foi creada para traducir as axendas e os contidos das cadeas estatais. A Radio Galega naceu para ser o referente primeiro da literatura, da música, do teatro, do cinema, das artes plásticas, de todas as formas de cultura que produce esta sociedade. Exactamente como leva facendo, dun xeito espléndido, dende hai 28 anos, o Diario Cultural.

Por iso, alén doutras consideracións, a súa desaparición supón un ataque frontal á propia lei. Velaí o punto un do artigo primeiro da lei de Creación da Compañía da RTVG:

Atribúeselle á Compañía de Radio-Televisión de Galicia a misión de servizo público consistente na promoción, difusión e impulso da lingua galega, así como a atención á máis ampla audiencia, ofrecendo calidade e a máxima continuidade e cobertura xeográfica, social e cultural, propiciando o acceso aos distintos xéneros de programacións e aos eventos institucionais, sociais, culturais e deportivos, dirixíndose a todos os segmentos de público, idades e grupos sociais, e favorecendo activamente a difusión cultural, intelectual e artística e dos coñecementos cívicos, económicos, sociais, científicos e técnicos mediante toda clase de emisións en lingua galega realizadas por dita Compañía a través das sociedades Radiotelevisión de Galicia, S.A. e Televisión de Galicia, S.A., así como de calquera outra que poida crear no futuro.

A pesar deste mandato, a Radio Galega é cada vez menos galega, tamén en materia xeográfica. A carón da desaparición do Diario Cultural, anúnciase a eliminación das desconexións locais cos contidos propios de cada cidade e das súas áreas de influencia. Curioso paradoxo, o medio que, por definición, debería informar máis de preto, desatende o contorno máis próximo.

Cómpre lembrarlle aos actuais responsables que non dirixen unha compañía privada -este medio é propiedade de todas e todos- e deben cumprir a lei.

E cómpre lembrarlle tamén ao conxunto da sociedade que temos o dereito e deber de demandarllo.

Nós non imos ficar caladas.

Nin silencio, nin barbarie:

Longa vida á creatividade e ao talento.
Longa vida ao Diario Cultural!

 

Grupo promotor do manifesto:

  • Xurxo Souto
  • Ledicia Costas
  • María Reimóndez
  • Manuel Bragado
  • Cesáreo Sánchez Iglesias
  • Rosalía Fernández Rial
  • Eli Ríos
  • Mercedes Queixas
  • Margarita Ledo Andión
  • María Xesús Nogueira
  • Fran Alonso,
  • Manuel Rivas,
  • Dores Tembrás
  • Xiana Lastra
  • Marcos Maceira
  • Suso de Toro

 

Asina, bótanos unha man!

Manifesto