• Músicas Esquecidas
  • Contacto

Login form protected by Login LockDown.


Nos últimos dez días foron publicados en diferentes medios de comunicación cinco novos casos de corrupción relacionados coa Monarquía: tarxetas opacas con diñeiro pagado por un millonario mexicano e utilizando a un coronel como testaferro, que serviron, entre outros gastos, para mercar unha egua para Victoria Federica, sobriña do rei Felipe VI; unha fortuna oculta na illa de Jersey e na Fundación Zagatka; cinco millóns de dólares que trae o rei Juan Carlos en maletíns desde Kazakistán…E todo sen declaración a Facenda. Mentres, o rei Juan Carlos continúa fuxido nos Emiratos Árabe Unidos.

45º aniversario da proclamación de Juan Carlos Borbón

 como rei de España

RESUME SOBRE A CORRUPCIÓN DA MONARQUÍA

Onte celebrouse unha concentración na Coruña baixo estes lemas: NON QUEREMOS MONARQUÍA, HERDEIRA DO FRANQUISMO. GALIZA NON TEN REI, QUE DEVOLVAN O ROUBADO, convocada polas seguintes entidades da comarca de Coruña: A.C. Alexandre Bóveda, A.C. O Facho, C.S. Gomes Gaioso, C.S. A Comuna, A.C. Irmáns Suárez Picallo, Cultura Aberta de Carral, Anova, BNG, Cerna, Compromiso por Galiza, Corrente Vermella, Equo, Esquerda Unida, Marea Atlántica, PCG, Propolis, Unión Republicana, Galiza Nova, Isca, XCG, CIG, Vangarda Obreira, CRMH.

Comunicaron tamén o seu apoio ao manifesto, até hoxe, estas organizacións: Asemblea Republicana de Vigo, Ateneo Republicano de Valdeorras, Agora Galiza-UP, Colectivo Republicano de Redondela, Obradoiro da Historia de Ordes, Asociación Viguesa pola Memoria do 36, Fundaçom Artábria, Comité pola Memoria Histórica do Val do Limia, Estudantes Antifascistas, Ferrol en Común.

Houbo unha lectura colectiva do manifesto da convocatoria, así como de 26 puntos relacionados coa monarquía e a corrupción, que axuntamos.

Este é o relato do reinado de Juan Carlos Borbón, que non ten nada que ver coa historia oficial: O ditador Franco, que encabezou en 1936 o levantamento militar e fascista contra a democracia, designou a  Juan Carlos como o seu sucesor en 1969 “para que todo quede atado y bien atado para el futuro”. A monarquía actual é, polo tanto, herdeira do franquismo, daqueles que deron un golpe de Estado contra a República constitucional, elixida nunhas eleccións democráticas. Despois da ditadura o pobo nunca puido votar sobre a forma do Estado: república ou monarquía.

Durante os seus 39 anos de reinado o rei Juan Carlos nunca condenou a ditadura franquista e nas súas manifestacións públicas falaba da “legitimidad política surgida el 18 de julio de 1936”, manifestaba “respeto y gratitud a nuestro Generalísimo Franco”, rendía “homenaje a su memoria”, falaba do “patriotismo” e “cualidades humanas” do ditador, a quen cualificaba como “figura excepcional”, “gran figura de nuestra historia”, “ejemplo único de amor a España”. Juan Carlos sempre manifestou “un gran afecto y una gran admiración” polo ditador Franco.

A monarquía borbónica está agradecida a Franco e a súa familia porque Juan Carlos foi rei pola designación do ditador. Por iso o rei Juan Carlos concedía á familia Franco, só seis días despois do falecemento do ditador, os títulos nobiliarios de Ducado de Franco e Señorío de Meirás, e fixo todo o posíbel para que os sucesivos gobernos non molestasen a esa familia e conservasen, entre outros, o pazo de Meirás e a casa Cornide, mentres aumentaba o seu patrimonio e facían grandes negocios.

Temos unha monarquía caduca e corrupta. Non estamos a falar de sospeitas ou presuntos delitos, senón de feitos comprobados sobre a existencia de fundacións fóra do Estado, contas secretas, cobro de comisións, etc, que nunca tributaron, segundo informes da propia Axencia Tributaria, e que poderían ser constitutivos, como mínimo, dos delitos de branqueo de capitais e fraude fiscal.

Manuel Monge
Manuel MongeMestre e sociólogo, foi concelleiro do BNG na Coruña (2003-2007), expresidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña

ARTIGO DE MANUEL MONGE CORTESÍA DE NÓS DIARIO.

Non queremos monarquía, herdeira do franquismo.

Franco falecía o 20 de novembro de 1975 e dous días despois Juan Carlos Borbón non escatimaba eloxios ao ditador Franco no seu discurso de proclamación como rei de España perante as Cortes: “Una figura excepcional entra en la historia”; “España nunca podrá olvidar a quien como soldado y estadista ha consagrado toda la existencia a su servicio”.

O 22 de novembro cúmprense 45 anos da súa proclamación como rei (1975-2020), unha data que non pode pasar desapercibida. Por iso a plataforma cívica Galiza pola República –en 2014, cando abdica Juan Carlos, convocaba na Coruña unha manifestación unitaria coa participación de máis de 3.000 persoas e en xullo de 2019 realizaba unha concentración na Coruña de rexeitamento da monarquía, coincidindo co 50º aniversario da designación de Juan Carlos polo ditador Franco como o seu sucesor– publica un manifesto pedindo o apoio de organizacións políticas, sindicais, fundacións e asociacións de toda Galiza e invitando a celebrar concentracións en cidades e vilas de Galiza o sábado, 21 de novembro, baixo o lema: “Non queremos monarquía, herdeira do franquismo. Galiza non ten rei. Que devolvan o roubado”.

Subliña o manifesto que a monarquía é herdeira do franquismo: “O ditador Franco, que encabezou en 1936 o levantamento militar e fascista contra a democracia, nomeou a Juan Carlos como o seu sucesor en 1969 “para que todo quede atado y bien atado para el futuro”. A monarquía actual é, polo tanto, herdeira do franquismo”.

Sobre os numerosos casos de corrupción e escurantismo dos Borbóns: “Queremos que se investiguen todos os ingresos de Juan Carlos Borbón e de toda a Familia Real e que devolvan todo o adquirido irregularmente”.

O manifesto fala da soberanía de Galiza e do dereito de autodeterminación: “Estamos a prol da ruptura democrática e queremos decidir sobre o noso futuro como pobo. Partindo desa realidade plurinacional, do recoñecemento da soberanía da nación galega e o seu dereito democrático a decidir, estamos pola convocatoria dun referendo consultivo para que a cidadanía poida decidir sobre o modelo político e institucional e escoller a forma de Estado: monarquía ou república. Coa celebración dese referendo iniciaranse procesos constituíntes que recoñezan o dereito de autodeterminación ás nacións que integran hoxe o Estado español”.

Adianta tamén a República que queremos: “Que recupere a memoria histórica, acabe coa impunidade e condene a aqueles que cometeron crimes contra a humanidade, que non prescriben. Queremos xustiza e reparación para as vítimas do franquismo e a derrogación da Lei de Amnistía de 1977”.

Hai unha grave pandemia, pero está vixente o dereito de manifestación. Debemos coidar a saúde de todas e todos, participando con máscara e respectando a distancia de seguridade, pero non podemos calar: Non queremos monarquía!

 

ARTIGO DE MANUEL MONGE CORTESÍA DE NÓS DIARIO.

Lugo, Sada, A Coruña e Cedeira sinalan o camiño

Nas últimas semanas os gobernos da Deputación de Lugo e dos concellos de Sada, A Coruña e Cedeira tomaron acordos sobre a memoria histórica, retirada de simboloxía franquista, distincións a Manuel Fraga, espolio da Casa Cornide e sobre a monarquía, que poden ser unha referencia para outras institucións.

LUGO. Efrén Castro, deputado polo BNG e responsábel de memoria histórica da Deputación de Lugo, executaba un acordo do goberno provincial (PSOE-BNG) e retiraba en agosto retratos de presidentes da Deputación de Lugo desde 1923 a 1931 e de 1936 a 1939 e até 1979, que  xustificaba así: “As institucións non poden seguir mantendo símbolos de recoñecemento ou exaltación do réxime franquista ou das persoas que o representaron, por respecto á memoria e á dignidade das vítimas da represión. Unha sociedade democrática non pode dar o mesmo tratamento  a representante políticos dun réxime fascista que a representantes elixidos democraticamente”. Estes retratos de presidentes de deputacións ou alcaldes na ditadura continúan sen ningún tipo de diferenciación en centos de concellos de Galiza. No salón de sesións da Deputación da Coruña (goberno PSOE-BNG), están os retratos de seis presidentes. Até cando?

SADA. O pleno de 24 de setembro aprobaba unha moción sobre a monarquía cos votos a favor de Sada Maioría, BNG e Alternativa dos Veciños, abstención do PSOE, en contra do PP, con estes acordos: “Condenar a fuxida do rei emérito mentres está a ser investigado pola Fiscalía do Tribunal Supremo. Instar a que Juan Carlos Borbón reembolse ao patrimonio do Estado as partidas económicas que recibiu con cargo ao orzamento da Casa do Rei desde 2008. Que unha Comisión do Congreso dos Deputados investigue os ingresos do rei emérito en concepto de comisións e outras actividades económicas durante o seu reinado; os bens e patrimonio de todos os membros da Familia Real, así como as contas nos bancos.

Instar ao Goberno do Estado a que inicie os procesos necesarios para a celebración dun referendo ou consulta á cidadanía sobre a forma de Estado, monarquía ou república”.

En relación coa monarquía e as distincións ao rei Juan Carlos I, o BNG pedía a retirada da súa avenida en Santiago, un busto na entrada do concello de Vigo, etc, pero o Borbón mantén rúas e distincións noutros concellos de Galiza: Medalla de Ouro de Ferrol, Medalla de Bronce da Coruña e avenidas en Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Camariñas, Culleredo, Vilanova de Arousa, Vila de Cruces. O PSOE xa retirou o retrato do rei Juan Carlos do Parlamento de Navarra e aprobou o cambio de nome das súas avenidas en Xixón e Vitoria, entre outros moitos concellos.

A CORUÑA. O pleno de 1 de outubro aprobada unha moción sobre a recuperación da Casa Cornide para o patrimonio da Coruña, presentada polo BNG, recollendo unha proposta de Defensa do Común e doutras 15 entidades da cidade, con estes acordos: “Considerar non grata a presenza da familia Franco na Coruña. Expresar a solidariedade coas persoas que serán xulgadas o 14 de outubro (o  xuízo foi adiado), demandadas pola familia Franco por participar nun acto simbólico e pacífico de denuncia do espolio da Casa Cornide. Apoiar a II Marcha Cívica do sábado 31 de outubro coa mensaxe: Devolución da Casa Cornide ao patrimonio da Coruña. Franquismo nunca máis. Trasladar á Comisión Municipal de Memoria Democrática o estudo da retirada de rúas, retratos,  placas, monólitos e todo tipo de distincións ás persoas que impulsaron, organizaron ou participaron no espolio do pazo de Meirás e da Casa Cornide para beneficio da familia do ditador Franco”. Aquí estarían Pedro Barrié de la Maza e Alfonso Molina –hoxe dan nome ás principais avenidas da Coruña, son Fillos Predilectos etc– e Sergio Peñamaría de Llano. Barrié ten tamén, entre outras rúas e distincións, a Medalla de Ouro da provincia da Coruña, concedida pola Deputación en 1971

CEDEIRA. O pleno de 2 de outubro aprobaba unha moción, presentada polo BNG e apoiada polo PSOE (ten a alcaldía) e voto en contra do PP, para retirar no prazo de tres meses as distincións de Fillo Adoptivo a Manuel Fraga (xa eliminaron a súa avenida en marzo) aos ministros franquistas Pedro Nieto Antúnez, Gonzalo Fernández de la Mora, José Antonio Girón de Velasco e Salvador Moreno Fernández; ao falanxista Julio Muñoz de Aguilar, gobernador civil da Coruña na ditadura e promotor da Junta pro Pazo del Caudillo. Manuel Fraga e Girón de Velasco aínda son Fillos Adoptivos da provincia da Coruña.