Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

Hoxe foi presentado en roda de prensa o manifesto NON QUEREMOS A MANUEL FRAGA COMO FILLO ADOPTIVO, que acaba así:

“COMO SERVIDOR DO FRANQUISMO E MINISTRO DUNHA DITADURA CRIMINAL, MANUEL FRAGA NON MERECE RECOÑECEMENTO SOCIAL, NIN A DISTINCIÓN DE FILLO ADOPTIVO. FRANQUISMO NUNCA MÁIS!”

Participaron na roda de prensa unha representación de vítimas do franquismo da comarca da Coruña: presas e presos políticos na ditadura (Manuel Monge, Celsa Díaz Cabanela, Nicanor Acosta) e familiares de vítimas do franquismo (Dolores Ares Torres, Gerardo García Moreira e Teresa Ramiro).

Lembramos a compañeiros presos políticos na ditadura de toda Galiza que asinaron o primeiro manifesto en 2019 para retirar as distincións a Fraga e que faleceron nos últimos anos: Rafael Pillado, Xan María Castro, Enrique Veira, Vicente Couce, Ángel Porto, Fernando Miramontes, Luis González López “Ferreiro”.

AXUNTAMOS O MANIFESTO, ASÍ COMO DOCUMENTACIÓN sobre distincións a Fraga, xa retiradas en concellos de Galiza, intervencións dos distintos partidos nos plenos municipais; distincións que conserva Fraga, concedidas na ditadura, e as concedidas en democracia, así como opinións sobre Fraga.

O ditador Franco sempre estivo moi agradecido ao “Camarada Fraga” (era o tratamento entre os fascistas, como recollía o BOE de 9 de febreiro de 1961) polos servizos prestados á ditadura: “Cesa el camarada Manuel Fraga Iribarne en el cargo de Delegado Nacional de Asociaciones de Falange Española Tradicionalista y de las JONS, agradeciéndole los servicios prestados”.

Manuel Fraga tivo unha traxectoria de máis de 35 anos de militancia fascista e servizos á ditadura, afiliándose a Falanxe en 1937; militante e delegado de curso do SEU (Sindicato Español Universitario de Falanxe Española). Ocupou desde 1951 numerosos cargos políticos na ditadura: conselleiro nacional do Movemento (o partido único); membro do Consello Nacional de Falanxe, Presidente do Instituto de Estudos Políticos, procurador das Cortes franquistas, membro do Consello de Estado e ministro.

Xuntamente con outros ministros da ditadura franquista, coñecidos como os “Siete Magnificos”, Fraga promove Alianza Popular (AP), que se convertería en Partido Popular (PP) en 1989, e preside o congreso fundacional que era recollido así nos medios de comunicación: “NEOFRANQUISTAS ENTUSIASMADOS CELEBRARON SU PRIMER CONGRESO. Los siete líderes de Alianza Popular anunciaron su federación y el paso hacia un partido único. Gritos de Franco, Franco de 3.000 fervorosos congresistas” (Portada do xornal Diario 16 de 7 de marzo de 1977).

O Pleno da Coruña de maio de 2019 acordaba iniciar o expediente para retirar a Fraga a distinción de Fillo Adoptivo. Os tempos son chegados, é hora de culminar este longo proceso de case seis anos.

Vítimas do franquismo da comarca da Coruña solicitará entrevistas cos grupos da Deputación da Coruña e os grupos municipais dos concellos da Coruña e Betanzos para que presenten iniciativas para a retirada a Manuel Fraga todo tipo de distincións, en cumprimento da Lei de Memoria Democrática.

Entre as iniciativas para os próximos meses, o colectivo de vítimas do franquismo da comarca da Coruña distribuirá un folleto informativo sobre Fraga; pedirá apoios ao manifesto a historiadoras/es, xente da cultura e entidades da comarca da Coruña; solicitará intervir desde o Escano Cidadán no concello da Coruña; enviará un escrito ao ministro de Memoria Democrática para que se inclúa as rúas e distincións concedidas a Fraga na ditadura no Catálogo de elementos contrarios á memoria democrática, é dicir ilegais.

O manifesto sinala: Ningún ministro de Franco pode seguir mantendo distincións honoríficas polos servizos prestados a unha ditadura criminal, que era cualificada así na Resolución 96 da Asemblea Xeral da ONU de 12 de decembro de 1946: “En natureza, estrutura e conduta xeral, o réxime de Franco é un réxime de carácter fascista, establecido en gran parte grazas á axuda recibida da Alemaña nazi de Hítler e da Italia fascista de Mussolini”. A situación de Fraga, como servidor dunha ditadura, é unha anomalía na Europa democrática. Algún ministro de Hitler ou Mussolini conserva rúas e distincións en Alemaña ou Italia?

Moitas grazas pola vosa atención.

A Coruña, 16 de maio de 2015

Manuel Monge

 

Non queremos a Manuel Fraga como fillo adoptivo

DOCUMENTACIÓN SOBRE A RETIRADA DE RÚAS E DISTINCIÓNS, CONCEDIDAS A MANUEL FRAGA NA DITADURA

Cambados

Sendo alcalde (1979-1987) Xoán Antón Pillado Silvoso de Unidade Galega cambiábase a avenida Manuel Fraga por avenida de Vilariño. Cando o PP consegue a alcaldía en 1987 intenta recuperar a rúa de Fraga. As Xuventudes Socialistas manifestaban nun comunicado: “Impediremos que calquera rúa da nosa vila leve o nome de calquera personaxe pertencente á represión da ditadura” (La Voz de Galicia, 25-1-2012). En 2012 o PP colocaba un escultura de Fraga coa capa e a copa de viño Alvariño.

O Pleno de Cambados de 21 de abril de 2017 (alcaldesa Fátima Abal do PSOE) acordaba retirar esa escultura, que foi trasladada ao taller do autor. A alcaldesa declaraba: “Fraga foi ministro con Franco e existe unha Lei de Memoria Histórica que obriga á retirada de elementos franquistas dos espazos públicos e Fraga nunca repudiou os asasinatos cometidos nesa etapa” (La Opinión A Coruña, 22-4-2017)..

A Coruña

“Manter hoxe na Coruña esas distincións honoríficas, as rúas e a simboloxía franquistas sería unha auténtica indecencia, unha indignidade, unha humillación, un oprobio e un insulto á cidadanía –especialmente ás familias das persoas represaliadas– que non pode permitir unha sociedade democrática”. Así acababa o manifesto “OS TEMPOS SON CHEGADOS. POLA RETIRADA DA SIMBOLOXÍA FRANQUISTA DA CORUÑA E AS DISTINCIÓNS HONORÍFICAS A FRANCO E A TODOS OS MINISTROS DA DITADURA”. Dicía o manifesto: “As persoas abaixo firmantes apoiamos a proposta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) para que se retiren todo tipo de distincións honoríficas, concedidas durante a ditadura, a Franco e a todos os seus ministros, así como a eliminación das rúas e simboloxía franquista”. Este manifesto era entregado ao alcalde Javier Losada o 29 de xuño de 2009 (alcaldía do PSOE e goberno PSOE-BNG).

Manifesto promovido por presas/os políticas/os de Galiza na ditadura: NON QUEREMOS O “CAMARADA FRAGA” COMO FILLO ADOPTIVO.

O 13 de marzo de 2019 presentábase en Santiago en rolda de prensa o citado manifesto, impulsado por 44 presas e presos políticos de Galiza na ditadura que tiña nese momento o apoio de 63 historiadoras e de 56 entidade de toda Galiza. Participaron nesa rolda de prensa as presas/os políticas: Elvira Souto, Manuel Villares, Xan María Castro, Manuel Monge, e Lucía Veciño da Fundación Galiza Sempre.

Unidos baixo o lema “Franquismo fóra de Galiza”, manifestaban a súa vontade de continuar coas seguintes actividades: pedir aos grupos políticos con presenza no Parlamento Galego, no Congreso e Senado que presenten iniciativas para que haxa un rexeitamento das distincións honoríficas que ten Manuel Fraga como ministro da ditadura; pedir que se presenten iniciativas en deputacións e concellos de Galiza para a retirada desas distincións; ofrecer a súa colaboración, como presas políticas na ditadura, historiadoras e entidades, para facer actos de información e debate por toda Galiza para a retirada da simboloxía franquista porque o caso de Fraga é só a punta do iceberg; pedir ás institucións, entre elas o ministerio de Defensa, que tomen medidas para acabar coa exaltación do franquismo.

Ferrol

O Pleno de 25 abril de 2019 acordaba (votos a favor de Ferrol en Común, PSOE e BNG) retirar a Fraga a distinción de Fillos Adoptivo. A moción foi presentada a iniciativa do colectivo de Ferrol de presas/os políticas/os na ditadura, que puido intervir no Pleno. Estaban presentes no Pleno os compañeiros Nicanor Acosta, Manuel Villares e Manuel Monge.

A Coruña

No Pleno de 14-1-2019 intervén Nicanor Acosta desde o Escano Cidadán para que se retire a Fraga, antes das eleccións municipais (maio 2019) a distinción de Fillo Adoptivo.

O Pleno de 6 de maio de 2019 acordaba (votos a favor de Marea Atlántica, PSOE e BNG) iniciar o expediente para retirar a Fraga a distinción de Fillo Adoptivo. Estas foron algunhas das intervencións, como recolle o acta dese Pleno:

Avia Veira, portavoz do BNG, que presentaba a moción, manifestaba: “Traemos esta moción a iniciativa das persoas que promoveron o manifesto ´Non queremos o camarada Fraga como fillo adoptivo´. Hai pouco no Pleno do Consello de Ferrol aprobouse a retirada dun título, tamén, honorífico, a Manuel Fraga e nós entendemos que o Consello da Coruña tampouco pode ser menos e decidimos que era o momento xa de recoller esa luva de tomar a iniciativa e de que, polo tanto, se lle retire esta honra a Manuel Fraga  Iribarne e tamén a Laureano López Rodó porque, como dixo ben o señor Nicanor Acosta, que tamén está hoxe connosco no Salón de Plenos, o 14 de xaneiro de 2019, non podemos esquecer que como ministro de Información e Turismo e despois como vicepresidente para Asuntos de Interior e Ministro de Gobernación, Fraga foi partícipe e cómplice de toda a política represiva que aprobaba o Consello de Ministros: fusilamentos, cárceres, campos de concentración, despedimentos, exilio, Tribunal de Orde Público, graves violacións dos dereitos humanos, expedientes a xornalistas, peche de medios de comunicación e asasinatos de traballadores. E remataba así: confiamos en que esta digna Corporación teña tolerancia cero co franquismo e os seus colaboradores e que moito ante do mes de maio [eleccións municipais] retire a Manuel Fraga a distinción de fillo adoptivo. En plena democracia non se poden manter aínda distincións honoríficas, precisamente, a colaboradores necesarios e absolutos da ditadura, que non foron precisamente defensora dos dereitos humanos, senón mais ben ao contrario, que foron xenocidas e que foron en contra dos dereitos máis fundamentais das persoas. É absolutamente inexplicable que en pleno 2019 se siga mantendo esta distinción honorífica a Manuel Fraga Iribarne, a Laureano López Rodó, cando esta distinción, precisamente, se deu na ditadura”.

Eudoxia María Neira, portavoz do PSOE, manifestaba, referíndose ao PP: “Eu non vexo cal ten que ser o problema para que vostedes digan neste momento que ningunha distinción que se lle dá a ningunha persoa por pertencer a un réxime fascista ten que ser mantida”.

José Manuel Sande García, portavoz de Marea Atlántica, manifestaba: “Manuel Fraga Iribarne e Laureano López Rodó foron ministros da ditadura e son fillos adoptivos deste Concello desafortunadamente por ´méritos´ dese período”.

Por outra parte, Gonzalo Caballero, daquela secretario xeral dos socialistas galegos, apoiaba a decisión do seu partido en Ferrol e A Coruña, sinalando que había que distinguir dúas etapas, a ditadura e a democracia, e que esas distincións de fillo adoptivo na etapa da ditadura, “teñen todo o rexeitamento do PSdeG-PSOE”.

Cedeira

O Pleno de Cedeira de 9 de marzo de 2020 ( alcaldía do PSOE e co voto a favor do BNG) acordaba cambiar a avenida Manuel Fraga por Fraternidade. E o Pleno de 2 de outubro de 2020 acordaba retirar a distinción de fillo adoptivo a Fraga e outros ministros da ditadura (José Antonio Girón de Velasco, Pedro Nieto Antúnez, Salvador Moreno Fernández e Gonzalo Fernández de la Mora y Mon) con esta argumentación de María José Rodríguez Pérez, portavoz do BNG, que presentaba a moción: “Cómpre facer unha revisión a fondo para acabar con todo tipo de distincións (rúas, esculturas, símbolos, fillos adoptivos ou predilectos, medallas, etc.) a persoas que colaboraron coa ditadura ou ocuparon postos de responsabilidade na mesma”.

O alcalde Diego Moreda Gil, facía esta intervención: “Imos apoiar esta moción e cremos que é fundamental que todos os vestixios que haxa da represión franquista teñen que ser sacados das rúas e prazas, das fontes e calquera outra simboloxía que poida haber en todos os pobos. Apoiamos o tema da retirada de Fraga Iribarne porque se lle retira como ministro de Franco, non como presidente da Xunta de Galicia”.

Cariño

O Pleno de febreiro de 2025 acordaba (votos a favor do BNG e PSOE e abstención do PP) retirar a avenida Manuel Fraga.

Vilalba

O BNG propuña no Pleno de 1 de febreiro de 2024 cambiar o nome da Cidade Cultural Manuel Fraga e retirarlle un busto. Marta Rouco, alcaldesa do PSOE, manifestaba nese Pleno: “Revisar as distincións aprobadas no franquismo non é unha cuestión de opinións persoais ou partidarias, trátase estritamente de cumprir a lei” (Publico.es, 19-2-2025).

Distincións de Fraga na ditadura, que conserva: Fillo Adoptivo da Coruña (24-12-1968), Fillo Adoptivo da provincia da Coruña (27-11-1965); Fillo Adoptivo e Medalla de Honor de Santiago (13-2-1965); Medalla de Ouro de Lugo, entregada o 27-8-1970; Fillo Predilecto e Medalla de Ouro da provincia de Lugo;  Fillo Predilecto de Vilalba (19-7-1949); Medalla de Prata de Betanzos (11-2-1966). Fillo Adoptivo de Verín (10-8-1968), Cervo (3-12-1964), Pontedeume e Tui (1968), CEIP Manuel Fraga en Cariño (1972).

Ademais, Fraga ten unha avenida en Betanzos, rúa en Monforte (30-1-2012); avenida en Santiago (29-9-2011); Fillo Adoptivo e Medalla ao Mérito Cidadán de Santiago, concedida o 17 de decembro de 1993 e entregada o 1 de decembro de 1998; busto e Cidade Cultural en Vilalba

 

Opinións sobre Fraga

José Bergamín, escritor, poeta e dramaturgo, exiliado despois do golpe fascista de 1936 e presidente da Alianza de Intelectuais Antifascistas: “En mi vida he visto mucha gente con fama de fascista o que quería profesar el fascismo, pero sólo he conocido dos de verdad: uno fue José Calvo Sotelo, la otra es Manuel Fraga”.

José Manuel Caballero Bonald, escritor e premio Cervantes 2012: “Fraga se convirtió en uno de los máximos secuaces de la camarilla de Franco y sus actuaciones represivas propiciaron durante años la falta de libertades y la persecución de disidentes. Fue en puridad un cómplice de algunos de los asesinatos llevados a cabo en la última década del franquismo”.

Carlos Tena, xornalista: “Manuel Fraga fue un político verdaderamente enamorado de la dictadura franquista y sus leyes. Intolerante, presuntuoso, censor, autoritario, inculto, tozudo como una mula, ultraderechista, religioso en el peor sentido del término y, en suma, un espécimen digno de figurar en el zoológico dedicado a los personajes más despreciables de cuantos pasaron por los gobiernos del general asesino”

Jorge Semprún, escritor e ex–ministro de Cultura co PSOE, definía así as súas responsabilidades políticas: “Fraga fue uno de los ministros que fusilaron a Grimau”.

FOTO CABECEIRA MANUEL FRAGA IRIBARNE DA MAN DE https://es.wikipedia.org/wiki/Manuel_Fraga