Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

Deixounos Domingos Merino, compañeiro e amigo, primeiro alcalde democrático e nacionalista despois da ditadura criminal de Franco. O sentimento unánime de todas as forzas políticas polo seu falecemento non pode silenciar a súa obra, nin pode silenciar as verdadeiras razóns polas que perdeu a Alcaldía da Coruña, despois da súa elección en 1979 coa candidatura de Unidade Galega.

 

Era unha persoa decente e honrada, que é moito dicir hoxe dun político cando hai numerosos casos de corrupción e de utilización de cargos públicos para o enriquecemento persoal. Non utilizou as “portas xiratorias” para recolocarse; traballaba de comercial cando chega á Alcaldía e cando a perde continúa desenvolvendo esa actividade. A nivel persoal era unha persoa cariñosa, afable, dialogante, que sempre respectaba todas as opinións e buscaba o acordo.

 

Non renunciou nunca ás súas profundas conviccións. Como demócrata, tiña moi presente a represión de corenta anos do franquismo; que o rei Juan Carlos foi nomeado por Franco en 1969 como o seu sucesor na Xefatura do Estado e que a Transición e a Lei de Amnistía se converteron nun salvoconduto para bendicir como demócratas de toda a vida a moitos políticos da democracia, que foron ministros de Franco, cargos públicos ou colaboradores da ditadura.

 

NO MANDATO DE MERINO ABRÍRONSE AO POBO AS PORTAS DO CONCELLO

 

No mandato de Merino abríronse ao pobo as portas do concello, facilitando a asistencia aos plenos e a presenza do público nas sesións da Comisión Permanente (o que é hoxe a Xunta de Goberno Local); iniciáronse os traballos para a redacción do Regulamento de Participación Cidadá, que contemplaba a constitución de Consellos de Distrito e Consellos Sectoriais; todo un proceso participativo que o Goberno de Francisco Vázquez paralizou e que corenta anos despois está aínda por desenvolver.

 

Merino foi un bo xestor, virtude poucas veces recoñecida. Non podemos esquecer que cando Merino chega á Alcaldía o concello da Coruña estaba practicamente en bancarrota pola desastrosa xestión das corporacións franquistas. Quince días despois da toma de posesión de Merino houbo que recorrer a unha operación de tesourería de 373 millóns de pesetas porque non había diñeiro nin para pagar a nómina do persoal. O déficit do orzamento ordinario de 1978 era de 115 millóns de pesetas e había unha débeda de 399 millóns de pesetas. A pesar desas dificultades, a corporación municipal que preside Merino aproba un orzamento para 1980 de 2.347 millóns de pesetas e un orzamento especial de urbanismo de 237 millóns de pesetas.

 

MERINO FOI UN BO XESTOR, VIRTUDE POUCAS VECES RECOÑECIDA

 

Non vou facer un relato de todas actuacións levadas a cabo nos seus dous anos de mandato, pero si algúns exemplos da súa boa xestión: inauguración do Cemiterio Municipal de Feáns, aprobación definitiva do Plan Parcial do Polígono de Durmideiras e do catálogo e medidas de protección dos edificios e conxuntos de interese histórico-artístico. A nivel de educación, aprobouse o orzamento e financiamento do Colexio Universitario, embrión da futura Universidade da Coruña, construción do centro de FP de Monte Alto (IES Anxel Casal) e aprobación dos trámites para a construción da Escola Oficial de Idiomas; construción dos colexios de EXB de Labañou, Monte Alto, María Pita, Salgado Torres e Escola Infantil de Monte Alto; adaptación do Estadio Municipal de Riazor para a celebración na Coruña do Campionato Mundial de Fútbol de 1982; reforma do Hospital Municipal Labaca; apertura da Biblioteca Municipal de Durán Loriga; elaboración de proxectos e orzamentos para a construción do novo Parque de Bombeiros, Matadoiro e Mercado Central de Froitas; inauguración do Mercado Municipal de Inés de Castro; elaboración dos proxectos dos novos mercados municipais de Monte Alto e Palavea.

 

AS PRIMEIRAS ACTUACIÓNS DO GOBERNO DE MERINO INDICABAN XA UNHA DECIDIDA APOSTA CONTRA A ESPECULACIÓN E PARA POÑER FREO AO PODER DE CATRO CONSTRUTORES QUE CONTROLABAN TODO

 

As primeiras actuacións do goberno de Merino indicaban xa unha decidida aposta contra a especulación e para poñer freo ao poder de catro construtores que controlaban todo. Na Comisión Provincial de Urbanismo conseguiuse cambiar os criterios do Plan Parcial de Mato Grande para evitar outra desfeita urbanística como na Agra do Orzán. Fíxose unha investigación sobre a desaparición dos documentos do PXOU, iniciáronse os traballos para a revisión e adaptación do mesmo. Aprobado inicialmente ese PXOU a finais de 1982, os grupos municipais do PSOE e PP impediron o debate e aprobación deste Plan antes de que acabase o mandato desa corporación. Ese Plan inicial sufriu importantes modificacións co goberno de Francisco Vázquez, que favorecían claramente a especulación e os beneficios para construtores e promotores.

 

Merino defendía un Estado aconfesional, como recolle a Constitución, respectaba todas as relixións, pero era firme defensor dunha sociedade laica. Por iso retirou as imaxes, como a da virxe do Rosario, das dependencias municipais, como se fixo despois en todo o Estado, retirando os crucifixos dos centros de ensino, dos centros de saúde e de todos os organismos oficiais. E por iso non asistía, como máxima representación municipal, a actos relixiosos como a Función do Voto. Por esta actitude, profundamente democrática e respectuosa con todas as persoas crentes, recibiu moitos ataques para deteriorar a súa imaxe pública.

 

CONTRIBUÍU Á CONSTITUCIÓN DE ORGANIZACIÓN PROPIAS PORQUE CRÍA NA AUTOORGANIZACIÓN DO POBO GALEGO

 

Contribuíu á constitución de organización propias porque cría na autoorganización do pobo galego e naquel lema das primeiras eleccións democráticas “Gobernemos nós a nosa Terra”. Militou no PSG que con outros partidos nacionalistas como POG e PG formaron a candidatura de Unidade Galega. Participou activamente nos procesos de unidade do nacionalismo galego como a constitución do PSG-EG, que culminaría en 1994 coa nosa entrada no BNG.

 

Merino era un namorado da Coruña, un coruñesista de verdade. Apostaba por unha nación galega solidaria e, como apuntaba no seu discurso de investidura como Alcalde, “A Coruña ten que ser un faro para Galicia”. Defendeu sempre os intereses da Coruña, pero non se apuntou a batallas localistas reaccionarias, de enfrontamento entre cidades galegas con motivo do tema da capitalidade, que algúns utilizaron para obter bos réditos electorais.

 

DEFENDEU SEMPRE OS INTERESES DA CORUÑA, PERO NON SE APUNTOU A BATALLAS LOCALISTAS REACCIONARIAS

 

Pouco antes da moción de censura, que acabou co seu mandato como Alcalde, houbo dos acontecementos que precipitaron os acontecementos. Despois do 23 de febreiro de 1981 o pleno municipal debatía unha moción que contaba co apoio unánime da corporación para condenar o intento do golpe de Estado, pero Merino negouse a apoiar unha parte da moción de apoio á actuación do rei Juan Carlos. Desde unha perspectiva histórica, Merino acertou porque hoxe hai suficiente información para saber que o rei Juan Carlos foi o auténtico inspirador do 23F e que, fracasado, mostrou simpatías polos golpistas. A historia repítese e trinta e sete anos anos despois aínda hai organizacións políticas que seguen presentando mocións de apoio á actuación dunha monarquía caduca e corrupta, que non eliximos.

 

DESDE UNHA PERSPECTIVA HISTÓRICA, MERINO ACERTOU PORQUE HOXE HAI SUFICIENTE INFORMACIÓN PARA SABER QUE O REI JUAN CARLOS FOI O AUTÉNTICO INSPIRADOR DO 23F

 

Merino era republicano e sempre tivo presente a tradición dunha Coruña progresista e republicana. Despois de tomar posesión ordenou a restauración dunha talla alegórica da liberdade cunha bandeiriña da república, que estaba esquecida nas dependencias municipais. Encargou a construción dunha vitrina  e a talla foi colocada nun dos salóns da planta nobre do palacio de María Pita. Isto provocou a retirada da sesión da Comisión Permanente do representante de Coalición Democrática (despois reconvertida en AP e PP), César Cobián, que considerou a actuación da Alcaldía como unha ofensa á Corporación e ao pobo da Coruña. Pouco despois do 23F, e continuando cunha campaña mediática  de desprestixio da Alcaldía, perfectamente orquestrada, un “comando” no que participaron Ángeles de la Iglesia (candidata por Coalición Democrática nas eleccións municipais de 1979) e Fernando Ansede Romay presentábase no concello o 17 de marzo de 1981 escribindo cun espray “Viva La Constitución” na vitrina da citada talla. A “exemplar” actuación deste comando foi recompensada e o republicano de toda a vida Francisco Vázquez –distinguido socio do Ateneo Republicano– levaba na candidatura do PSOE a Ángeles de la Iglesia nas eleccións municipais de 1983 e alí estivo oito anos de concelleira.

 

Os que sempre traballaron pola caída de Domingos Merino, algúns nostálxicos do franquismo, que viron os seus negocios comprometidos  polas medidas urbanísticas contra a especulación, non podían ver con bos ollos una alcalde demócrata, de esquerdas e nacionalista que nada máis chegar á Alcaldía retira un busto do ditador Franco; que fai en galego o discurso de posesión e iza a bandeira galega no balcón do concello; que abre as portas e converte o concello na Casa do Pobo e fomenta a participación da cidadanía na toma de decisións; que se manifesta e actúa como un republicano. Domingos Merino perdeu a Alcaldía, pero nunca acabaron coa súa dignidade. Aquí estamos para lembrar o seu exemplo e a súa obra.

Cortesía de http://www.sermosgaliza.gal