Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

PALLOZA

RECUPERAR PARA O POBO O QUE É HISTORICAMENTE DA CORUÑA

Devolución gratuíta da Solana e Hotel Finisterre, de todos os peiraos, do cárcere e dos terreos do Campo da Estrada

Non á venda e privatización da fachada marítima. Basta xa de especulación

Estamos ante actuacións especulativas e mercantilistas que nos terreos do común (espazo público) só ven solares a privatizar, oportunidade de negocio inmobiliario, alleo ás necesidades sociais da veciñas e veciños. A Coruña non se vende, nin por moito, nin por pouco porque non estamos dispostos a pagar polo que xa é noso.

Esiximos á Autoridade Portuaria a devolución gratuíta ao concello da Coruña da Solana e do hotel Finisterre cando acabe a actual concesión en 2027. Por outra parte, cómpre tomar medidas para garantir a titularidade municipal e o uso público da Solana e do hotel Finisterre, adoptando as necesarias modificacións do PXOM.

Esiximos a devolución gratuíta ao concello, a través dun novo convenio, de todos os peiraos que cesen a súa actividade portuaria, asumindo o Estado o custo íntegro e as débedas da construción do porto exterior de Punta Langosteira.

Vivimos momentos decisivos para o futuro de propiedades vencelladas historicamente á cidade, e para o futuro da nosa fachada marítima, que sempre foi de titularidade pública. Un momento crucial para A Coruña; o que perdamos agora polas privatizacións de espazos públicos, imos perdelo para sempre.

Queremos construír un novo modelo de cidade pensado para as persoas, que atenda ás necesidades da xente mediante a participación cidadá; un modelo que integre a fachada marítima na cidade, respectuoso co medio ambiente e con atención á mobilidade e á inclusión social. Estamos a favor doutro modelo de xestión dos recursos públicos, non de pagar as débedas coa venda dos terreos públicos.

Despois de  moitos anos de espolio e políticas especulativas, con diversas administracións actuando como auténticas inmobiliarias para obter beneficios a conta da venda do público, é hora de que a cidadanía poida participar e decidir sobre os asuntos que lles afectan. Por iso chamamos a participar na Consulta Popular, convocada polo concello sobre o futuro de espazos, que sempre foron públicos.

O acto do final da manifestación será presentado por Xurxo Souto. Intervirán Pilar Oviedo, que era membro do Comité de Empresa do vello Hospital Militar, e Teresa Ramiro, en representación do colectivo de mariscadoras. Preténdese lembrar outras loitas cívicas en defensa do público, do mar e contra a privatización. Lectura do manifesto polos xornalistas Antón Luaces e Consuelo Bautista.

Na manifestación poderás asinar o apoio ás reivindicación da Comisión Aberta en Defensa do Común, así como colaborar economicamente nos gastos das actividades.