• Músicas Esquecidas
  • Contacto

Login form protected by Login LockDown.


Deixo aquí, por se for de interese, o texto da intervención no debate económico no Congreso. O BNG defendeu a nacionalización dos sectores estratéxicos, impostos ás grandes fortunas, recuperación do rescate bancario, redución do gasto militar e capacidade da Galiza para decidir de forma soberana para promover un desenvolvemento económico sustentado nas inmensas potencialidades do noso País.

ARTIGO CORTESÍA DE https://diasafionr.wordpress.com/

No cadro dunha interpelación á Vicepresidenta 3ª e Ministra de Asuntos Económicos, o BNG avanzou propostas para unha saída social e xusta da crise social e económica provocada pola emerxencia sanitaria. Entre elas, recuperar o fondo de rescate bancario, reducir o gasto militar, impostos ás grandes fortunas ou nacionalizar as grandes corporación dos sectores estratéxicos da economía.
Aliás, puxemos de manifesto o papel antidemocrático e insolidario da Unión Europea, avogando pola ruptura con esta estrutura ao servizo das oligarquías para poder construír unha Europa verdadeiramente social, democrática e dos pobos. A intervención permitiu tamén sinalar que a solución aos problemas sociais e económicos do noso País só poderá vir de decidirmos nós sobre os nosos asuntos, de exercermos a soberanía nacional da Galiza.
A Vicepresidenta limitouse a relatar as medidas aprobadas e xa coñecidas, mais non adiantou ningunha proposta de cara ao futuro.
Eis a intervención na íntegra.

Interpelación do BNG sobre medidas económicas do Goberno – 29 de abril


Para alén das medidas de urxencia no ámbito social, económico e laboral que o goberno foi adoptando e que o BNG non avalou por consideralas insuficientes e, en casos, inxustas, aínda non coñecemos as propostas do goberno para atallar a crise e impulsar a recuperación económica unha vez deixada atrás a emerxencia sanitaria.

É verdade que se acaba de crear un Comisión parlamentaria en que poderán participar todos os grupos, co obxectivo declarado de acordar un plan de reconstrución social e económica. Pero tamén o é que quen ten a responsabilidade de gobernar asume tamén o deber de prever un escenario tan complexo.

A solución aos problemas sociais e económicos de Galiza non van vir de Madrid, senón da nosa propia capacidade como pobo para decidir e enfrontar o noso futuro

Confeso que o BNG non ten gran confianza no resultado positivo desa Comisión. E non só porque esteamos convencidos de que a solución aos problemas sociais e económicos de Galiza non van vir de Madrid, senón da nosa propia capacidade como pobo para decidir e enfrontar o noso futuro. Tamén porque non sabemos QUE exactamente pretenden pactar nela con esa dereita que xestionou a crise anterior aplicando as consabidas receitas neoliberais de recortes e privatizacións.

Porque, se do que se tratar é de facer políticas verdadeiramente transformadoras, o goberno xa contaría com apoios suficientes para sacalas adiante entre as forzas que apoiaron a investidura.

Por tanto, pactar, QUE? Se o empeño é acordar co PP será porque se comparte ou se está disposto a facer o que o Partido Popular pode asumir en materia social e económica e xa sabemos o que é.

Por iso queremos coñecer cales van ser as propostas do Goberno. En todas as nosas intervencións vimos insistindo en que a crise social e económica desatada por esta emerxencia sanitaria non a poden pagar outra vez os mesmos, os traballadores e traballadoras e os pobos. Non é retórica. É pura e simple prevención contra as receitas neoliberais que acabamos de padecer.

Porque está claro que hai dúas alternativas para obter e mobilizar os recursos económicos e financeiros necesarios para saír desta crise: ou quitarllo aos que menos teñen pola vía de recortes, redución de salarios e prestacións sociais, privatización de servizos públicos, socialización de perdas de grandes empresas… Un camiño que xa experimentamos. Ou que os poña quen máis ten. Con claridade, o BNG aposta por esta última.

Recuperar a totalidade do diñeiro do fondo de rescate bancario (en total máis de 186.000 M€

Por esa razón, nos debates sobre as medidas que o goberno foi adoptando, avanzamos propostas nesa dirección.

Entre outras, recuperar a totalidade do diñeiro do fondo de rescate bancario (só en recapitalización dos bancos máis de 60.000 M€ que non foron devoltos; mais en total  (activos tóxicos, garantías e outras medidas de liquidez) as axudas establecidas superaron os 186.000 M€. É hora de os bancos devolveren o que é noso para poder aplicalo a medidas de protección do pequeno e mediano tecido económico, dos autónomos e as familias.

Hai que abordar decididamente a nacionalización das grandes corporacións dos sectores estratéxicos da economía, comezando polas que xa foron públicas e que nunca deberon ser privatizadas.

É necesaria unha profunda reforma tributaria para implantar unha política fiscal realmente progresiva e redistributiva, para garantir maior xustiza tributaria. E de forma inmediata, para atender a situación de excepcionalidade económica en que entramos, estabelecer un imposto ás grandes fortunas e empresas. Unha solución que xa está a debate nalgúns países como Arxentina ou mesmo Italia.

Na nosa opinión, hai que abordar decididamente a nacionalización das grandes corporacións dos sectores estratéxicos da economía, comezando polas que xa foron públicas e que nunca deberon ser privatizadas. E quede claro que non estamos a falar de “nacionalizacións temporais”, eufemismo co que se envolve e enfeita a vella receita neoliberal de privatizar os lucros mais socializar as perdas. Non estamos dispostos a que se rescaten empresas con cargo aos salarios dos traballadores e traballadoras ou das pensións.

E si, é necesario e urxente reducir o gasto militar. É simplemente unha cuestión de prioridades. Se os datos que onte se daban a coñecer do informe do SIPRI non quedan curtos, máis de 20.000 millóns en 2019. 20.000 millóns e a aprobación de novos programas de armamento, desde o segundo semestre do 2018 -é dicir polo goberno do Partido Socialista- por importe de máis de 13.000 millóns de euros. Pois ben, haberá que optar.

Ou poderán explicar á maioría social, ás clases populares golpeadas por esta crise, que primeiro van os tanques que os salarios ou as pensións dignas e comida na mesa?

Explicarán que mellor os avións de combate Eurofigther que un salario de inserción laboral e social ou rendas básicas xustas?

Poderán xustificar aos autónomos que perdan os seus negocios que son máis importantes os submarios S-80?

Ou quererán explicar ao conxunto da cidadanía que non é posíbel mellorar os servizos públicos, a sanidade, os servizos asistenciais ou sociais porque a prioridade é destinar o diñeiro para pagar o novo programa de satélites de comunicacións Spainsat NG?

Ou poderán explicar á maioría social, ás clases populares golpeadas por esta crise, que primeiro van os tanques que os salarios ou as pensións dignas e comida na mesa?

O Centro Delàs tomou o traballo de facer a conversión de armamento a actuacións de interese público sanitario. Vou tomala prestada porque é ilustrativa e porque, se non é exacta, con certeza que non se desvía demasiado. O programa do Eurofigther, cun importe de 12.500 M€, equivale a 25 hospitais. O dos blindados Leopard -2.800 M€- permitiría a compra de máis de 100.000 respiradores. Co importe destinado aos Vehículos de Combate sobre Rodas 8×8 poderíanse adquirir máis de 140 millóns de tests de COVID-19, suficientes para realizar as probas de forma masiva á totalidade da poboación, como reclamaba o BNG.

En fin, creo que se preguntan á cidadanía, as prioridades estarán claras, por iso queremos coñecer as deste goberno.

Ademais das grandes políticas transformadoras que é necesario realizar, outra pata básica para determinar unha saída xusta e social á crise, ou non, é a Unión Europea. A análise que fai o BNG do papel da UE desde que o Estado español se integrou no, naquel entón Mercado COmún Europeo, en 1986, é profundamente negativo para Galiza polos efectos devastadores que as políticas impostas tiveron sobre os principais sectores produtivos do noso País: a construción naval, a pesca ou o sector agrario.

Mais, en todo o caso, sen remontarnos tan atrás, a actuación que a UE vén mantendo desde o inicio desta pandemia, retrátaa perfectamente como o que realmente é: unha estrutura profundamente antidemocrática e insolidaria ao servizo das oligarquías e, fundamentalmente, dos estados centrais.

Coa insensibilidade demostrada cos países e pobos golpeados pola crise social e económica ficou espido o fracaso dun proxecto europeo sustentado sobre o fundamentalismo neoliberal.

Os acordos do pasado día 9 de abril, que vostedes venderon como positivos para o Estado español e unha primeira vitoria fronte ao inmobilismo dalgúns estados do norte, na nosa opinión, non son tal.

A actuación que a UE vén mantendo desde o inicio desta pandemia, retrátaa perfectamente como o que realmente é: unha estrutura profundamente antidemocrática e insolidaria ao servizo das oligarquías e, fundamentalmente, dos estados centrais.

Primeiro, porque reinciden nos mecanismos de endebedamento. Segundo, porque -a pesar do dito- os 240.000 millóns de empréstimos MEDE están condicionados na medida en que só poderán ser destinados a financiar políticas de sanidade cun tope máximo de 2% do PIB por país, e só en canto dure a crise sanitaria. Terceiro, porque a menor parte do total irá destinada a apoiar as políticas de protección do emprego e dos salarios.

Por contra, serán as transnacionais e a banca as máis beneficiadas porque xestionarán a maior parte das axudas -o que sen dúbida, condicionará tamén o seu destino- e serán, de forma directa ou indirecta, as principais destinatarias delas.

Mais, sobre todo, porque aceptando ese acordo o Goberno español renunciou a defender os coronabonos e a mutualización da débeda, submeténdose aos intereses que dominan as políticas europeas.

O BNG entende que a única vía razoábel e socialmente responsábel son as axudas directas aos Estados máis afectados pola pandemia. Mais, sinceramente, dubidamos que iso sexa posíbel, porque o problema non é a posición deste ou aquel estado, o problema é Unión Europea mesma.

Por iso defendemos unha ruptura con esta UE insolidaria e antisocial, para poder construír unha Europa verdadeiramente social, democrática e dos pobos.

E a terceira pata, para nós a fundamental, radica na capacidade que teña a Galiza de determinar as súas propias políticas económicas.

O noso País, Galiza, resultou especialmente prexudicado pola anterior crise económica, nun proceso que acentuou dificultades estruturais da nosa economía derivadas da dependencia política. E que resultou nunha especie de crise crónica que se expresa, especialmente como profunda crise demográfica, emigración, minoración da capacidade do noso sector primario e unha crise tamén no sector industrial moi seria nos últimos anos e meses e que sen dúbida se verá empeorada aínda máis polo impacto económico desta emerxencia sanitaria.

Sabemos que o camiño é que Galiza teña plena capacidade para decidir sobre os seus asuntos de forma soberana. Necesitamos soberanía política para poder desenvolver as inmensas potencialidades económicas do noso país, para poder avanzar en dereitos e en benestar.

Infelizmente, temos experiencia histórica dabondo para saber que a Galiza non pode esperar que os gobernos de Madrid resolvan os seus problemas porque, ademais, a maior parte ten causa na inserción colonial e dependente do noso Páis no Estado español.

Un gran poeta galego, Celso Emilio Ferreiro, deixou escrito uns verbos esclarecedores: “Nunca virá de fóra remedio ou esperanza”. Esclarecedores e certeiros, porque esa é a nosa experiencia. De fóra veu, nas últimas décadas, reconversión industrial -especialmente no naval-, reconversión no campo e na pesca, entendendo que onde Madrid di reconversión -léxico nada inocente- nós lemos destrución e limitación da nosa capacidade produtiva, impugnación das nosas potencialidades e deterioración do noso benestar.

Por iso, sinceramente, non temos confianza en que o goberno español resolva os nosos problemas. Estamos a preocuparnos, fundamentalmente por que non os agrave pola vía de políticas antisociais.

Mais si temos confianza no noso pobo e por iso sabemos que o camiño é que Galiza teña plena capacidade para decidir sobre os seus asuntos de forma soberana. Necesitamos soberanía política para poder desenvolver as inmensas potencialidades económicas do noso país, para poder avanzar en dereitos e en benestar.

E por iso defendemos, tamén para garantir xustiza social e desenvolvemento económico, que é necesario que se produzan transformacións na estrutura política de Estado e que se recoñezan os dereitos das nacións para que poidan percorrer o seu propio camiño.

Emprazamos, por todo isto, o goberno a que abandone as solucións fracasadas do pasado, para camiñar pola senda social e democrática, que dea prioridade aos intereses do pobo e dos pobos.