Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

Hai uns días, na homenaxe a Mocho Reboiras, falei desta foto porque me parece políticamente ben significativa.

Naquel mes de agosto de 1975 o ditador Franco pasaba as súas últimas ferias en Meirás e apenas 15 días antes do asasinato do noso camarada pola policía do rexime español fascista, alí recibía o designado por el propio Príncipe, Juan Carlos de Borbón e a súa familia. Aí temos os tres últimos xefes de Estado do rexime español. Unha imaxe que é toda unha metáfora do pecado orixinal deste rexime profundamente antidemocrático. Ou é que poderá considerarse democrático un sistema político en que o Xefe de Estado non é elixido, senón imposto, vitalicio, hereditario e exerce “pola graza de Deus” e neste caso tamén pola de Franco?

É claro que non pasa a proba de mínima decencia democrática un rexime que permite a existencia de organizacións e fundacións que realizan apoloxía do fascismo, do xenocidio cometido pola ditadura e que se permiten humillar as vítimas con total impunidade. E, evidentemente, non é posíbel soster o carácter democrático dun Estado que persegue o dereito democrático do voto, que inhabilita cargos públicos públicos por defender a democracia e a soberanía, fecha xornais, encarcera xornalistas e conculca a diario dereitos fundamentais como a liberdade de expresión.

Mais, para alén desta evidencia, a fotografía simboliza tamén perfectamente a continuidade no esencial dun sistema político español que, após a chamada transición, realizada á medida dos intereses da oligarquía española, e coa Constitución de 1978, -a propósito, que contou coa inestimábel colaboración da esquerda española- viu confirmado o elemento esencial que garante esa continuidade: o seu carácter unitario e, por tanto, opresor.