Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

Non podo tolerar que unha organización a nivel mundial, con sucursais en tódolos países (no caso de España, en todas as súas localidades), estea a aproveitarse da boa fe das persoas, especulando coas súas boas intencións, só pra enriquecerse.
Pouco me importa que leve facéndoo xeración tras xeración coa aquiescencia dos poderes públicos, nos que, en moitos casos, influíu decisivamente por medio do control dos medios de comunicación e o seu poder económico.
É inconcibible que os seus representantes vivan a corpo de rei, manexando cantidades de cartos indecentes, que na maioría dos casos agochan ao fisco. Persoas que non achegan nada á sociedade, tratando ademais de ser exemplo de bondade e moralidade, pra logo terminar violando a mozas que dificilmente se atreven a denuncialo, deixando unha marca irreparabel pra sempre.
Non comprendo que haxa mulleres que axuden ao seu sostemento cando logo están completamente discriminadas e sometidas a un patriarcado descarado.
Esas reunións que fan os domingos nos seus locais, pra cantar e compracerse os un cos outros, son só entretementos absurdos orientados unicamente a enredar aos inxenuos que ven niso a solución a tódolos seus problemas; ises lugares polos que moitos traballadores deron a súa vida pra construílos con soldos que acheganse ao escravismo.
Logo, en moitos casos, é un convite á intolerancia e o odio, que remata en atos de violencia salvaxe nas que perden a vida moitos adeptos fanáticos das distintas faccións.
Ise conto de endexamais rematar, que di que todos xuntos vencerán salvándose da derrota pra subir a un estado superior, non llo cree ninguén cun pouco de intelixencia.
No século XXI non pode permitirse que isto siga pasando impunemente. Esta situación debe terminarse dunha vez por todas. Se estás comigo, únete á minha protesta e berra ben alto:
MORTE AO FÚTBOL.

 

(Tradución ceive ao galego por Rubém Novo).

 

Foto cabeceira da man de https://www.revistagq.com/