Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

MANUEL MONGE
12/05/2017 05:00

A Asociación de Veciños de Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules está a celebrar o corenta aniversario da súa fundación. Poderiamos lembrar moitas actuacións desta asociación, defendendo sempre unha mellora da calidade de vida para toda a veciñanza, como a defensa da titularidade pública das instalacións deportivas da Torre, o subministro de auga para todas as vivendas, a biblioteca do Campo de Marte, a oposición ao derrubamento do asilo de Adelaida Muro, etc. Pero eu destacaría o traballo da asociación para fomentar a espírito de convivencia, a acollida e a solidariedade coas persoas ou familias que teñen dificultades para vivir dignamente, facendo fronte a un discurso insolidario, que prende facilmente: «Van traer drogas, roubos e inseguridade».

É importante subliñar este traballo cando, ás veces, hai dificultades para situar as instalacións que poidan acoller a centros de reinserción de presos, persoas con problemas de drogadicción, chabolistas, persoas sen teito ou que non teñen un sitio para poder pasar a noite, etc. Co apoio da asociación instalouse, preto do vello cárcere, o Centro de Reinserción; co apoio da asociación desapareceron os barracóns de Orillamar e moitas familias desaloxadas viven nese mesmo lugar nunhas vivendas dignas.

E agora a asociación apoia a iniciativa municipal de abrir na rúa Orillamar un centro nocturno para persoas sen fogar, que funcionaría de nove da noite a oito da mañá e piden que se funciona en Monte Alto poida estenderse a outras zonas da cidade. Convocará unha asemblea para informar á veciñanza deste proxecto e, aínda máis, di que este centro non pode quedar simplemente nun lugar para pasar a noite, senón que debe ter como finalidade dar a esas persoas unha saída e un futuro, sexa a través de talleres municipais ou de cursos para a súa reinserción. Finalmente, piden o apoio de todos os grupos políticos porque «a dignidade humana está por riba de colores políticos e de intereses partidistas».

Este sentimento solidario é asumido por outros colectivos do barrio. Así, seis establecementos de hostalaría do zona de Santo Tomás participarán o día 20 nunha Ruada Solidaria de axuda a ASER (Axuda a Superar las Enfermedades Raras). Mil primaveras máis para estes exemplos de solidariedade.

(Publicado orixinariamente en La Voz de Galicia:

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/2017/05/12/monte-alto-barrio-solidario/0003_201705H12C4998.htm

O autor quere a maior difusión para o artigo)