Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

O pobo de Catalunya está a dar un extraordinario exemplo de civismo e de mobilización pacífica en defensa do dereito a decidir, a través do referendo de autodeterminación convocado para o 1 de outubro.

En realidade, hai dúas campañas, perfectamente diferenciadas. Unha protagonizada polo PP e o goberno de Rajoy, que se presenta como “accións espontáneas ou de cariño”. Así, unha concentración de 500 persoas en Zaragoza secuestraron, insultaron e agrediron (a presidente das Cortes de Aragón recibiu o golpe dunha botella) durante varias horas as persoas que participaron nun acto convocado por Unidos Podemos. Entre os participantes neste escrache estaba o responsábel de Organización do PP de Zaragoza e a convocatoria foi espallada por un grupo de WhatsApp de policías. Dixeron que a Policía non podía facer nada porque tiña escasos efectivos; claro, enviaron todo o persoal a Cataluña.

 

ENTRE OS PARTICIPANTES NESTE ESCRACHE ESTABA O RESPONSÁBEL DE ORGANIZACIÓN DO PP DE ZARAGOZA E A CONVOCATORIA FOI ESPALLADA POR UN GRUPO DE WHATSAPP DE POLICÍAS

 

Organizaron tamén a “Operación despedida” con motivo da saída de unidades da Policía Nacional e Garda Civil desde distintos puntos de España para reforzar o operativo de Cataluña. As concentradas dicían: “A por ellos, oe”, “Soy español, español, español”. Unha maneira exemplar de fomentar a irmandade con Cataluña. E agora están na “Operación xamón”, que consiste en facer chegar xamóns e viño de Rioxa aos militares que están nos barcos atracados nos peiraos do porto de Barcelona, como mostra de solidariedade.

 

Que pretenden co envío de tropas a Cataluña? Manuel Gómez, portavoz do PP no concello de Gibraleón (Huelva) desexaba ver en Cataluña á Policía “repartiendo hostias como panes”. Aínda non foi cesado. Hazte Oir, Galicia Bilingüe, Cañas por España e outros grupos de ultradereita convocaban concentracións en varias cidades.

 

MANUEL GÓMEZ, PORTAVOZ DO PP NO CONCELLO DE GIBRALEÓN (HUELVA) DESEXABA VER EN CATALUÑA Á POLICÍA “REPARTIENDO HOSTIAS COMO PANES”

 

E tamén houbo outra campaña de solidariedade e mobilización cívica en Cataluña, en todo o Estado e a nivel internacional, coa participación de todo tipo de entidades e milleiros de persoas, en defensa do dereito a decidir de Cataluña como nación e en defensa das urnas. Por certo, a pesar de dedicar durante meses unha brigada especial da Policía para descubrir onde estaban as urnas e proceder a súa incautación, non houbo moita colaboración da cidadanía e a operación foi un fracaso. Segundo fontes policiais, as urnas poderían estar dispersas e distribuídas por toda Cataluña con camións de empresas de alimentación, camufladas entre os comestibles. El Mundo de 27 de setembro daba este titular: “Investigan si los panaderos transportan urnas”.

 

SEGUNDO FONTES POLICIAIS, AS URNAS PODERÍAN ESTAR DISPERSAS E DISTRIBUÍDAS POR TODA CATALUÑA CON CAMIÓNS DE EMPRESAS DE ALIMENTACIÓN, CAMUFLADAS ENTRE OS COMESTIBLES

 

Despois dunha asemblea de tres horas, os bombeiros de Barcelona acordaban non retirar dos seus parques as faixas coa lenda “Democrácia” e ofrecíanse como voluntarios ás entidades soberanistas como “cordón de seguranza” para garantir o “desenvolvemento pacífico dos actos” do 1-O. E a Assemblea Pagesa (labregos) acordaba realizar “unha marcha lenta con tractores” na madrugada do domingo 1 de outubro e aparcar os vehículos agrícolas nas inmediacións dos colexios electorais “en vixiancia contra posíbeis accións de sabotaxe e de entorpecemento da votación”.

 

Despois da ocupación da Universidade de Barcelona por máis de 3.000 estudantes durante o pasado fin de semana, está convocada unha folga de estudantes para o xoves e venres en todas as universidades públicas de Cataluña. A Facultade de Xeografía e Historia da Universitat de Barcelona defendía nun comunicado o dereito a decidir.

 

Cando a Fiscalía ordenou aos Mossos que precintaran os colexios electorais, a Federación de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos de Cataluña denunciaba a “inxerencia xudicial e policial no normal funcionamento do día a día lectivo dos nosos centros”. O manifesto da Taula per la Democrácia  -que agrupa a 42 entidades, entre elas: sindicatos como UGT, CCOO, USO, Intersindical, Unión de Pagesos, Sindicat de Periodistes de Catalunya; varias organizacións empresariais; Federació D’Assemblees de Pares i Mares de Catalunya, Federació d´Associacións Veïnals de Catalunya, Unió de Federacións Sportives de Catalunya, ANC, Ómnium Cultural etc- reivindica “o dereito a decidir o seu futuro político do pobo de Catalunya”. Tamén o Fútbol Club Barcelona manifestaba o seu compromiso coa “defensa do país, da democracia, da liberdade e o dereito a decidir”, e condenaba “calquera acción que poida impedir o exercicio destes dereitos”.

 

TAMÉN O FÚTBOL CLUB BARCELONA MANIFESTABA O SEU COMPROMISO COA “DEFENSA DO PAÍS, DA DEMOCRACIA, DA LIBERDADE E O DEREITO A DECIDIR”

 

A plataforma Som Escola, que agrupa 43 entidades educativas e sociais, fixo un chamamento para defender os centros educativos designados como colexios electorais, despois de que o TSJC ordenase o seu precinto: “Rexeitamos a intención de precintar colexios e queremos abrirlos á democracia e ao referéndum. O 1-O as escolas han de dar unha lección”. Abriron unha páxina web para apuntarse neste acto de resistencia e garantir que “o próximo domingo a xornada se desenvolva con total normalidade e que todos os cataláns podan ir ao seu colexio eleitoral a expresar libremente a súa opinión nunha urna”. Poucas hora despois deste chamamento xa había máis de 12.000 persoas rexistradas para participar nesta mobilización democrática e festiva. En barrios e pobos está a organizarse Comités de Defensa do Referendo para impedir o peche dos colexios electorais. Decenas de avogados concentrábanse ante o Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña contra a xudicialización da política e manifestaban que “convocar un referendo non é delito”.

 

Na igrexa católica catalá tamén houbo unha reacción ante o recorte das liberdades. O monxe Sergi D´Assis Gelpi dicía na homilía da misa de Montserrat: “Debemos dicir non á represión, e si á liberdade e ao respecto dos dereitos máis fundamentais” e foi ovacionado. Os abades de Montserrat e Poblet defendían que “o dereito á participación na vida política e social ten que estar garantido nun estado democrático”, e 420 sacerdotes catalás chamaban a “votar en conciencia en exercicio do dereito fundamental que ten calquera persoa a expresar libremente as súas posicións”.

 

NA IGREXA CATÓLICA CATALÁ TAMÉN HOUBO UNHA REACCIÓN ANTE O RECORTE DAS LIBERDADES

 

En Galiza o manifesto polo “Dereito a decidir” ten xa o apoio de máis de 4.000 persoas. Máis de 700 músicos, agrupados baixo o nome de Músicas galegas amb Catalunya, gravan un vídeoclip cunha versión de L´Estaca de apoio e solidariedade co pobo catalán e polo dereito a decidir. Nun manifesto denuncian a “deriva profundamente antidemocrática do goberno español co pobo de Catalunya”, engadindo que “a suspensión de facto do autogoberno catalán non supón máis que un golpe unilateral e autoritario dun goberno central que desoe a maioría dun pobo pacífico”. E o sábado haberá unha gran manifestación en Compostela con saída ás 12 da Alameda, convocada pola plataforma Galiza con Cataluña.

 

Pretenden que sexa a propia policía catalá quen impida a votación, precintando os colexios electorais e retirando as urnas, pero o director dos Mossos, Pere Soler, aseguraba: “Que ninguén se equivoque, a misión principal das policías, Mossos d’Esquadra, Garda Civil e Policía Nacional é garantir dereitos, non impedir o seu exercicio”.

 

Independentemente do que suceda o 1-O, o goberno de Rajoy perdeu a batalla da comunicación e as medidas represivas foron un absoluto fracaso: todo parece indicar que haberá colexios electorais con urnas, censo e papeletas. Decenas de observadores internacionais poderán certificar a existencia do referendo e informar da xornada electoral desde un Centro Internacional de Pensa. Miles de colexios electorais abrirán as súas portas e Rajoy dirá que non houbo referendo senón “outra cosa”.

 

INDEPENDENTEMENTE DO QUE SUCEDA O 1-O, O GOBERNO DE RAJOY PERDEU A BATALLA DA COMUNICACIÓN E AS MEDIDAS REPRESIVAS FORON UN ABSOLUTO FRACASO

 

Nada será como antes. Algo se move tamén no mundo empresarial. Joaquím Gay de Montellá, presidente de Foment del Treball, patronal de Cataluña, pensaba xa no día seguinte do referendo e facía unha proposta de folla de ruta para que Cataluña siga en España, con catro concesións do Estado: 1. Novo Estatuto de Autonomía de Cataluña en 2018 e referendo en 2019. 2. Pacto fiscal para que Cataluña dispoña dunha autonomía na xestión tributaria, semellante á do País Vasco. 3. Incremento dos investimentos en infraestruturas, tendo como elemento principal o Corredor Mediterráneo. 4. Nova formulación ou ordenación de relacións de ámbito local e de presenza no ámbito internacional nalgúns organismos. Isto permitiría que Cataluña puidese disputar a Eurocopa ou o Mundial de Fútbol e participar en organismos internacionais como a UNESCO. “Flandes ten grande representatividade internacional e ninguén racha as vestiduras. Tamén Reino Unido ten fraccionado a súa representación. Escocia ten o seu propio equipo de fútbol e ninguén o cuestiona”, explicaba Gay de Montellá. Dicía o presidente da Patronal catalá: ”Non é certo que sexamos covardes, mais nós vivemos aquí. É moi fácil ser rotundo fóra de Cataluya, pero o que vise estes días as manifestacións e vexa a realidade se decatará de que hai sentimentos moi fortes” (entrevista en El Mundo, 25-9-2017) . Finalmente, saía en defensa de Juan Rosell, presidente da CEOE, que foi moi criticado por falar dunha saída intermedia para Cataluña “entre a independencia e a sumisión total”. A partir do 1-O nada será como antes e Galiza non pode perder o tren do cambio.