martiño

MARTIÑO MASEDA: Textos.

Publicado el 21 abril, 2017 | Literatura

amosegas en pel de area

cauterizadas tras o devalo salgado

dos bicos
que amansan a respiración do poema
en cada papado de substancia tremente
Núa
oceanicamente Núa

—————————————————————————–

AS ENGURRAS DA VIDA
(Relato adicado á miña mai polos seus 83 anos)

Amence. No leito da terra aínda pode observarse ese escintileo húmido que impregna o matiz do orballo. Igual ca un manancial implícito que esperta a esencia da natureza.
A mamá tamén acorda, como cada día, talvez alimentada por ese recendo que xermola desa
inmensa paisaxe que está fóra esperando por ela para agasallar os seus ollos. Abre a contra da ventá e unha fervenza de luz inunda o seu rostro, como a caricia dunha bolboreta cando se pousa na meixela dunha folla, que vive para sentir ese agarimo volátil. A mamá alza unha man e repasa as engurras que o lapis da vida debuxa na súa cara. Lembra o día que é: once de abril. A data na que naceu hai xa oitenta e tres anos. Unha vitoria, pensa. A súa nai morrera sendo ela unha crianza e o que debería ser o seu pai, sempre a negou. E soa foi vivindo e loitando, erguéndose das sucesivas derrotas e gozando fugazmente con algún grolo de alegría. Sendo labrega, nai, muller. Matriarca. Mais continúa ergueita coma ese carballo que medra na compaña da casa. E dóelle todo, aínda que non se queixa de nada. Só cavila, de cando en vez, en por que a vida
lle inzou o camiño de silvas, que lle rabuñan a pel do ánimo. Con todo, a mamá non procura unha resposta. Non dispón de tempo para escoitala. No interior da casa tamén a agarda o home co que leva percorrido sesenta e tres anos, de valados e chairas, de toxos e herba seca; ese home que era tan rexo como a rella dun arado pero que dobregou ao xeito dunha vara de vimbio, ese ser ao que coida coma se mudase nunha crianza que pariu a súa vellez.

PARABÉNS, MAMÁ! QUE A VIDA TEÑA RESERVADO PARA TI UN OCÉANO DE ALEGRÍA, TAN GRANDE COMO A LEDICIA QUE SINTO DE SER O TEU FILLO!

—————————————————————————–

 

 

¿Te gusta este artículo? ¡Compártelo!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *