no contubernio das sombras
florea a disidencia do suxeito
——————————————-
abalanceime contra a feitura ilegalizada da xesta
e fun salvaxemente ceibo
como a boca do vento zoando
polos cadrís da tarde
©️ Martiño Maseda Lozano, Primavera 2018
—————————————————————
escorréntase o tempo
no peneirar das mans
—————————————————————-
MAMÁ
Hai un berro, un estalido uterino
que me pousou no leito aterecido da Matria.
Hai unha casa de pedra que ole a memoria
na cunca das túas mans labregas.
Hai unha gadaña que se derrota no prado do solpor
sen a afiadura do teu alento.
Hai unha fiestra que se abre cada amencer
para conversar co florear do orballo.
Hai unha aperta, unha caricia
que amasan o fermento na artesa da vida.
Hai unha fala que coñece os segredos do sangue
cando o arado fende a carne do leiro.
Hai unha primavera que se artella en Ti,
cos hemistiquios dun verso inacabado.
©️ Martiño Maseda Lozano, Primavera de 2018
Feliz Día, MAMÁ! Hoxe e Sempre. Quérote! 😘
——————————————————————————
Cantos bocados de luz caben
na fame dos ollos?
Cantas miradas calan
o que berran os corpos?
©️ Martiño Maseda Lozano, Primavera 2018
———————————————————————————-
SOMBRA NA TARDE
ese zoar do vento abaneando
os cabelos da tarde
ese chiar da natureza na egolatría
dos ollos que a miran
esa sombra que son eu
©️ Martiño Maseda Lozano, Maio 2018
—————————————————————————————
Secuenciar coa mirada
a convulsión da ferida
O tempo eslúese entre enigmas
©️ Martiño Maseda Lozano, Abril 2018
——————————————————————————————
MEMORIA DO PAI
Nesta tarde
na que chían as lembranzas
e renxen as táboas do corazón
pola fenda que cada 25 me trae a túa ausencia
Nesta tarde, PAPÁ,
declárome insubmiso do esquecemento
que goberna os días
sen palabras de ti
©️ Martiño Maseda Lozano, 25 Abril 2018